Humor para sobrevivir 

Pódese crear unha serie rabiosamente feminista protagonizada por personaxes que non o son no máis mínimo? É factible escribir unha obra sobre a sororidade en torno a un grupo de mulleres que se pasan seis capítulos facéndose dano as unhas as outras? Such Brave Girls amosa que si.  

Esta comedia negra cóntanos o inmenso esforzo que fan unha nai e as súas dúas fillas por sobrevivir fronte o empobrecemento, o maltrato dos homes ou a depresión entre outras pragas.  

De feito, Such Brave Girls podería ser un drama de dimensións xigantescas, que rozase a pornografía da dor como Bailar na escuridade (Lars von Trier, 2000), pero elixe ser unha serie hilarante salpicada por un humor escatolóxico, salvaxe e escurísimo na mellor tradición da comedia inglesa.  Todo ilo sen renunciar en ningún momento a tecer un discurso clarividente sobre a pobreza da clase obreira e como esta se combina cos crecentes problemas de saúde mental das xeracións máis novas para conformar un cóctel explosivo. 

Se unha persoa apenas ten cartos para comer e ata perdeu o seu coche, como vai a gastar o diñeiro que non ten para ir a un psicólogo ou a un psiquiatra privado ante o desmantelamento do Estado do Benestar e a escasa cobertura do servizo público de saúde das enfermidades mentais? 

Esa pregunta sobrevoa Such Brave Girls en varias ocasións e conecta a esta serie con outra comedia inglesa de recente estrea en España e na que clase social e saúde mental tamén se dan a man: Big Boys (Jack Rooke, 2022). Sen embargo, mentres esta opta por unha aproximación máis doce e, sobre todo, benevolente cos seus personaxes; a serie de Sadler é lapidaria e non lle aforra as súas protagonistas ningunha humillación. A súa forma de apiadarse delas é amosar todas as súas imperfeccións e fracasos para transformalos en risas que non os xulgan.  

A esta extraordinaria primavera de series ideadas por cómicos británicos debemos sumar unha das que máis repercusión tivo nestes meses a nivel global: O meu reno de peluche (Richard Gadd, 2024). Ao igual que en Such Brave Girls e Big Boys, hai un retrato brillante da dobre crise de precariedade económica e problemas de saúde mental que atenazan a persoas empurradas a situacións máis ou menos traumáticas. No caso do drama de Gadd, moito. 

Sexa como for, o que consigue que Such Brave Girls destaque é a súa aposta por converter situacións durísimas nun auténtico festival de chistes, frases soberbias e tres interpretacións dignas de aplauso. Pois tanto Kat Sadler como as súas dúas co-protagonistas entréganse en corpo e alma a un exercicio de catarse no que a dor se expulsa a través dos infortunios das protagonistas e das gargalladas dos espectadores.  

Sobrevivir neste mundo noso hiperconectado e no que o diñeiro o condiciona todo é toda unha aventura e no transcurso dela case mellor rir que pegarse contra un muro. 

Such Brave Girls 
Creada por Kat Sadler
Reparto: Kat Sadler, Lizzie Davidson, Louise Brealey