Luns 2, Outubro 2023
HomeCulturaSOBRE AS ORIXES GALEGAS DO PORTUGUÉS

SOBRE AS ORIXES GALEGAS DO PORTUGUÉS

ENSAIO

Assim nasceu uma lingua. Sobre as origens do português, de Fernando Venâncio. Guerra e Paz, 2019. 312 páxs.

 

por Henrique Monteagudo

Acaba de vir a lume a quinta edición da obra Assim nasceu uma língua. Sobre as origens do português, de que é autor Fernando Venâncio, escritor, tradutor e antigo docente de lingua e cultura portuguesas en varias universidades holandesas. O libro recibiu o Premio de Ensaio Jacinto do Prado Coelho, da Associação Portuguesa dos Críticos Literários, por tratarse de “uma grande obra sobre a origem histórica e evolução da língua portuguesa”, escrita cun “amplo saber filológico que se cruza frequentemente com um humor inteligente”, que “conquistou leitores em Portugal e na Galiza”, e que “obteve um extraordinário consenso crítico, não só em Portugal, mas também na Galiza e no Brasil”.

O volume de Venâncio é unha historia da lingua que se tece arredor do vocabulario, un fío moi axeitado para conectar aquela coa evolución da cultura, e que resulta moi atractivo para o público. O autor leva décadas colocando a súa lupa crítica sobre a historia do léxico do portugués, e chegou a dúas conclusións que contrarían o saber convencional tanto da tradición filolóxica canto da opinión común lusitanas: 1) o galego é a fonte orixinaria de que deitou o portugués, 2) a influencia léxica do castelán sobre este acadou unha enorme extensión no período chave da súa formación, os séculos XVI-XVII. Quer dicir, o portugués clásico conformouse desgaleguizándose e asemade castelanizándose. O primeiro era sabido, o segundo é unha novidade abraiante. Polo camiño, Venâncio descubriu o galego, apaixonouse con el e internouse non só na súa historia senón tamén nos seus problemas. Así, chuzouse de resollo no rodopío reintegracionista, non tivo reparo en mergullarse nas súas lideiras —mantendo sempre o rigor, a intelixencia e a compostura— e chegou ás súas propias conclusións, amplamente explicadas no libro que comentamos.

Un dos obxectivos do traballo de Venâncio é rachar coa ocultación do galego na esfera pública portuguesa. Nas numerosas entrevistas que leva publicado nos medios de comunicación do país veciño non deixa de pór o dedo nesa chaga. Mais  aínda falta moito camiño por percorrer, como demostra a propia nota da Associação dos Críticos que antecitada, en que se gaba a obra por canto ilustra “a força e a independência da língua portuguesa, manifestadas desde muito cedo”, pero o galego non é amentado nin sequera cando se reivindica o volume como a “história de uma língua tantas vezes maltratada”… que vén sendo o portugués!

A editorial Galaxia está preparando a edición galega do texto. Será unha xurdia oportunidade para repensar certos tópicos, e sobre todo para re-enfocar o debate sobre as nosas relacións, pasadas e futuras, co portugués, toldado por prexuízos e complexos de diversa caste. Entrementres, debemos agradecer ao autor que producise un texto que consegue sobexamente, con sabedoría e elegancia, “ensinar deleitando” sobre a lingua, ao público do sur —e axiña tamén do norte— do Miño.