Cando soño os teus ollos de madrugá

Tras cumprir os 18 anos, Marina chega a Vigo na busca dun certificado do rexistro civil no que figure que é filla do seu pai, un home ao que non chegou a coñecer. Necesítao para poder obter a beca que lle permita estudar para converterse en cineasta. Na ría de Vigo, entre ondas, néboa alta e reflexos do sol, vaise perdendo na historia de amor e inmolación dos seus pais co diario da súa nai como única guía. 

No percorrido, descobre as mentiras que lle contou a súa familia materna e escudriña nas incoherencias e silencios da súa familia paterna para intentar entender como os seus pais e centos de persoas da súa xeración foron barridos pola heroína e o sida. 

Carla Simón pecha a triloxía sobre a súa familia tras as fabulosas Verán 1993 (2017) e Alcarrás (2022) cunha aventura galega na que conseguiu filmar unha película incluso máis fermosa (e luminosa!) que as anteriores. 

Todo ilo a pesar de que estamos ante un drama que funciona como un dobre axuste de contas. Por un lado, a cineasta busca mergullarse nas escuras e brillantes augas nas que os seus pais foron felices ata que naufragaron nelas. Por outro, é imposible obviar certa vendetta contra a familia paterna nese retrato hilarante que fai duns burgueses banais e ridículos.  

Por iso, cústame catalogar a Romaría como unha película humanista, como teñen feito varios críticos dende a súa estrea no Festival de Cannes. Non penso que haxa confianza nas virtudes do ser humano neste filme, nin en ningún dos anteriores de Simón. O que si hai é unha mirada honesta cara as persoas. Esa mirada amósanos o pasado dende o terreo da misericordia, e o presente dende unha estupefacción indignada fronte á desmemoria. 

E, así, chegamos ao gran tema do filme: como construímos/deformamos/recuperamos/manipulamos a memoria daquilo que ocorreu na nosa ausencia. De que testemuños nos fíamos? É lexítimo encher os ocos con un pouco de imaxinación? Pódese evitar facelo?  

No derradeiro acto de Romaría, Simón recorre ao realismo máxico para intentar completar o relato fragmentado, mutilado e manipulado dos seus pais. Un xiro narrativo e formal co que acada momentos sublimes (a terraza do delirante edificio da illa de Toralla, os corpos espidos en plena fuxida, a danza de pantasmas…). 

Unha invitación a completar a memoria íntima dos nosos pais con soños, ante a imposibilidade de construíla con certezas.  

Como xa facía Sarah Polley no soberbio documental Stories We Tell (2012), Simón chega á conclusión de que a resolución dos enigmas é imposible porque tanto os vivos como os mortos somos un cúmulo de incoherencias e contradicións ás que lle intentamos dar forma a través dun relato que nos deixe saír o mellor parados posible. E a propia Carla Simón non é unha excepción a ilo. Romaría é un emocionante e belísimo intento de relatar a memoria.  

Romaría 
Dirixida e escrita por Carla Simón 
Reparto: Llúcia Garcia, Mitch, Tristán Ulloa