Sentir a calor da luz na pel

Dúas enfermeiras comparten piso nunha Mumbai caótica, masificada, chea de vida e fermosa a pesar da súa hostilidade, sobre todo, para as mulleres. Payal Kapadia cóntanos o día a día de ambas. Prabha está casada cun home que leva moito tempo emigrado en Alemaña e non é máis que un fantasma. Anu namorouse dun home musulmán é, polo tanto, trátase dunha relación que xamais será aprobada pola súa familia nin o seu entorno. Ambas loitan por sobrevivir nunha cidade en constante expansión na que o conservadorismo choca coa modernidade. 

A luz que imaxinamos, a gañadora do Gran Premio do Xurado de derradeiro Festival de Cannes, podería ser un drama social tráxico e durísimo, porén é un filme tenro, sensible e si, luminoso.  

A cámara de Kapadia é capaz de captar os sentimentos das súas protagonistas e amosarnos Mumbai a través de estampas cotiás da vida urbana dunha cidade na que, mires a onde mires, atoparás a outra persoa ollándote a ti.  

Falando deste filme, un amigo díxome que Payal Kapadia estaba a facer con Mumbai o que Allen fixo con Nova York ou Almodóvar con Madrid: abrirnos unha ventá para poder visitala e chegar a coñecer como son as persoas que habitan eses espazos. Urbanismo e urbanidade. Iso si, mentres os cineastas anteriores sempre nos amosaron a cidade dende a óptica e a forma de habitala burguesa, a cineasta hindú cólanos na vida de dúas mulleres de clase obreira. E tanto o xénero como a clase moldean a maneira na que percorren a cidade, a desfrutan e a padecen. Carmen Maura mollábase en A lei do desexo (1987) porque quería, Anu empápase porque en ningún lugar desa cidade infinita pode estar baixo teito co home ao que ama. 

Ademais de ser unha extraordinaria obra sobre unha das urbes máis grandes do mundo, A luz que imaxinamos tamén nos convida, no derradeiro acto da película, a viaxar ata o rural da India e seguir imaxinando xunto as súas protagonistas novas luces que nos iluminen e nos bañen coa súa calor.  

Así, os últimos trinta minutos están cheos dunha beleza difícil de describir con palabras. Por iso, se estás lendo este texto, recoméndoche de todo corazón que lle deas unha oportunidade ás imaxes deste filme. Payal Kapadia roda o sexo cunha beleza, sensualidade e emoción sublimes. Igualmente, os últimos 10 minutos son fondamente fermosos. Unha reivindicación rotunda da tenrura como sentimento revolucionario fronte á tendencia global a ser incapaces de comunicarnos e entendernos os uns aos outros.  

A luz que imaxinamos 
Dirixida e escrita por Payal Kapadia 
Reparto: Kani Kusruti, Divya Prabha, Hridhu Haroon