Unha artista cuxas ideas están á sombra dunha sorte de Bansky comeza a desaparecer. Literalmente. Nunha era na que as redes sociais asoballan as relacións humanas esténdese pola nosa sociedade unha enfermidade que afecta, sobre todo, ás persoas maiores.
A partir desta premisa, Álvaro Carmona (Gente hablando, 2018) constrúe a viaxe dunha muller que perdeu toda conexión coa realidade e se somerxe nun mundo que apenas (re)coñece. Polo camiño, Ana-Anastasia reencontrarase co seu irmán, un influencer que vive para e por acadar seguidores, impresións e corazóns en apps como TikTok ou Instagram. Pero tamén aprende o que é a amizade da man dunha aliada imprevisible, e comeza a entenderse a si mesma a partir de encontros con persoas que a empurran a ver outras realidades e afondar nos seus medos.
Aínda que Déjate ver poida resultar reiterativa e sobre-explicativa, tamén é unha das series españolas máis imaxinativas dos últimos anos. Unha ficción que desborda ideas e que recolle o legado de Amanece que no es poco (José Luis Cuerda, 1989) e actualízao para fuxir da trampa máis obvia: retratar a era actual sen claroscuros.
No mundo deliberadamente absurdo de Déjate ver, a xente merca un almorzo non para desfrutalo, senón para sacarlle unha foto e compartilo nas redes sociais, o famoso programa Mask Singer convértese nun debate político e o síndrome de Stendhal maniféstase de forma literal, facendo que as persoas leviten cando o padecen.
A través das diversas aventuras que vive a protagonista no seu novo ollar a unha realidade que xa non recoñece, Carmona consegue coa axuda dunha magnética Macarena Sanz explorar o baleiro no eido artístico e no afectivo. Ambas esferas fusiónanse no que quizais sexa o mellor episodio da serie, o quinto, no que a artista se cruza cun actor teatral nunha historia que vai de adiante para atrás e que destaca por unha posta en escena prodixiosa que vai dotando de sentido a cada detalle do flashforward previo. É máis importante o estético que o ético? Ten máis peso o aparente que o sentinte? Podemos disociarnos tanto como para deixar de sentir nin a máis mínima empatía polos demais?
Non será a ausencia de empatía e a sobreexposición mediática a que fai que nos diluamos? De tanto querer vivir nas redes… non nos estaremos convertendo en pantasmas e deixando atrás o que constituía o real ata hai uns anos e agora xa so se torna en sustento físico do virtual?
Quizais un dos acertos máis fermosos desta dramedia distópica sexa que fuxe do derrotismo. A forma de evitar desaparecer no mundo dixitalizado non pasa por conseguir que nos vexa todo o mundo, senón acadar que a mirada das persoas que nos importan se pouse nos nosos corpos e nas nosas ideas. Hai vida máis alá das redes sociais e do capitalismo dixital… Aínda queda moita vida aí fóra.
Déjate ver
Dirixida e escrita por Álvaro Carmona
Reparto: Macarena Sanz, Joan Amargós, Irene Minovas