Volvemos centrarnos no eido da narrativa, que tantas alegrías está a achegar ao sistema literario galego, e facémolo dende cinco perspectivas completamente diferentes. Cinco propostas que, cada unha ao seu xeito, ofrecen distintos enfoques á hora de narrar unha historia, sexa esta do tipo que sexa.
Comezaremos con dúas mulleres. A primeira será María Solar, que se afasta un pouco da súa escrita habitual cunha historia dominada polo humor e pola sensibilidade, na que xoga con pericia para arrastrar o lector por vieiros inesperados. A pesar de que non podemos falar dunha novela humorística en sentido estrito, a autora manexa este concepto de maneira habilidosa ao longo de toda a trama.
Con esta coartada, Solar aproveita para afondar na percepción do éxito profesional como eixo existencial e o abandono da intimidade familiar como prezo a pagar, ao tempo que dispersa polas páxinas da novela outras cuestións relevantes.
O relato parte dunha conxunción de circunstancias que levan ao seu protagonista, Elías, recoñecido produtor audiovisual, a vivir unha situación límite. A partir dunha folga absurda durante unha rodaxe, que vén coincidir coa morte do seu pai e a fin do seu matrimonio, comezan a sucedérense situacións delirantes. A máis relevante, o achádego no faiado da casa paterna dunha bomba que o seu pai fabricaba pouco antes de morrer, ou a aparición dunha emigrante sen papeis na casa do defunto. A situación vólvese cada vez máis caótica ao entraren en escena un grupo de anciáns que colaboraban co pai do protagonista nunha trama que se irá destapando a medida que avanzamos na lectura.

Con esta coartada, Solar aproveita para afondar na percepción do éxito profesional como eixo existencial e o abandono da intimidade familiar como prezo a pagar, ao tempo que dispersa polas páxinas da novela outras cuestións relevantes, como a colaboración e a amizade, os problemas aos que se enfrontan os emigrantes, mesmo certas prácticas sexuais fóra do común. Mais entre todos estes temas destaca con enorme lucidez e un tratamento moi delicado, o do abandono ao que, en ocasións, se ven sometidos os anciáns e o seu afastamento dunha sociedade que avanza sen telos en conta. Velaí o celme de toda a historia e o eixo central das peripecias dos seus protagonistas.
Así, entre unha grea de personaxes inesquecibles, destacamos a Merceditas, unha octoxenaria amiga do pai do protagonista, enrabexada co mundo e posuidora das claves principais da historia. Con Merceditas e o resto de membros da cuadrilla de anciáns, Solar reflicte unha sociedade que afasta de si aos que considera prescindibles cando, en realidade, son unha parte esencial para a súa evolución. Velaí un bo material para a reflexión.
A pesar de amosar elementos en común con anteriores traballos de Arantza, esta historia resulta especial polo uso da violencia de que fai gala, así como pola presenza de tres peculiares irmáns que, por momentos, fan lembrar as tres bruxas de Macbeth.
Moi diferente resulta “Asasinato no muíño do cura”, de Arantza Portabales, a segunda entrega da nova saga protagonizada pola policía Iria Santaclara (agora metida a detective) e mailo comisario xubilado César Araújo, “Os crimes de Loeiro”. A pesar de que abundan as referencias á entrega anterior, “Asasinato na Casa Rosa”, e de que ambas historias comparten espazo físico e algúns personaxes, non falamos dunha continuación do relato anterior, senón dun novo caso dos investigadores.
Nesta ocasión, a historia nace varias décadas atrás cun crime, tal e como o título anuncia, no chamado “muíño do cura”. Tempo despois, aparece na vila Alba Mariño quen, sen gardar apenas lembranzas dos seus primeiros anos de vida, anda á procura de respostas sobre o seu pasado e a súa vinculación coa vila. Non tardará en relacionarse esa chegada co asasinato antedito nin en desenvolverse unha serie de accións que parecen encamiñadas a procurar que Alba deixe as cousas como están e non remoa nun pasado agochado.
A pesar de amosar elementos en común con anteriores traballos de Arantza, esta historia resulta especial polo uso da violencia de que fai gala, así como pola presenza de tres peculiares irmáns que, por momentos, fan lembrar as tres bruxas de Macbeth, o que implica unha introspección algo máis escura do que é habitual na autora. Tamén é unha interesante pescuda sobre a memoria e o seu caprichoso decorrer, así como sobre o papel que o pasado pode xogar no presente e sobre o medo a amosar publicamente determinadas eivas sociais, cuestión esta que é o auténtico pano de fondo do relato.
A historia transcorre en dúas liñas temporais diferentes: por unha banda, a dominante, a do presente, que avanza sempre cara adiante; pola outra, máis irregular, a dos meses arredor do momento do crime, coa que a autora vai espallando datos relevantes para a comprensión do que está a acontecer en Loeiro sen desvelar máis do preciso para manter o interese do lector. A brevidade dos capítulos e a axilidade dos diálogos, marca da casa, axudan a fluír a través das súas páxinas.
