logo-tempos-exclusivo Eduardo Alonso, un dramaturgo con poliédrico perfil profesional 

Calquera aproximación á traxectoria de Eduardo Alonso realizada cun mínimo rigor exixiría formular un traballo de tese doutoral sobre a súa figura, sobre os seus logros, as súas creacións e os proxectos levados a cabo en moitos campos. Tamén resulta complicado illar un aspecto da súa historiografía creativa sendo coñecedores de que na creación escénica todo está en relación. Imos aló. 

Por riba de todo, Alonso é un creador en toda a súa contundencia e significado teatral con poliédrico perfil profesional. O seu labor na construción sistémica comeza a mediados dos anos sesenta, cunha  permanencia e dedicación continua na causa teatral galega. Desde entón, a súa presenza no teatro supón un continuo e constate achegamento de creacións en todos os ámbitos, tanto no deseño de políticas teatrais coma na procura da estabilidade e produción sectoriais. 

A súa traxectoria e aprendizaxe teatral pasa por varios grupos de amadores como: Tespis, Teatro Estudio de Ferrol, Pequeño zoo, Teatro zoo, Teatro Antroido, Teatro Andrómena, Cooperativa do Estaribel, Producións do Noroeste, Teatro Xalgarete, Teatro do Malbarate, Teatro Caritel, Teatro do Noroeste Centro Dramático de Viana do Castelo, Teatro do Bolhão de Oporto, Chiripa Producións, Tranvía Teatro de Zaragoza, Centro Dramático Galego, do que foi o seu primeiro director, ou Teatro do Noroeste, a súa compañía actual.

É autor dun repertorio de obras teatrais, 19 até agora, cunha variedade de temáticas e xéneros que van desde o drama á comedia negra, pasando polo infantil e a farsa con aderezos de memoria histórica, como As damas de Ferrol e Último verán en Santa Cristina, que a súa compañía segue representando polo país. 

Premiado por la I Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (1984), Premio Cultura da Xunta de Galicia na modalidade de Artes Escénicas (2010), Premios Max ao Mellor Autor Teatral en Galego (2009 e 2013), Premio de Honra Marisa Soto (2017), Premio de Honra Roberto Vidal Bolaño da MIT de Ribadavia (2023), son só algunhas mostras do recoñecemento sectorial, político e profesional. Mais, aínda así, nós concordamos co crítico e investigador Manuel Vieites cando afirma o seguinte:  “Malia aos premios acadados, aínda en algúns sectores non se recoñece a súa traxectoria, que tamén pasa polo labor teatral docente sendo vicedirector na ESAD na súa primeira etapa…” (“Eduardo Alonso e a dramática da experienciaen Boletín Galego de Literatura nº 51 / 2º semestre (2017): pp. 5-42 /). Ese esquezo, e falta de recoñecemento, actúa de forma contundente no seu labor como autor dramático e naquelas variables conexas á actividade da escrita como son: as versións, dramaturxias, traducións ou adaptacións. 

As sucesivas etapas dun creador teatral 

A miña intención hoxe é focalizar a Alonso como autor dramático, para o que cómpre salientar de entrada diferentes etapas. Por unha banda, o seu compromiso co teatro galego e coa lingua, que podemos situar arredor de 1978. Pola outra, as variables na súa produción como dramaturgo, tradutor, e dramaturxista. Diferenciando nesta última as versións das adaptacións que normalmente poden vir motivadas para afrontar a montaxe de espectáculos nun país, teatralmente falando, sen estruturas profesionais adecuadas ás esixencias da produción, o que obriga en numerosas ocasións aos equipos de dirección a afrontar todos aqueles pasos necesarios para levar a cabo o feito teatral, chegando, por veces, a asumir incluso nóminas técnicas. 

Entre as distincións que colleitou ao longo da súa actividade profesional como dramaturgo, deseñador de políticas teatrais e director están o Premio de Honra Marisa Soto (2017) e o Premio de Honra Roberto Vidal Bolaño do MIT de Ribadavia (2023) e os MAX ao mellor texto teatral en galego por Extrarradios (2009) e Último cowboi (2013).  

