Martes 7, Febreiro 2023
HomeCulturaSonata en catro tempos

Sonata en catro tempos

NARRATIVA

No día do seu enterro
Cristina Pato
Editorial Galaxia
Vigo, 2022
140 páxinas

por Camiño Noia

A novela está contada desde a terceira persoa coa perspectiva dunha narradora implicada na historia, sucedida entre 1993 e 1996. Mais componse de catro tempos: introdución e exposición do tema, o desenvolvemento tres anos despois, unha reexposición en 2013 e a recapitulación ou coda situada nun futuro ano 2033, cando a narradora lle escribe á irmá dicíndolle que pensa facer a novela da súa vida.

A historia familiar remóntase ós anos sesenta, coa familia e parte da veciñanza na emigración venezolana, e na década dos setenta cando veñen para Ourense, onde se sitúa a historia, especialmente nos bares Caracas e no de Evaristo, na Praza do Ferro e no barrio de Covadonga. Nese ambiente popular móvense os personaxes da historia, xente traballadora con escasos recursos que non precisa papeis para cumprir os acordos. A palabra dada (o “poder da palabra”) ten valor de compromiso: «Deille a miña palabra ao teu pai, el confiou en min cando ninguén o facía», di a perruqueira. A comunidade confía nos seus membros. É un mundo diferente ó da alta burguesía, que non se fía dos acordos apalabrados e precisa asegurar a palabra en papeis que comprometan.

Os personaxes das irmás están descritos polo miúdo como mulleres decididas e con personalidades diferentes. Cada unha defende as súas ideas en vivos debates sobre como actuar ante a situación creada á morte do pai. Unha figura que van descubrindo despois da morte nas conversas coa veciñanza que lles falan da súa nobreza, da súa confianza na xente e da súa xenerosidade. O que leva a unha das irmás a dicir que hai dous tipos de nobreza: a real, que nace da calidade humana demostrada na confianza e na amizade da xente humilde, que non pasa á Historia pero que a constrúe. E da nobreza das clases privilexiadas, só aparente.

No día do seu enterro ten un argumento orixinal difícil de encadrar nun subxénero concreto. Pódese dicir que é unha novela realista e feminista porque recorre á memoria real da xente e son mulleres as que teñen a voz na enunciación e nos diálogos, actuando con intelixencia e liberdade. Unha idea que sen dúbida motivou a autora a escribir a novela, tal como di a narradora en 2013. Mais ten tamén episodios de intriga e investigación que permiten lela como unha novela policial.

Sexa o que for, a novela de Cristina Pato ofrece a memoria das familias aldeás con escasos recursos que se viron obrigadas a emigrar, e que retornaron para traballar no que puideron nalgunha das nosas cidades para darlles unha vida mellor á súa descendencia. Unha novela que fala da loita por sobrevivir, de valores humanos e de mulleres activas, escrita nun discurso áxil, ben artellado, e con trazos de lirismo.


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]