Mércores 30, Novembro 2022
HomeCultura Ensaio-erro das nosas vidas

[SERIES] Ensaio-erro das nosas vidas

SERIES

Os ensaios (EE.UU., 2022)

Dirección: Nathan Fielder

Reparto: Nathan Fielder, Chase Maser, Andrea M. Anderson, Anna Lamadrid, Casey Morris, Bryan Marcos, Arnold Y. Kim, Roy James Wilson, K. Todd Freeman.

por Luis Ogando 

A historia dun home, o propio Fielder, que se dedica a montar ensaios absolutamente precisos nos que as persoas poden prepararse para xestionar conversas difíciles, procesos vitais transcendentais (a maternidade).

Nathan Fielder (o personaxe) leva a cabo unha labor complexísima. Reconstrúe palmo a palmo o escenario real, contrata a actores e explota tódalas variantes posibles. Todo é pouco para prepararse para o gran show: a realidade. A vida é difícil e, de primeiras, non estamos ben preparados para afrontala con éxito. Ninguén nos explica como xestionar as nosas emocións e as dos demais en cada instante crítico ou crucial. Ninguén nos ensina a ser pai. Nin a ser fillo. Nin a ser parella. Se puidésemos ensaialo, sairíanos todo moito mellor?

Nathan Fielder (o creador, o artista, se me permitides) acada un dos maiores éxitos do audiovisual de 2022. Unha serie tan rara, persoal e suxestiva que cala fondo. Tanto a nivel intelectual como emocional.

O que podería ser, só, unha comedia absurda torna rápido nunha dramedia intelixentísima. Que desborda ideas en cada plano e en cada liña de diálogo. Colle os códigos visuais e narrativos dos programas de telerrealidade e retórceos para construír unha obra profundamente íntima, na que os personaxes teñen espazo para falar e para reflexionar. Neste senso recorda a outra xoia recente de HBO: How to with John Wilson. Unha forma de narrar nas marxes do que se está a facendo hoxe en día.

Á vez que fai todo o que vimos de sinalar, o creador xoga permanentemente coas nosas expectativas. Así, o paródico deixa paso á pureza das emocións humanas. Nos ensaios que fai hai medo, tristura, ledicia e esperanza. As persoas que o contratan para formarse en como xestionar a súa propia vida séntense reais. Persoas de a pé, desas que non saen nas pantallas. Persoas imperfectas e un chisco danadas. É dicir, coma a maioría de nós.

É xusto nese punto é cando Os ensaios non só se volve sublime pola forma, senón tamén polo contido. Detrás das risas, da ironía, do absurdo, escóndense momentos de beleza humana. Nathan Fielder é, ante todo, un humanista. E, despois, un home cheo de dúbidas. Tanto o personaxe como a persoa replantéanse constantemente o sentido do que fan.

A premisa podía dar lugar a unha sátira descarnada e salvaxe. Sen embargo, non hai nada diso en Os ensaios. O protagonista actúa dende a bondade. Os participantes métense de cheo no xogo sen prexuízos. E nós, o público, de pronto vémonos chorando coa historia dun profesor afroamericano adicto aos concursos de Trivial que leva moitos anos mentíndolle aos seus amigos sobre a súa formación académica.

__________________

 

Os ensaios

Creada por Nathan Fielder

Reparto: Nathan Fielder, Chase Maser, Andrea Anderson

 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]