ENSAIO
Irmandiñas, de Aurora Marco. Laiovento, 2020.
por Camiño Noia
A profesora universitaria Aurora Marco leva tempo pescudando na vida de mulleres que dedicaron tempo e esforzos á cultura e á política de Galicia cuxos nomes son descoñecidos por non figuraren na historia contada por homes. O material conseguido en arquivos, hemerotecas, bibliotecas e entrevistas persoais, permitiulle ir tracexando a biografía desas mulleres en artigos e libros. E son admirables as entrevistas a mulleres que participaron nas guerrillas contra o Goberno fascista.
Irmandiñas, publicado por Laiovento, é o seu último libro; nel compendia o traballo sobre as mulleres no período de 1916 a 1936, correspondente co das Irmandades da Fala. De aí procede a sinécdoque do título, pois unha boa parte das mulleres ás que se refire son compañeiras de irmandiños e colaboraron con eles. Mais, no libro hai outras mulleres, solteiras e casadas, que desenvolveron o traballo a carón de homes sen estaren vencelladas a eles. Todas foron colegas de homes recoñecidos pola historia en asociacións e entidades políticas e culturais creadas para dignificar a nosa lingua e cultura tradicionais, fomentando así a identidade galega.
Irmandiñas recolle o nome dun amplo número de mulleres que fixeron algunha actividade polo País como participar na confección dunha bandeira galega, en coros e cadros de declamación ou en teatro independente e, ás veces, asinando manifestos, impartindo conferencias ou dando un mitin. A autora dá conta do traballo que fixo cada unha das mulleres; maioritariamente, en organizacións de carácter político. Cítanse os nomes de universitarias que colaboraron en traballos de investigación do Seminario de Estudos Galegos, como Carmen Sierra, alumna de Letras que tiña 16 anos cando, convidada polo catedrático de Literatura, Cotarelo Valledor, asiste á unha xuntanza do que sería o SEG con Filgueira e Tobío entre outros. Xuntanzas nas que participaron máis mulleres, como as coñecidas pedagogas Pura Lorenzana e Josefa Iglesias Vilarelle, que editou o primeiro Método de lectura en galego, en 1932. Menos coñecidos son os nomes das socias da asociación cultural “Amigos del paisaje gallego”, creada polo pintor Felipe Bello Piñeiro en 1927 en Seixo (Mugardos), onde “a presenza das mulleres foi a nota singular”. Tampouco é coñecido o nome das militantes do Partido Galeguista, no que Marco contabiliza 190 afiliadas nas provincias da Coruña e Pontevedra, de diferentes profesións e extracto social. Cómpre mencionar a “Agrupación Republicana Femenina”, creada en 1933 e dirixida por Amparo López e Elvira Bao, que foi unha das máis dinamizadoras e numerosas da Coruña con 400 integrantes. Foi importante, tamén, o Grupo feminino do PG ourensán que se presenta o mesmo ano de 1933 cun manifesto dirixido ás mulleres galegas nunha homenaxe a escritora Filomena Dato Muruais.
Irmandiñas é un libro que debe estar nas bibliotecas familiares como fonte de información sobre a importancia para a historia de Galicia do traballo social e político das mulleres.