Xoves 30, Novembro 2023
HomeCulturaTempo de Contos: "Ela"

Tempo de Contos: “Ela”

Facía tempo que non dispuña dunha tarde de soidade na súa casa. Chegou ás cinco, acendeu o incenso, púxose un pouco de whisky con xeo e colleu un libro con fotografías do fotógrafo Roi Stuart, probablemente un dos mellores fotógrafos eróticos dos últimos tempos, puxo o disco The Bridge, de Sonny Rollins e comezou a masturbarse. Ese non era o plan cando soubo a media mañá de que disporía da tarde so para ela. Decidira aproveitar para preparar as clases da próxima quincena, pero ao chegar a casa o que fixo foi masturbase e durmir toda a tarde.

As nove foron chegando todos, primeiro o seu fillo maior Roi, logo o seu marido, Luís, e un pouco despois os outro dous fillos, Antón e Lois.

Roi comentoulle que a notaba moi tranquila, ela respondeu que sería por que tiña a musculatura relaxada. Durante a cea cada un contou o seu día, pero ao final todos querían saber que fixera ela ca súa tarde libre. Ela pensou que realmente esa curiosidade por saber o que fixera só podería ser debido ao estraño do feito. Contoulles un par de anécdotas do seus alumnos e xa non lle preguntaron máis. Cada un recolleu o seu prato e se dirixiu a súa pantalla. Ela deuse unha boa ducha, deu un bico de boas noites a todos e meteuse na cama a ler.

A semana seguinte, cando xa marcharan todos, chamou ao traballo e dixo que estaba cunha gastroenterites e que non podería ir traballar, chamou á chica e deulle o día libre. Fixo as camas, recolleu todo e pasou a mañá lendo. Media hora antes de que foran chegando todos, vestiuse, meteu os tenis nunha bolsa e marchou a pasear á beira do mar.

O chegar a casa fixo a cena e como sempre falaron do que lles acontecera o longo do día, ela contou algo que lle ocorrera o curso pasado. Foron marchando, ela quedou na sala para ver co seu marido a serie da semana que vían sempre xuntos. O rematar Luís comentoulle o relaxada que a notaba, que parecía funcionar o de facer ioga todas as mañás.

Unha tarde Ela, leu nun xornal unha oferta de viaxe á Illa de Samoa, na Polinesia, onde vivira Stevenson. Un sono imposible.

Na seguinte cea Ela, sen saber porqué cando lle tocou falar do seu día, díxolles a todos que dentro de dúas semanas tiña que ir a Madrid a un curso, non sabía porque inventara esa historia, pero todos o deron por feito e empezaron a falar de cómo ían organizarse, o cabo de media hora xa tiñan as tarefas repartidas.

Os quince días Ela marchou para o curso, Luís foi levala ao aeroporto e díxolle que sentía moito non poder acompañala, ela o entendeu. Pediulle que non aparcara, que era unha bobada que perdera o tempo.

O pasar pola librería do aeroporto, viu unha edición de peto da Illa do Tesouro, en fronte estaba a axencia de viaxes,e sen saber porqué, cambiou os billetes para Madrid e mercou unha oferta de viaxe a Samoa.

Fai quince noites que todos á hora da cea falan do que lles aconteceu durante o día, recollen os pratos e vai cada un para a súa pantalla. Empeza a segunda tempada da serie que Ela e Luís ven sempre xuntos, e Luís non sabe porqué, pero xa non lle interesa tanto como na primeira tempada.