Outra proposta moi diferente das anteriores é “Reserva natural”, de Álex Mene. Definila como unha novela iniciática pode parecer pretensioso de máis, pero algo diso hai nesta historia breve, pero moi intensa.
Outra proposta moi diferente das anteriores é “Reserva natural”, de Álex Mene. Definila como unha novela iniciática pode parecer pretensioso de máis, pero algo diso hai nesta historia breve, pero moi intensa. Aroa acompaña ao seu mozo Abel a visitar uns amigos del nas montañas fronteirizas entre Galiza e León, onde os anfitrións viven en plena natureza ao coidado dun criadeiro de cans dunha raza especial. O que parecía unha viaxe bucólica e vacacional, significará para Aroa a descuberta dun mundo primitivo e salvaxe que a pon en contacto coa súa propia cara oculta. 
O autor, Álex Mene, semella xogar ao despisto co lector, pois a ambientación inicial recórdanos claramente as historias de terror do Romanticismo: a néboa, os lobos, o misterio dunha estrada descoñecida… Mentres avanzamos na lectura, preguntámonos por onde irán os tiros desta historia esperando ver aparecer algún tipo de ser sobrenatural en calquera páxina. Pero a historia non vai por aí. Todos eses elementos xogan co lector antes de encauzalo por un camiño máis espiritual, no que a vinculación coa natureza adquire un auténtico rol protagonista.
Pola contra, “Bestiário” é un traballo a catro mans asinado polo escritor Vítor Vaqueiro e polo pintor Ánxel Huete, que ten como protagonistas unha serie de personaxes que poboan o imaxinario mitolóxico galego.
O Courel pasa a ser un personaxe máis dunha historia que tamén ten moito que ver co pasado e con experiencias que rozan o misticismo, vivencias que arrastran a protagonista cara a mundos oníricos que lle resulta difícil comprender pero nos que non tardará en mergullarse.
Pola contra, “Bestiário” é un traballo a catro mans asinado polo escritor Vítor Vaqueiro e polo pintor Ánxel Huete, que ten como protagonistas unha serie de personaxes que poboan o imaxinario mitolóxico galego. Ao estilo dos recompilatorios de animais fantásticos medievais, “Bestiário” ofrece unha escolma de medio cento de seres como trasnos, sacauntos, demachiños, olláparos, biosbardos, tronantes… así como personaxes lendarios ao estilo de Ana Manana, a Raíña Lupa, Ith, as mouras ou os baluros.
Son textos breves acompañados de debuxos sinxelos, que propoñen un achegamento literario ao noso imaxinario colectivo, con descricións que van alén do puramente físico para tratar de penetrar no transfondo destes curiosos personaxes. Unha aportación ao coñecemento dun mundo que non debería perderse no esquecemento pola riqueza que, obviamente, aporta á nosa propia natureza.
A obra preséntase nunha edición coidada e fermosa, en galego lusista, que mesmo inclúe os textos introdutorios e unha pequena sinopse dos protagonistas en inglés, o que revela unha clara vocación de externacionalización. A conxunción entre texto é imaxe é completa e só se bota en falla unha ampliación do contido, quen sabe se valorada de cara a próximas edicións.
Tamén se mergulla no noso pasado tradicional a nova proposta de Farruco Graña, malia que dun xeito moi distinto. Xa dende o título, “Eu voun navegar”, se confesa defensor de certos dialectalismos locais, como é o caso dese “voun”, propio do Courel e da Costa da Morte, precisamente dous dos escenarios principais nos que transcorren os relatos incluídos neste volume.
O libro divídese en dúas partes ben diferenciadas: un primeiro grupo de relatos literarios, de distinta extensión, e unha compilación de artigos breves publicados en diferentes medios ao longo do tempo entre os que atopamos columnas de opinión, contos, traballos de investigación ou divulgativos. Mais en todos eles hai un fondo común propio da escrita de Graña, que se caracteriza por ese afán de recuperación de topónimos e microtopónimos, así como de vocabulario esquecido e dalgunhas variantes dialectais das que falabamos. E tamén por unha clara querencia a revisar con agarimo, e ata cun chisco de nostalxia, un pasado rural moito máis comunitario e sociable que o actual, do que se declara firme debedor.
Cando falamos dese pasado, non só nos estamos a referir ao máis próximo, aquel que o propio autor viviu na súa infancia, senón tamén no que transcende os séculos, pois abundan os relatos de personaxes históricos máis ou menos mitificados polo imaxinario colectivo.
Estas son só algunhas das propostas pero, como sempre dicimos, hai moitas máis agardando polos curiosos nos andeis das librarías. Atopalas, é só cuestión de mergullarse neles.





