Sargadelos e a tradición esquecida

Como é ben coñecido, Antonio Raimundo Ibáñez (Oscos, 1749; Ribadeo, 1809) foi un empresario ilustrado que utilizando os criadeiros de mineral de ferro, as terras refractarias e a riqueza fragueira carbonizable da bisbarra do noroeste lucense, concibiu cara ao final do século XVIII a idea de construír en Sargadelos unha siderurxia que contou cos primeiros altos fornos da Península ibérica.  

Como epígono da siderurxia, entre 1804 e 1807, ideada tamén por Ibáñez, sitúase o nacemento dunha moderna fábrica de louza na abandonada parroquia de Santiago de Sargadelos, que utilizando os xacementos de caolín de Burela creou a fábrica de louza que producía “louza tipo Bristol” e que, entre outras innovacións, introduciu o decorado mecánico e a louza estampada.  

As envexas acabaron con este home de 60 anos, que, acusado de afrancesado, en 1809 foi atrozmente asasinado como culpable do delito de edificar o máis vasto complexo industrial da Galicia do Antigo Réxime. tralo asasinato do Marqués, as empresas pasaron por numerosas vicisitudes ata 1875, ano no que, tanto a sección de siderurxia como a de cerámica pecharon definitivamente as portas.   

O LF naceu como unha institución que tiña como aspiración principal recuperar a memoria histórica e apoiar todo tipo de investigación que tivese Galicia no seu horizonte.  

Noventa e cinco anos despois, o Laboratorio de Formas de Galicia (LF), ente teórico e viveiro de ideas creado en 1963 no exilio arxentino por Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane, proxectou a recuperación de Sargadelos. O LF naceu como unha institución que tiña como aspiración principal recuperar a memoria histórica e apoiar todo tipo de investigación que tivese Galicia no seu horizonte. E Sargadelos non renacía só como unha factoría, senón máis ben como un movemento cultural, social e ideolóxico que consideraba o complexo de Sargadelos como a empresa industrial de máis importancia e prestixio do pasado galego.  

En 1964 o LF asinou un convenio con Cerámicas do Castro para constituír a Sociedade Sargadelos, Lda., no que se especificaba que o LF se reservaba a dirección técnica e artística do complexo de Sargadelos. Así, en 1968, empregando as materias primas dos depósitos veciños de caolín, iniciaba as probas nunha pequena planta experimental e o 10 de maio de 1970 inaugurouse a planta circular proxectada polo arquitecto Fernández Albalat, construída a 700 metros da vella factoría de siderurxia. Desde entón, a fábrica de Sargadelos, coa cor azul cobalto como elemento identificador e a actualizada estrela de sete aspas radiais da primeira época como marca, producía servizos de mesa de porcelana de alta temperatura decorada baixo cuberta e, asemade, un material ornamental, na mesma porcelana, que interpreta unha iconografía galega, con mitos e feitos históricos. Recoñecendo a súa relación coas teorías que van desde John Ruskin e William Morris, desde os racionalistas e construtivistas rusos, ata Tomás Maldonado, I. Sutherland e T. Johson, pasando polo exemplo clásico das experiencias configurativas do Bauhaus, Vchutemas e Ulm, o LF sempre tentou de se facer notar máis polas súas realizacións que polas súas formulacións teóricas. 

Final da utopía 

Tras unha vida intensa ao servizo da dignidade humana e da ética por riba de todo, Isaac Díaz Pardo, que pasou a vida creando factorías culturais e espazos contra o baleiro, foi apartado da presidencia das Fábricas de Cerámica do Castro e de Sargadelos polos accionistas. Con egoísmos e deslealdades, a golpes de usura e desmemoria, os seus propios socios arredárono do control das empresas que el creou.

A traxectoria de Díaz Pardo como empresario comezou en 1949, data na que se constituíu a sociedade Fábrica de Cerámicas do Castro Sociedade Limitada con Isaac Díaz Pardo e Xosé Rey Romero como socios fundadores con igual participación. En 1951 incorporouse como socio capitalista Federico Nogueira Pazo. A comezos dos anos 60, Isaac como fundador e administrador, para premiar a súa dedicación integrou no capital social do Castro a Luís Marentes López, e a Xosé Luís e Ánxel Vázquez Freire. No ano 1996 os sucesores de Federico Nogueira e en 2001 os de Xosé Rey decidiron vender as súas participacións no Castro e en Sargadelos, que se transmitiron a Santiago Sineiro, Xosé Luís Vázquez Montero, os fillos de Díaz Pardo e María Xosé Castro Chas. Integrouse tamén no capital social Segismundo García, o único en entrar no capital sen ter vinculación coas empresas, que foi comprando accións ata acadar en 2019 o 90% do paquete accionarial a base de adquirirlle as accións aos membros da familia Vázquez e outros accionistas menores e de promover unha ampliación do capital social do Castro, que Segismundo, ao subscribila por completo, erixiuse como presidente do consello de administración, posto que ocupou Xosé Luís Vázquez Montero desde decembro de 2013 ata maio de 2015.  

