Sábado 10, Xuño 2023
HomeCulturaTempo de contos: "Pentecostés. Veni, Sancte Spiritus"

Tempo de contos: “Pentecostés. Veni, Sancte Spiritus”

Eu sabía, tiña a certeza absoluta de que na poesía de Ana Romaní nada era casual. A última vez que me caguei na tos en público, crin ser o amo do mundo. Fora nun bar cheo de xente, persoas que estaban aló por un motivo que nada tiña que ver coa miña presenza. Cando me quixen decatar, era xa o centro de atención. Observábanme en espera, como se quixeran que continuase cun espectáculo que non existía, que en realidade non fora máis que un pensamento deitado en alto. Mais, sentinme ben coa sensación de ser o centro do universo. Tentei non sorrir para manter a tensión, e dediqueilles o meu mellor perfil. Antes de falar, consciente de que nada máis tiña que aportar a aquela situación, tusín un pouco para aclarar a gorxa e pedín un cigarro.

Unha rapaza achegouse a min cun estoxo de tabaco rubio e un chisqueiro. Prendino antes de darlle as grazas e devolverlle o emprestado. Pronunciei un abbocabile, mentres aseguraba a súa atención. Cos nervios propios de quen busca unha saída a unha situación difícil, confiei nun: esta situación lémbrame un poema de Ana Romaní. Non era certo, ela nunca escribira un texto para unha situación semellante, nunca tivera os bares como centro do seu discurso, incluso, é posible que nunca pisara un na súa vida, mais iso quen o podía saber? Atopábame nun bar, non nunha biblioteca, e o peor que me podía acontecer era que me pedisen que o recitase. Acouguei cando percibín que ninguén entendera o chiste. En realidade non había tal chiste, mais eles que sabían? Quen sabe canto alcol podía estar afectando á súa percepción cognitiva?

Collage de María V. Villamarín

Aos poucos, todos volveron á súa rutina, recomezando coas conversas que deixaran en suspenso no tempo que durara a miña intervención. Como unha figura que sobresae fugazmente como estrela no firmamento televisivo, fiquei apegado á barra, cun cigarro nunha man, diante da cara, e unha cervexa na outra, tentando retrasar a asunción do meu fracaso.

Naquel momento, dei en pensar en manglares, en raíces aéreas e nas aulas de fitotécnia. Eran os manglares de Ana Romaní, os que ela deitaba nos seus versos. Liñas cheas de palabras cun sentido, que confeccionaban unha idea, a idea. Manglares que para min o eran todo, tamén por ser un dos medos que a miña nai me transmitira cando eu era aínda novo, o de ficar prendido pola marea que sube, nun mar que non acouga, desexando volverse contra os cons.

Recunquei na cervexa. En ningún momento debín ter acudido á poesía, se cadra a algún best-seller americano convertido en película, pero nunca a Ana Romaní, porque, alén da súa voz polas ondas, nunca se había facer unha adaptación dos seus manglares para o cinema, porque fóra do contexto dos seus poemas, a terra asolagada non deixa de ser unha forma de auto exclusión, nun país que mira para outro lado.

Intuín a friaxe do exterior cando dediquei unha ollada á porta de saída. Recollín o meu abrigo e fun cara fóra, tentando pasar inadvertido.

Sei que o único motivo para lembrar esta historia, está en que sinto que o meu amor repousa en cada rapaza que se cruza no meu camiño vestida de sábado noite. Trátase dun amor eterno, na eternidade dos minutos que pasan até que as perdo de vista. Isto último dixéramo alguén, o día que morreu de Steve McQueen. Aquel día, souben que o meu destino era ficar varado, lonxe das mareas.