 Isto que normalmente distorsiona o feito creativo, tamén leva consigo unha formación baseada na experiencia e un dominio exhaustivo do feito teatral, dos espazo escénicos e das características do drama que logo inflúe en espectáculos e textos para outorgarlles unha redondez exclusiva. No caso de Eduardo Alonso tamén compre subliñar a relación e interacción con outras dramaturxias de autoras e autores contemporáneos con quen intercambia coñecemento e experiencias, como poden ser os casos de Manuel Guede, Imma Antonio Souto, Miguel Anxo Murado, Lola Correa, Candido Pazó, Lino Braxe, Suso de Toro, Carlos Álvarez-Ossorio, Alexandra Moreira da Silva ou Roberto Vidal Bolaño. 

Eduardo comeza como dramaturgo en 1965 cando elabora e estrea en Sevilla, onde estaba a estudar Arquitectura, o seu primeiro texto: Psicología a un rey; un traballo de improvisación de actores que serve de base para un novo texto: Niños, no hacer trampas, estreado posteriormente en Ferrol (1969). Tamén é en Sevilla cando se inicia como director de cine coa película El capricho, que gañaría un premio no nos Festivais de Cine Amateur da Coruña. A actividade cinematográfica continuaría en Ferrol con Las Muletas (1968), que se estreará, 56 anos despois, o pasado 13 de abril de 2024, no Ateneo Ferrolán. 

En 1970, despois do paso polo Teatro Estudio de Ferrol e trala disolución deste, participa na creación de Pequeño zoo, un grupo vinculado á recen creada Sociedade Artística Ferrolá (SAF) con quen estrea El poema del niño (sin título, sin autor) e mais Mac and Marjorie (1970), e fai unha versión de El Principito de Saint-Exupéry. E tras dun breve período en Ferrol, Eduardo e o grupo enteiro dan o chimpo a Madrid na procura da profesionalización teatral, seguindo os pasos iniciados polo director de escena do Teatro Estudio, Alfredo Osset. 

No seu achegamento aos clásicos, é de subliñar a versión que fixo de Medea refundindo textos de Eurípides, Séneca e Anouilh, traballando tamén con Shakespeare (Rei Lear, Noite de Reis, Romeo e Xulieta), Brecht (Galileo Galilei, Estación Mahagonny). E abordou igualmente outras autorías galegas: Queizán, Cunqueiro, Ferrín, Suso de Toro, Rivas, Guede, Lino Braxe ou Fco. Simón.   

En Madrid montan varios espectáculos que distribúen coas producións feitas en Ferrol e ademais estrean, xa como Teatro zoo, un novo texto do propio Alonso, La máquina que sabía hacer actores (1977). É nese mesmo ano cando voltan a Galiza para protagonizar o inicio da actividade profesional aquí dirixindo Laudamuco, señor de ningures para Teatro Antroido (1978). Velaí polo que podemos situar nese ano o inicio do periplo galego con todas as consecuencias de deseño, defensa, e loita do que demos en denominar “O Teatro Galego”. 

A partir de aí, Eduardo Alonso incorpóase á creación escénica en Galiza, na que desenvolve de forma poliédrica todos os oficios que levan á consecución dun espectáculo e a súa distribución. Faino nunha recen creada Autonomía sen canles axeitadas e asentadas para a consecución dos obxectivos que el mesmo marca con claridade, tanto no deseño de políticas teatrais como na construción e creación dos mecanismos institucionais e privados para a consecución dunha estabilidade na creación escénica. Xa desde eses primeiros intres, Alonso deseña e publica artigos que poñen luz sobre unhas estruturas de apoio, financiamento, produción e distribución teatrais practicamente inexistentes no país. Unha Galiza que comeza a lexislar e actuar nos medios culturais coa autonomía política recentemente transferida. Estaba todo por facer. 

Un repertorio construído pedra a pedra 

Unha poética propia constrúese devagar e aí conflúen moitas variables. Algunhas teñen que ver cos imaxinarios propios marcados pola experiencia persoal e familiar, fontes inesgotables de recursos vividos ou de transmisión oral e tamén do teatro visto na contorna e dos repertorios doutras compañías, e por suposto do corpo literario e dramático ao que se ten acceso e co que se dialoga. 