No seu mandato Vázquez Montero desentendeuse dos innegociables principios de desenvolver a visión de Galicia estudando as formas de todas as expresións que recolle a nosa historia es as nosas tradicións que hai que conservar facéndoas evolucionar porque tradición quere dicir traspaso e non quedar no pasado. E a cambio estableceu as liñas do deseño aportado polas vaixelas coloristas con motivos de paxaros e peixes e unha colección de floreiros dos creadores da firma de moda feminina Alianto, do grupo de deseño industrial El último grito, con base en Londres, do deseñador danés Tobías Jacobsen, etc.   

Para revivir a manufactura de Sargadelos, o LF e Cerámicas do Castro plasmaron un acordo de colaboración polo que O Castro podía participar no accionariado de Sargadelos. Cristalizado o acordo entre ambas entidades, xorde o Convenio de colaboración de 1965, asinado por todos os socios do Castro e do LF e protocolizado notarialmente. Os puntos básicos do convenio son os seguintes:

1º. Que a idea de revivir a antiga manufactura de cerámica de Sargadelos nace do LF.
2º. O principio e o propósito da creación de Sargadelos coincide co obxecto que ten o LF.
3º. Sargadelos, ao nacer do espírito do LF, ten que manter uns valores que achega o LF.
4º. O LF correrá de forma exclusiva coa orientación estética e a planificación de todas as formas utilizadas pola fábrica.
5º. Esa liña de conduta estética involucra a todos os asinantes do convenio, que se comprometen a non abandonar nunca, malia calquera resultado mercantil que se dese.
6º. É o LF quen ofrece ao Castro a colaboración neste asunto.
7º. Establécese a necesidade de conceder participacións sociais en Sargadelos aos técnicos da fábrica cando demostren a súa eficiencia.
8º. Das utilidades que obtivese Sargadelos, un 10% sería destinado a premiar os colaboradores remunerados da planta.
9º. Outro 10% sería destinado a traballos de investigación científica ou artística relacionados cos fins da sociedade. 

O LF, a través de Díaz Pardo, asumiu a dirección estética e de deseño de todas as formas cerámicas que se converteron nun fenómeno social e cultural propio de Galicia. Como contraprestación, Sargadelos sempre sufragou os gastos do LF e do seu labor. O Castro e os seus socios cumpriron escrupulosamente o pactado ata 2006 e promoveron a creación dunha serie de instrumentos e sociedades auxiliares directamente vinculadas ao grupo. 

En 2001 Isaac propúxolle aos seus socios que lle cedesen a metade das súas participacións á Fundación Sargadelos que el promovía coa intención de que fose esta quen se encargase de preservar o carácter sociocultural da empresa aínda a costa de non repartir beneficios. 

En 1971, case inmediatamente despois de empezar a funcionar a Fábrica de Sargadelos, creouse o Grupo Técnico e Organizador da Cerámica de Sargadelos (GT), que se integrou no accionariado grazas a unha reserva que se fixera do 14% do capital. Para formar parte do GT, formado inicialmente por Andrés Varela Martínez, Santiago Sineiro García, Henrique Enríquez Casas, Antonio Rolle Fernández e Eduardo Gradaílle Sierra, requiríaselles traballar en Sargadelos e residir nun radio máximo de 25 km. 

En 2001 Isaac propúxolle aos seus socios que lle cedesen a metade das súas participacións á Fundación Sargadelos que el promovía coa intención de que fose esta quen se encargase de preservar o carácter sociocultural da empresa aínda a costa de non repartir beneficios. Desde o principio, Segismundo García mostrou unha férrea oposición á creación da Fundación e convenceu a parte dos socios, que na maioría dos casos recibiran as participacións por deferencia de Isaac, para opoñerse á creación da Fundación. Os do Castro empezaron a fallar e escrituraron a metade do que se acordara. Ante tal situación, en 2006 Isaac dimitiu como presidente da Fábrica de Cerámica do Castro e pouco despois nunha tensa xunta xeral de Sargadelos Ltda. celebrada o 26 de xuño, os asinantes do Convenio de 1965, incumprindo os seus compromisos e manipulando os estatutos do GT, forzaron a saída do LF e de Isaac da administración e xestión do grupo Sargadelos. Isaac, tan despegado das ambicións económicas, non era accionista de Sargadelos, senón que só era o representante do Laboratorio de Formas en Sargadelos.  

