Sobre a Salamántiga viscosa

O libro compila crónicas de xornal publicadas entre 2020 e 2025 en Nós Diario, a revista Luzes, en Caseto, Espaço Clara Corbelhe ou no blogue O Funambulista Coxo. Trátase de comentarios críticos sobre o ámbito español, identificado como rexime do setenta e oito, sobre a Galiza do rexime de Vichy e o Vigo caballeresco, kitsch e -en boa dose- votante do Bloque. Manuel Veiga Taboada saúdao nun epílogo como “o ensaio que precisabamos desde hai tempo”, anotando dúas virtudes patentes no libro: a audacia intelectual e o rigor dun pensamento que tece como un gabián por cima das simplezas tertulianas consuetudinarias.

Polo período en que foi escrito, declina un certo desencanto trala resaca da “nova política” xurdida do 15M e da teleprédica de Pablo Iglesias. Contodo, as tarranchas ideolóxicas coas que está construído o discurso implícito nestas prosas proceden diso que se chamou movemento dos indignados.

Os textos repasan as marcas de auga do rexime do 23F, o seu carácter elitista madrileño e a súa inquina coas nacionalidades periféricas, inserindo a Galiza e Vigo nesa arañeira. A decepción coa revolución podemita (incluíndo as franquicias da Colau, Anova, etc) vén sendo análoga á que experimentaron os revolucionarios franceses hai máis de douscentos anos. O predio da monarquía feudal esbarruouse e a foula escoouse polos portóns abertos de par en par, pero ninguén a imaxinara así. Quen era toda aquela xente? Todos se renderon a ese estrato social capaz de vencer tanto á revolución como á reacción…A minoría revolucionaria foi engulida pola pequena burguesía. (Alexander Herzen, O pasado e as ideas).

Cando David retrata a estampa dos pobres de Vigo viaxando pola cidade en trotinete, le temps revient -como en certa cantiga de Brel- eu véxome no Ourense de 1962, entre operarios que volven ao lar en bicicleta a toque da serea da Fundición Malingre que chama a xantar.

 

Trauma España e outros textos
David Rodríguez
Ed. Libros Lorref