A ira non entende de racord

Despois de tantos anos (des)facendo televisión, quedan poucas regras sagradas por escachar. Unha delas é o sacrosanto respecto ao racord. É dicir, se unha actriz leva un xersei amarelo, non pode pasar a ser laranxa no seguinte plano se nos atopamos dentro da mesma secuencia.  

A demolición do racord so é posible cando se está a facer un relato surrealista. E non son as explosións de furia puro surrealismo? So desta forma se pode entender que Furia, a derradeira produción de HBO, escrita e dirixida por Félix Sabroso presente uns erros de racord tan clamorosos na súa recta final. Que o quebracabezas non encaixe chega a manchar a historia polifónica dun grupo de mulleres que se ben expostas a situacións extremas que fan tremer as súas vidas. A maioría delas provocadas por homes corruptos, inmorais e profundamente misóxinos. 

A primeira virtude de Furia non está nin na posta en escena nin no guión, senón na capacidade de Sabroso para rodearse dun reparto de actrices difícil de superar: Candela Peña, Carmen Machi, Ana Torrent, Cecilia Roth, Pilar Castro, Nathalie Poza, Claudia Salas… É xusto destacar, sobre todo, ao dúo Peña-Torrent, que nos regala o episodio máis divertido e interesante nunha especie de El Corte Inglés que nos lembra irremediablemente a Crimen Ferpecto (Álex de la Iglesia, 2004). 

A segunda bondade desta obra radica en como Félix Sabroso non teme abrazar tanto nos diálogos, como nas situacións e a posta en escena unha narrativa orgullosamente trash e kitsch. Neste senso, Furia mírase no icónico espello de A morte séntavos tan ben e, claro, no Pedro Almodóvar de Mulleres ao borde dun ataque de nervios (1988) ou Kika (1993). 

Pola contra, a forma de empatar os diferentes relatos é, como xa sinalei ao inicio deste texto, un desastre. Dende logo, Félix Sabroso non é Robert Altman (Vidas cruzadas, 1993)). Quizais esteamos ante a montaxe dunha serie máis caótica dos últimos tempos.  

Tamén se lle nota, a Sabroso, ao igual que ao seu mestre Almodóvar, unha desconexión coa rúa. No seu esforzo por defender a tese de que o machismo non entende de clases sociais, intenta abolilas equiparando os problemas das mulleres de clase obreira cos das burguesas. O resultado, evidentemente, é inconsistente discursiva e narrativamente. 

Na mesma liña, cando intenta achegarse á realidade de rapazas centennials, o único que fai é plasmar estereotipos superficiais que banalizan os problemas aos que se enfronta esta xeración. Ao mellor equivócome, pero penso que Sabroso non conversou cunha muller de menos de 50 anos dende hai moito tempo e pensa que a artista anteriormente coñecida como Twitter é a realidade. 

En definitiva, Furia é un delirio divertidísimo cando non se toma moi en serio a si mesma, unha obra inane cando o fai e un despropósito cando intenta unificar as diferentes historias que compoñen a serie. 

Furia 
Creada por Félix Sabroso 
Reparto: Carmen Machi, Candela Peña, Pilar Castro