No momento da asemblea xeral que forzou a expulsión de Isaac como director xeral de Sargadelos, a configuración accionarial de Sargadelos estaba composta da seguinte maneira: o Laboratorio de Formas participaba co 18% das accións, Cerámicas do Castro co 37%, a Fundación Sargadelos co 9%, a Fundación Luís Seoane co 3%, o Grupo Técnico e Organizador de Cerámica de Sargadelos co 14,%, repartíndose o resto socios individuais.  

Entre as accións do Laboratorio de Formas, Fundación Luís Seoane, Carmen Arias, Andrés Varela, Camilo e Xosé Díaz e o GT, Isaac controlaba o 51%. Pero na xunta de accionistas, o secretario do consello de administración logrou privar de voto ao GT, que lle era afín, e Isaac quedou en minoría e foi destituído no mellor momento da entidade.  

Nese momento a composición do GT xa non era a inicial, senón que, para resolver un problema de participacións recíprocas derivado da nova Lei de Sociedades Anónimas, ao morrer un socio e ter que negociar a compra da súa participación cos seus deudos, o secretario deulle entrada ao Castro con dúas participacións, e ao Laboratorio de Industria e Comunicación (LICSA), con unha. Naquel momento, a correlación de forzas dentro do GT rexistraba un empate porque eles controlaban as dúas participacións do Castro máis unha de Sineiro fronte a unha de Gradaílle, unha de Andrés Varela e unha de LICSA. Houbo empate no GT e, como manipulando os estatutos lograron que O Castro votase, cando formaba parte do GT como sociedade xurídica, con voz pero sen voto, e que lle retirasen a Isaac o poder dirimente para decidir nos empates, que lle correspondía como representante permanente de Sargadelos no GT. Así, o GT non puido votar na xunta de accionistas de Sargadelos e defenestraron ao LF da presidencia de Sargadelos, pero con máis trampas e irregularidades porque o artigo 8º dos estatutos do GT especifica que os seus membros teñen que ser persoas físicas, non xurídicas, formar parte do cadro de persoal de Sargadelos e residir a non máis de 25 quilómetros da planta. Así que en aplicación dese artigo sobreentendese que nin O Castro nin LICSA cumpren os estatutos. 

No período 1970-2006, baixo a dirección do LF, Sargadelos acadou unha destacada actividade industrial, cultural e científica e un recoñecido prestixio.  

Trala destitución de Isaac formaron o consello de administración Santiago Sineiro, Javier Remeseiro e José Luis Vázquez Freire. Díaz Pardo acusounos de pretender quitarlle o carácter cultural á empresa para darlle outro meramente mercantil. 

No período 1970-2006, baixo a dirección do LF, Sargadelos acadou unha destacada actividade industrial, cultural e científica e un recoñecido prestixio. Non ben se fixeron co control empresarial, os administradores que sucederon a Isaac foron fagocitando o armazon cultural que enriquecía o grupo: Ediciós do Castro, Museo Carlos Maside, Seminario de Sargadelos, Escola Libre e Encontros Estivais de Sargadelos, Laboratorio Xeolóxico de Laxe, Seminario de Estudos Galegos, Gráficas do Castro-Moret, Laboratorio de Industria e Comunicación e o Instituto Galego de Información, que completaba as tres frontes ideadas por Seoane e Díaz Pardo -arte, industria e comunicación- para a actuación do LF.  

O caso do grupo Sargadelos e a destitución de Isaac conmocionou o mundo cultural galego e desatouse unha auténtica fervenza de actos de desagravio e de recoñecemento aos seus innumerables méritos. Pola súa relevancia simbólica e institucional é de salientar o manifesto que máis de mil intelectuais galegos, encabezados polas sinaturas de Xerardo Fernández Albor, Fernando González Laxe e Manuel Fraga Iribarne lle presentaron en xaneiro de 2008 ao presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, no que lle pedían que por constituír un patrimonio cultural de Galicia enteira, mediante o procedemento acaído, preservase e garantise a continuidade e supervivencia do complexo O Castro-Sargadelos a cuberto de calquera eventualidade e de calquera peripecia empresarial que o puxese en perigo de desnaturalización, estrago ou desaparición. 

Privar a Sargadelos desa armazón supuxo desvirtuar e baleirar de contido o proxecto do LF, ideado por Luís Seoane e Díaz Pardo no exilio arxentino. 

