Neste delirante mundo globalizado e enfermo de velocidade, volverse viral está á orde do día. Mais resulta sorprendente que unha pequena serie canadense sobre xogadores de hóckey gays haxa traspasado o nicho ao que parecía estar condenada e se haxa transformado en unha obra mainstream.
Que é o que ten Máis que rivais para seducir a millóns de persoas? Ao igual que, por exemplo, a adaptación de Cumes borrascosas de Emerald Fennell (Unha moza prometedora, 2020; Saltburn, 2023), esta serie é filla do seu tempo, sobre todo, na forma en que está contada. E cal é esa forma? A total ausencia de silencios.
Como calquera persoa que teña consumido (ese verbo!) vídeos en Youtube, TikTok ou Instagram sabe, os contidos nesas redes sociais están editados para eliminar os silencios. De aí que o plano non sexa a unidade gramatical básica do audiovisual das redes sociais e que un mesmo plano se multiplique por decenas, xa que a tesoira é necesaria non para mudar de imaxes, senón para erradicar os silencios de quen fala.
Máis que rivais ven a facer algo semellante. A historia vai avanzando a velocidade de vertixe entre cada un dos encontros dos dous protagonistas. Unha serie feita a base de elipses na que non hai silencio nin tempo para coñecer aos dous rapaces e entender por que se namoran un do outro.
Precisamente, o que explica o seu éxito, é, para min, o seu maior hándicap: non cre nun espectador paciente. Non aposta por ofrecernos un remanso de paz e reflexión, senón por colar o ritmo desenfreado das nosas vidas tamén no tempo de lecer, no sofá nunha tarde deste chuvioso inverno, na cama antes de durmir.
Porén, esta é a forma na que moitas persoas ven hoxe as obras audiovisuais, como consecuencia do consumo masivo de vídeos nas redes sociais.
Cales son os outros motivos que explican o inesperado éxito de Máis que rivais? Por unha banda, non podemos esquecernos de que as historias de amor imposible levan seducindo á humanidade dende tempos inmemoriais.
Dous homes condenados a odiarse e cuxo amor debe ser forzosamente secreto constrúen ao longo dunha década unha improbable historia de amor. Dende logo, é fácil deixase engaiolar por iso.
O outro motivo é que propón unha realidade máis amable da que estamos a vivir e que nos cuspe na cara á menor ocasión. Cando escribo estas liñas, Pascal Kaiser, un árbitro alemán, foi agredido dúas veces despois de proporlle matrimonio ao seu mozo nun estadio de fútbol.
A violencia contra este colexiado evidencia, unha vez máis, que algúns deportes de masas están vampirizados por grupos de homes enfermos de odio.
Máis que rivais reivindica o amor como medicina contra todo. Oxalá fose así de sinxelo. Quen non querería vivir na realidade alternativa destes xogadores de hóckey?

Máis que rivais
Creada por Jacob Tierney
Reparto: Hudson Williams, Connor Storrie, François Arnaud





