A historia como partida de xadrez | ÜBERSCHACH 1937 de Teatro Permanente 

Entramos nunha especie de caixa negra, que non é grande. Somos, aproximadamente, unha vintena de persoas, ocupando todas as cadeiras das tres ringleiras que forman os tres lados do cuadrilátero. No centro, moi cerca de nós, hai outra caixa negra cunha manivela por un lado, enriba da que observamos unha obra plástica de Diego Seixo: “Concerto para cámara: apertura”. Semella unha maqueta ou un pequeno teatro. Sobre un taboleiro de xadrez hai varias figuras de xeometrías e formas simbólicas: unha man co dedo índice apuntando cara arriba, outra cunha especie de batuta, están dispostas a ambos lados dunha cabeza branca sen rostro, un pouco máis adiante un ovo branco, sobre unha peaña, e un boneco pequeno articulado de madeira, sentado enriba dun cubo Rubik…  En diagonal, outro boneco articulado de madeira, un pouco maior, está en pé desde un dos ángulos do cubo negro que nos contén. Este teatriño central e cuadrangular, permanece iluminado por un recorte de luz cenital que, por veces, dá a sensación de que o fai flotar, conferíndolle o status de altar. O teatro é un ritual e nesta sala activouse desde que entramos e nos situamos en torno do “Concerto para cámara: apertura”. 

O teatro tamén é un xogo de estratexia, como o xadrez, como a vida mesma. Así vai ser o texto de Alberte Alonso para este espectáculo “sui géneris”, que toma o título doutra obra plástica que tamén é como un taboleiro de xadrez: Überschach 1937 de Paul Klee. 

A obra plástica de Seixo, alén da súa beleza suxerinte, préstase para activar a nosa imaxinación e pensamento e vai ser unha das actrices de ÜBERSCHACH 1937 de Teatro Permanente, aproveitando a expectativa e algunhas das asociacións que se desprenden dela. 

Alberte Alonso escribe e dirixe unha peza teatral, ÜBERSCHACH 1937, rapsódica e non dramática, interpretada pola actriz-porta-palabra Sonia Salgado e pola a actriz  “Concerto para cámara: apertura”. Teatro no que a palabra actúa tamén como un disparador para recrearmos personaxes e escenas. A obra enfía varias historias que pertencen á do holocausto nazi. A palabra e as imaxes documentais que se intercalan, proxectadas na parede negra, son a manivela desa moviola fantástica que podería ser “Concerto para cámara: apertura” de Diego Seixo, como unha máquina do tempo, transmutada en ÜBERSCHACH 1937, que ademais é a de Paul Klee. 

Por ela transitan os campións de xadrez xudeus,  que se libraron do exterminio nazi grazas a súa arte, e os xogadores alemáns, en partidas moi desiguais, nas que a estratexia fundamental consistía en salvar a vida. Transita a obra de Paul Klee, que tamén se librou da purga nazi e de estar exposición de Arte Dexenerada que organizaran en 1937 en Múnic. Aí está a man que sinala e a man que porta a batuta e dirixe a orquestra: os sinalamentos, a beleza da música empregada pola barbarie nos campos de exterminio… E de aí, por asociación, os movementos dunha sinfonía, os dunha xogada de xadrez e as pasaxes deste relato teatral. 

Todo ten unha certa dimensión parabólica, na que a proximidade coa actriz Sonia Salgado e entre nós, na caixa negra que nos alberga, metáfora do mundo, xunto á concentración que procura a luz, metáfora das artes, parecen pedirnos un respecto e unha atención cara ao terrible que pasou e que está a volver a pasar con moitas similitudes.  

O relato da barbarie é soportable. A peza de Alberte Alonso fai que nos decatemos de que non podemos nin debemos mirar para outro lado, que non debemos esquecer, que a cadea de transmisión non se pode romper. ÜBERSCHACH 1937 non é unha ficción distópica que nos desarme, senón poesía teatral sobre un capítulo da historia nefasto, que sacode a nosa conciencia. E faino procurando a nosa empatía cos que padeceron e padecen. ÜBERSCHACH 1937 ten a estraña calidade, hoxe en día, de converternos en camaradas. 

Teatro Permanente. Vigo, 1 de febreiro de 2026.