Vidas intrascendentes

No que vai de século, o subxénero máis éxito ten acadado no terreo da comedia televisiva é, sen dúbida, o mockumentary, é dicir, comedias de vinte minutos que simulan ser un documental, pero non o son en absoluto e que destacan polo feito de que seus protagonistas son entrevistados e, ademais, rompen a cuarta parede en algunhas situacións con fins (xeralmente) cómicos. The Office, Parks and Recreation, Modern Family, O que facemos nas sombras, Colexio Abbott… A esta lista hai que sumar agora unha comedia española que desbarata en certa medida o formato: Poquita fe, unha comedia de 12 episodios (un por mes do ano) que segue a unha parella dun barrio residencial madrileño no seu banal, aburrido e irrelevante día a día.  

Por que dicimos que leva o formato a un novo espazo? Ao revés que nas outras comedias, Poquita fe non está rodada imitando os códigos dos documentais, salvo no relativo ás entrevistas a cámara e, sobre todo, o seu valor innovador reside en que tódalas personaxes da serie son entrevistadas. Un personaxe totalmente irrelevante que intervén nunha secuencia presta o seu testemuño, non so os protagonistas, e os testemuños solápanse e contradinse constantemente, amosándonos que a realidade non existe, so as múltiples formas de percibir os acontecementos. Cal é o resultado desta brillante decisión narrativa? Un delicioso festival cómico. Facía moito tempo que non me ría tanto vendo unha serie de televisión.   

O que podía ser un drama sobre a permanente insatisfacción vital, convértese en Poquita fe nunha comedia que é capaz de rirse dos seus personaxes á vez que amosa un amor infinito por eles, sobre todo, pola súa parella protagonista, uns sensacionais Esperanza Pedreño e Raúl Cimas que son capaces de facer comedia sen ter ao seu alcance ningunha frase enxeñosa ou ningún chiste. Como o conseguen? Pondo os seus corpos e as súas almas para falarnos das miserias cotiás que nos rodean, do ridículo constante que acometemos intentando sobrevivir, da nosas pequenas feridas que se van producindo cando nos damos conta de que non imos ser capaces de construír nada que pase a Historia, cando pensamos que estamos a malgastar o máis valioso que temos: o escaso tempo dunha vida finita.  

Soa triste? É triste, pero Poquita fe logra amosarnos os grises da nosa vida dende o humor. Se nas situacións máis desagradables da nosa existencia hai un recuncho para a risa, como non o vai a haber no medio dun día no que non acontece nada extraordinario, so a vida pasando sen pena nin gloria.   

Fronte ao imperativo fomentado polas redes sociais de que temos que facer moitas cousas, visitar moitos lugares e ter ambiciosas metas vitais, Poquita fe termina por reivindicar o cotiá, a normalidade máis absoluta, os pequenos triunfos do día a día, os anacos de felicidade, os momentos hilarantes e esa gran odiada: a rutina.  

Poquita fe 
Creada por Pepón Montero e Juan Maidagán 
Reparto: Esperanza Pedreño, Raúl Cimas, Julia de Castro, Chani Martin
España, 2023