Privar a Sargadelos desa armazón supuxo desvirtuar e baleirar de contido o proxecto do LF, ideado por Luís Seoane e Díaz Pardo no exilio arxentino. Sendo tan importante a estrutura empresarial organizada a través do LF o máis salientable das mandas de Isaac son as causas xustas que defendeu incansablemente, a loita pola dignidade, o sentido ético que lle imprimiu ás súas empresas, afastadas de calquera tentación especulativa. A interminable relación de actos que se sucederon a partir dos anos sesenta no Castro, en Sargadelos e nas Galerías Sargadelos, fainos pensar que sendo privadas, as empresas creadas por Isaac funcionaron con criterios de empresa pública orientada a fins socioculturais colectivos. 

Desde que os “traidores” ao espírito do LF e Segismundo uniron os seus votos para desaloxar a Isaac, os accionistas ata que Segismundo se fixo coa maioría das participacións, os accionistas conviviron enfrontados e os bandazos do consello de administración, sobre todo baixo a presidencia de Segismundo, foron constantes. Once conselleiros e exconselleiros de Sargadelos tiveron que declarar en 2013 no xulgado nº 1 de Viveiro, acusados por Segismundo de derivar diñeiro das fábricas ao Instituto Galego de Información. E tanto como xerente como conselleiro delegado foron constantes os seus enfrontamentos cos traballadores, aos que a empresa lles negaba todo tipo de información. 

Trala recesión da actividade económica causada pola expulsión de Isaac como alma máter do grupo Sargadelos e pola depresión económica de 2008, comezou a crise de Sargadelos, que tras encadear 5 expedientes de regulación de emprego (ERE), reducións de salarios, contratar e prescindir de varios xerentes, declaración de suspensión de pagos por unha débeda de 5 millóns de euros en marzo dese ano, suspensión de pagos (2014), concurso de acredores, despido de 70 traballadores das fábricas do Castro e de Sargadelos (2014), peche da Galería Sargadelos de Santiago (2014) e da de Ferrol (2016), peche da fábrica de Sargadelos sen autorización da autoridade laboral (2025). A actual administración que por todos os medios intenta silenciar o inconmensurable traballo do LF e omitir a xigantesca figura de Díaz Pardo para converter o complexo O Castro-Sargadelos nunha empresa exclusivamente capitalista, que non respecta a súa brillante memoria. Só se rexe polos obxectivos económicos sen recatarse de entrar en permanente conflito co cadro de persoal.   

Destituído, pois, de todos os seus cargos a Isaac só lle quedaba o seu posto de conselleiro delegado do Instituto Galego de Información, o seu último bastión no grupo Sargadelos. E Isaac resistiu no IGI con 89 anos e coa economía e a saúde xa moi deterioradas, convalecente dunha operación cirúrxica, atendido polos seus colaboradores máis directos e por Martiño Noriega como médico persoal. Aínda así, dirixiu a evacuación da súa biblioteca e da documentación que custodiaba, case toda ligada á historia do galeguismo, da Guerra Civil e do exilio. Catro camións dunha empresa de mudanzas trasladaron todo este inxente patrimonio ao estudo do seu domicilio familiar do Castro de Samoedo e ao Seminario de Sargadelos.

E Isaac, escrupuloso cumpridor do seu deber, escribiulle unha carta aos socios do IGI na que, entre outras cousas lles dicía: “Ao fin chega o momento no que teño que despedirme de vós. Unhas circunstancias excepcionais na máquina da xustiza acabaron con todo o que tiña un significado reivindicativo da cultura galega no grupo Sargadelos…  O Seminario de Sargadelos, aínda que era unha institución tecnolóxica e científica, completábase cunha sección de comunicación que deseñaba e vixiaba que Sargadelos non pasase de ser só un negocio. Ediciós e Gráficas do Castro foron as que crearon ese concepto de reivindicación da memoria histórica que logo en Madrid converteron en lei. E ao IGI, que xa estaba ferido de morte, tocoulle este 11 de xaneiro de 2011 recibir a derradeira puñalada… Renuncio a seguir loitando seguro de que as responsabilidades virán aínda que non me atopen vivo”.  

E chegou o infeliz día sinalado polo xuíz para a celebración da xunta de accionistas do IGI. Isaac xa non estaba en San Marcos. Pola mañá acudira a Viveiro a comparecer no xulgado para ratificarse na querela que presentara contra seis administradores de Sargadelos, aos que acusaba dun delito societario por tomar decisións empresariais na súa contra. Pola tarde tivo lugar a xunta de accionistas do IGI á que non asistiu e na que o seu fillo Camilo lle entregou unha carta á letrada que por orde xudicial presidiu a reunión, na que Isaac presentaba a súa dimisión irrevogable, que lle permitía irse antes de ser destituído. A maioría, o Grupo Sargadelos que controla o 75% do accionariado do IGI, votou por un novo equipo directivo que, nunha xogada de perversidade moral, incluía a Isaac, e que, por suposto, non aceptou.