Moito se ten falado e escrito sobre a decadencia da socialdemocracia en Europa dende os anos 80. Fronte a irrupción do neoliberalismo, os partidos socialdemócratas clásicos decidiron sacrificar as súas ideas e valores tradicionais para adoptar o marco discursivo e programático de Thatcher e Reagan, replicado con éxito por todo o mundo.
Isto amósase con estilo, intelixencia, complexidade e mordacidade en Power Play, unha nova xema da televisión norueguesa, que xa fai tempo que deixou de vivir á sombra do audiovisual sueco e danés.
A finais dos anos 70, o Partido Laborista de Noruega atópase nunha situación de inestabilidade orgánica tras a dimisión do primeiro ministro e o reparto do poder entre a ala máis á esquerda, que pasa a controlar o partido, e a que se sitúa máis á dereita, que se consolida ao fronte do goberno. No medio deste xogo de tronos sitúase Gro Harlem Brundtland, unha médica que é activista pro-aborto e filla dun antigo dirixente do partido. Ao longo dos seis episodios da serie, Gro vai escalando posicións nun partido anquilosado, aburguesado polo (e no) poder e, obviamente, estruturalmente machista.
O deliciosamente perverso de Power Play é que a protagonista, a teórica heroína que abandeira o ecoloxismo e a modernidade, tamén é a representante do cambio de paradigma. É dicir, da claudicación do proxecto socialdemócrata fronte ás ideas neoliberais, a asunción de que máis vale a Empresa que o Estado, o individual que o común. Un mundo no que conceptos como meritocracia ou emprendemento se empregan para xustificar políticas que desmantelan o Estado do Benestar e desactivan a participación política e sindical da clase obreira.
Ata aquí, o lector podería pensar que Power Play é un drama político, pero en realidade estamos falando dunha sátira partidista na que os grandes temas amósanse entre delirantes conflitos de poder. Esta escolla fai que esta ficción que xoga coa realidade para amosala deformada sexa aínda máis ferinte, incisiva e enxeñosa.
Unha obra que pode lembrar as series e películas de Armando Ianucci (Veep, A morte de Stalin, The Thick of It). Sobre todo, no seu retrato da banalidade dos políticos (o soberbio capítulo ambientado integramente nun tren que recorre Noruega durante unha campaña electoral), pero que tamén ten un influxo claro do estilo de Adam McKay (A gran aposta, Vice), para ben e para mal. Por exemplo, na ruptura da cuarta parede, a introdución dun elemento meta que non aporta gran cousa e a construción dun personaxe que sobre-explica a historia e que é o único fallo dunha serie que, polo demais, amosa unha intelixencia narrativa, discursiva e de emprego do arquivo audiovisual encomiables.
Cando deixou a socialdemocracia de ser hexemónica no eido electoral e no ideolóxico? No preciso momento en que preferiu sacrificar o segundo para manter o primeiro. Un gran erro histórico que comezou no momento histórico que reconstrúe Power Play e se consolidou de forma irremediable co triunfo do Novo Laborismo e de Gerard Schröder.
A falta de vitorias que celebrar, máis vale rir que chorar.
Power Play (serie)
Creada por Johan Fasting, Kristin Grue e Silje Storstein
Reparto: Katherine Thorborg, Jan Gunnar Røise, Anders Baasmo Christiansen