Xoves 30, Novembro 2023
HomeCulturaTelephones Rouges e o que vos estades perdendo

Telephones Rouges e o que vos estades perdendo

Empeza a ser preocupante. O outro día, no concerto dos Telephones Rouges e Ocler Delalün, eramos catro gatos. Se fose un concerto mediocre, aburrido, lento ou sen intensidade non habería problema. Sería perfectamente respectable quedar na casa. Pero é que foi xusto ó contrario. Outro concerto brillante e vibrante tocado para os mesmos de sempre. Onde estabades?

A intención (a escusa) era presentar Max Split (Mama Vynila Records), o 7 pulgadas compartido polos Telephones Rouges e Piñata. Pero quen abriu foron Ocler Delalün, que fan unha música complexa e intensa. Entre os seus temas, case instrumentais e de ritmos intrincados, distinguíronse “Interstellar overdrive” e “Rasputin”, se ben como referencia é mellor coller o primeiro tema. Pódese chamar rock progresivo, pero tamén hai neles unha enerxía básica que os achega a The Mars Volta. Un descubrimento.

Ocler Delalün

“Pretendemos cuspir o que temos dentro basicamente”, di Matitas Auch, dos Telephones Rouges. E fano entre ritmos primitivos e atmosferas ruidistas, hipnóticas, enrarecidas, ás veces. Outras, con hits indiscutibles (e xeracionais, se iso ten sentido) como “Helio” ou “Ei meu”. O que é indiscutible é a sensación de ver a un grupo real, auténtico, onde non hai pose senon paixón e intensidade. E tamén a impresión de que non desmerece para nada calquera cousa que se poida facer fóra. Os Telephones, como Fantasmage, Ataque Escampe ou Fluzo, como Terbutalina, Emilio José ou Samesugas, son vangarda. O que se fai en Compostela ou en Ourense ten tanto valor como o de París, Berlín ou Nova York (e, dende logo, en Madrid ou Barcelona). Roza o patético ter que dicir isto, pero semella que non nos damos conta. “A escena está moi viva dende hai varios anos, con bandas variadas e algunhas delas moi boas. O que ocorre é que a xente que segue a música segue uns patróns bastante férreos. As excepcións non somos moitas. Aínda hai moito pureta predicando por aí”, apunta Matitas Auch.

Telephones Rouges

Ó ver ós Telephones Rouges un ve tres frontmen pola simple disposición no escenario. Rubena, Matitas Auch e Alito rotan entre o baixo, a guitarra e os teclados, repartíndose as voces (ou os berros). Foso Común, o batería, está de pé, poderoso, construíndo unha base rítmica orixinal sobre a que colocar todo o demais. E perdendo roupa ata quedar sen ningunha. É un espectáculo completo. Intenso, catártico e mesmo divertido. E dá mostra de cantas posibilidades de evolución pode ter un grupo cunha capacidade creativa tan grande e un son tan definido no que caben o ruido e a melodía. Preparan agora mesmo o seu primeiro LP, que “terá obviamente unha nova colección de cancións orixinais e buscará a coherencia estética baixo un son moi definido, que soe natural, a unha banda pechada nunha sala.” Como público, estamos de sorte. Só fai falla que baixedes a vista, que bebades unha copa menos, que deixedes á parte os prexuízos. Se vos gustan Sonic Youth e non vos gustan os Telephones Rouges, non será por falta de calidade. Vós veredes. Logo non digades que non se vos avisou.