Sábado 3, Xuño 2023
HomeCulturaTEORÍA DA FICCIÓN, ARTE DA REALIDADE

TEORÍA DA FICCIÓN, ARTE DA REALIDADE

NARRATIVA
Os seres queridos
Berta Dávila
Edicións Xerais
Vigo, 2022
136 páxinas

 

por Manuel Forcadela

Non hai arte sen teoría, di o tópico clásico. Da mesma maneira que non hai teoría sen arte, poderíamos retrucar. Ou mesmo que arte e teoría poden mostrarse como unha única cousa, como un continuum sen solución. Ou que a realidade sempre supera á ficción, insiste o argumentario tópico, como se a realidade fose outra cousa que unha ficción.

Penso nisto lendo a cuarta das novelas de Berta Dávila, Os Seres Queridos, galardonada co último dos Premios Xerais de Novela.

Vaia por diante que son lector asíduo da obra narrativa de Berta desde o primeiro do seus libros, O derradeiro libro de Enma Olsen, e que esta afección continúa na actualidade, logo de ler Carrusel e Illa Decepción, as súas seguintes novelas, porque considero que é unha das voces punteiras da nosa narrativa actual, chamada a ser testemuña deste noso tempo e dos vindeiros.

Considero que é posible constatar un movemento subxacente a toda esta produción ficcional e narrativa, que estaría deseñado por esas grandes polarizacións de significado que vimos de evocar. Por unha banda, teoría fronte a arte. Por outra banda, realidade fronte a ficción. Na primeira das novelas encontramos a autora sumida na creación dunha ficción de arte, executada por medio dunha simulación de enunciación distanciada: o artificio da tradución. Ou sexa, unha muller escribe a súa existencia nunha novela na que tanto o espazo-tempo como as personaxes están a miles de quilómetros de calquera vínculo coa realidade histórica de Galicia.

Desde esa posición, o segundo dos libros de Berta, Carrusel, significaba un xiro significativo, en que viraba para a auto-ficción, convertendo a voz narradora en trasunto da propia autora e das circunstancias da súa vida real. Había xa un algo de novela existencialista no feito de ser a historia que se nos contaba, e o relato que se ía tecendo, unha sorte de aventura conceptual, mesmo filosófica. Tendencia que se agudizaba na terceira das dúas novelas, Illa Decepción, en tanto que a identidade, ligada a espazo concretos habitados pola protagonista, afrontaba agora a inclusión dun novo espazo virtual e imaxinario, vivido como se fose real.

A despedida da amiga Lucía no aeroporto. A meditación sobre a maternidade. Os problemas da concepción, da xestación, do parto. E ao mesmo tempo que unha nova xeración chega, outra que se despide. O amor, a constancia, a fidelidade, un ritmo de ondas que se achegan e se afastan. Ciclos vitais e de ánimo e de afectos. A vida, a morte.

Hai algo pregnante e cálido na voz de Berta Dávila. Algo que anima a seguir lendo, a querer ler máis. E acaso ese sexa o mellor dos encomios: que os seus libros saben a pouco, que a calidade redunda na brevidade, sempre un sistema de vasos comunicantes.