Tempo de bestas

Unha das pezas máis brillantes da nosa narrativa recente é, sen dúbida, este Perder as bestas (2023) de Manuel Veiga Taboada, publicado por Xerais, que nos adentra desde a primeira páxina nun mundo de conflitos sen resolver, resultado de guerras inacabadas, en que o crime e o asasinato son consecuencia de tensións particulares e anteriores, o mundo como unha refrega inútil e constante.

Sobresae a tensión estilística necesaria para alimentar unha trama de fundamento case tremendista, na que o escenario singular das florestas arraianas en tempos da Guerra Civil recrea os percorridos labirínticos de tropas á deriva, guerrilleiros e franquistas, atenazadas pola derrota e a vinganza.

Ficamos prendidos desde o inicio pola radicalidade das accións dos personaxes, exentas de calquera lóxica moral nun tempo histórico que, máis que histórico, podería ser cosmolóxico, tempo de ningures e de nunca que envolve unha alegoría elemental da condición humana.

Celebramos que este Manuel Veiga Taboada, herdeiro daquel Manuel Veiga que, durante décadas, nos acompañou como xornalista das páxinas d ‘A Nosa Terra, encontrase na escrita novelesca a que nos parece a súa mellor versión como enunciador dun discurso irreverente e subverso, digno representante especular destes guerrilleiros míticos e eternos que semellan estar a un tempo dentro e fóra da historia.

E esta acaso sexa, no fondo, a raíz desta trama e do seu encanto, ponderando na balanza o peso que adquiran nun lado e noutro o mito e a historia, a palabra a ensarillar o realmente acontecido e o seu reflexo calibrado ou idealizado no discurso.

Sendo, pois, unha novela que formula alá nos seus adentros (non hai arte sen teoría) a complexa relación entre historia e Historia, cabe sinalar que nos sitúa nese espazo-tempo neboento en que a Historia encontra a súa verdade no mito ao tempo que o propio mito se nos presenta como fillo directo da Historia.

Cabe salientar a densidade desta atmosfera impresionista que, malia a crueza dalgunhas situacións, logra salvar o gozo lector na frescura do seu ritmo e na vitalidade con que unha e outra vez se nos enfocan os actos destas bestas, enunciadas no título. Hai unha esperanza no final da Guerra Mundial de que a derrota do nazismo traia consigo tamén unha recuperación da legalidade suprimida e as partidas de guerrilleiros poidan vencer as contrapartidas organizadas por requetés e falanxistas, ao servizo do novo réxime.

En pouco máis de cen páxinas, Manuel Veiga Taboada non desaproveita a ocasión de acompañarnos por estes montes húmidos e fríos cunha prosa amena e que convida a seguir, tornando a lectura un pracer e un regalo, mostrándonos o confronto e o combate de tropas e de bandos, en que alternan homes posuídos por un ideal e bestas depredadoras e sanguinarias.

Versión contemporánea da narrativa sobre a guerra civil que pode agora tornarse máis literaria que histórica, máis formal que referencial, para ocuparse desde a arte da palabra dun nosos momentos máis cargados de sentido.

Perder as bestas
Manuel Veiga Taboada
Edicións Xerais
Vigo,2023
Número de páxinas: 128