É autor dunha vintena de textos dramáticos, colleitando premios dentro e fóra de Galiza, como os Max de 2009 e 2013 ao mellor autor teatral en galego, e no seu achegamento aos clásicos destaca a súa versión de Medea, refundindo textos de Eurípides, Séneca e Anouilh. 

Eduardo comeza a escribir e a facer teatro desde moi novo, mais os recoñecementos comezan a chegar cando recibe o Premio do Ministerio de Cultura para autores novos polo texto Xan, o perruzo (1981), dando inicio á súa etapa como dramaturgo galego, cuestión que continúa en 1982 co texto Atlántico, para seguir con O país acuático (2000), Alta comedia (2001), As damas de Ferrol (2002), Ensaio (2004), Confesión (2005), Imperial: café cantante. Vigo 1936 (2006), texto polo que recibe o premio María Casares en (2007); Extrarradios (comedia das mulleres desamparadas) (2008), polo que acada o Premio MAX ao mellor texto en Galego (2009), ano no que escribe Glass city (cidade de cristal); en 2010 repón As damas de Ferrol. Logo virán: Último cowboy (2011), Premio MAX ao mellor texto en Galego (2013); Piratas (2011), o texto breve O burato (2011) estreado en La Tuerka (2014), Linda and Freddy, ilusionistas (2013), Palabras malditas (2016), Estado de graza e Animais de compañía (2017), As virxes salvaxes (2020), Gloria nacional (2021), Último verán en Santa Cristina (2022). E tamén unhas novas reposicións: Feirantes (2022) e As damas de Ferrol, esta última con adaptación de Clara Gayo (2023), espectáculo que recibe o premio Luísa Villalta a proxectos pola Igualdade da Deputación da Coruña. Todo un variado repertorio de temática e xénero que vai desde o drama á comedia negra pasando polo infantil e a farsa con aderezos de memoria histórica. Uns referentes. 

Mais o seu quefacer dramatúrxico non remata aí. Tamén traballa cos clásicos. En 1978 fai unha versión de Medea, na que refunde os textos de Eurípides, Séneca e Anouilh, con tradución ao galego de Manuel Guede. A tentación de Shakespeare chamou á súa porta en varias ocasións: primeiro foi Rei Lear (1990), que recibe o Premio Compostela á mellor versión e cuxa tradución realiza Cándido Pazó; logo viría a versión de Noite de reis (1996) realizada con Imma António Souto, e máis tarde a versión galega de Romeo e Xulieta (2007), texto que revisa en 2010 para facer unha nova dramaturxia para a versión portuguesa por encomenda do Teatro do Bolhão de Oporto e o Centro Dramático de Viana do Castelo. Bertolt Brecht non tardaría en chamar, primeiro coa dramaturxia en versión galega de Galileo Galilei (1993) e, en 1998, en colaboración con Alexandra Moreira da Silva, Jorge Castro Guedes e mais José Martíns chega a versión de Estación Mahagonny, unha recreación de Ascensión e caída da cidade de Mahagonny. Caron de Beaumarchais ía seducilo en 1994 coa versión d’As vodas de Fígaro con tradución de Cándido Pazó. En 2000 acomete a versión libre d’A Celestina, comedia dos tolos amores de Calisto e Melibea de Fernando de Rojas. 

No seu traballo escénico tamén dirixe o seu ollar cara outras autorías do país e aí aparecen: Manuel Rivas, Antón de Santiago, Mª Xosé Queizán, Manuel Guede, Xesús Campos, Antonio F. Simón e Lino Braxe no espectáculo de autoría colectiva Galicia S.L. (1988). De Méndez Ferrín realiza con Manuel Guede a versión de Tagen Ata (1990); de Suso de Toro dirixe Unha rosa é unha rosa (unha comedia de medo) (1997); de Miguel Anxo Murado dirixe A grande noite de Fiz (1992) e Historias peregrinas (1995); de Álvaro Cunqueiro realiza unha adaptación escénica que vén a titular Feirantes (1999 [2022]); de Lino Braxe fai a dramaturxia de Campo sur (2002) e dirixe La Mamma (2014). De Lola Correa produce A tixola polo mango mango (muller, non é para tanto) (2005) reposta e dirixida por el en 2012, e tamén dirixe Selección natural (2014). De Roberto Vidal Bolaño dirixe Touporroutou da lúa e do sol (2013).