Para falar de música non se pode pretender a obxectividade, pero si a honestidade. Respectar as emocións que nos provoca e tentar facerlles xustiza contándollas ós demais. E para falar de emocións, o mellor e remitirse ás cancións que as crean en primeira instancia. Isto non é unha lista dos 15 mellores temas, nin un repaso cronolóxico. Son cancións que serven ó mesmo tempo para provocar temas e para ilustrar a historia da banda de rock máis importante de sempre. Escoitade e lede.
Time is on my side
Hoxe os Rolling Stones xa non teñen o tempo do seu lado da mesma maneira. En 1962 tíñano por diante. Agora pasaron cincuenta anos nos que cambiaron a maneira de entender o rock and roll. A nivel industrial e a nivel artístico. É a mellor bagaxe, pero pesa. En 1980, John Lennon dixera: “Agora felicitan ós Stones por levar xuntos cento doce anos. Nos 80 preguntarán: “¿Por que seguen xuntos estes tíos?” (…) Verán ós Beatles e ós Stones como verdadeiras reliquias. (…) Ensinarán fotos do tipo cos beizos pintados e meneando o cú, e os catro tíos malos cos ollos pintados de negro tentando parecer provocativos. Ese será o chiste no futuro.” Pasaron os 80 e dúas décadas máis e souberon rexurdir unha vez detrás doutra. Pero seguen sendo os mesmos Stones? Ou venderon a súa alma ó demo?

Waiting on a friend
A historia dos Stones é, primeiro, a historia dunha parella. Jagger e Richards odiáronse e quixéronse profundamente ó longo dos anos. Pero a suma das súas personalidades (ou a súa confrontación) é a esencia da súa música. Keith é o corazón, visceral, auténtico e imprevisible. Mick é o cerebro, intelixente, calculador e teatral. Nos seus discos é fácil ver o conflito. Incluso na mesma canción. Pero sen el non habería nada, non sería posible ese estraño equilibrio entre as raíces, a expresión honesta e a reinvención constante.
Play with fire
Nese conflito non só estaban Mick e Keith. Non se pode entender ós Rolling Stones sen todos os Rolling Stones. Sen Brian Jones, o primeiro lider. Jagger: “Para el, os Stones eran unha banda de blues baseada na tradición de Muddy Waters e Elmore James. Non creo que realmente lle gustara tocar cancións de Chuck Berry”. Cando Jagger e Richards comezaron a compoñer tomaron o control. Pero o que os uniu a todos foi a paixón polo rhytmn and blues e (ou) o rock and roll. Os seus primeiros discos estaban cheos de versións de Muddy Waters, Slim Harpo, Chuck Berry, Bo Diddley ou Willie Dixon. O vampirismo dos Stones comezou así, inocente.
Under my thumb
Aínda que sexan case o sinónimo do rock, os Rolling Stones son un grupo atípico musicalmente. Non se basean, dende logo, no virtuosismo. Tampouco demasiado no aspecto melódico. A súa esencia, como a esencia primitiva do rock and roll, está no ritmo. Bill Wyman: “Todos os grupos de rock and roll seguen ó batería. (…) Así é como funciona, excepto no noso grupo. O noso grupo segue ó guitarrista rítmico. Cando se produce un retraso dunha centésima de segundo entre a guitarra e o magnífico toque de batería de Charlie, iso cambia o son. (…) O resultado final é esa pulsación libre que se produce entre Keith, Charlie e máis eu”. Partindo do seu carácter, asimilaron as raíces negras e a música pop para levalas máis lonxe. Cando o rock and roll aínda podía ser unha moda pasaxeira, eles pasaron de estrelas pop a artistas. A música popular comezaba a ser o mellor reflexo da época, e o seu carácter xuvenil permitíalle ser transgresora e provocativa. Os Stones rexeitaban o establecido con agresividade e arrogancia na música e nas letras. Richard Merton, crítico, explicaba que negaban a ortodoxia da música pop: “o amor, os ciumes e os lamentos non existen. A explotación sexual, a desintegración mental e a inmersión física son os seus sustitutos”.
Connection
Nos 60 os Stones eran ó mesmo tempo unha máquina de facer cartos e unha ameaza contracultural. Vendían millóns de discos e ó tempo colaboraban con Jean-Luc Godard. Alentaban á revolta, e tiñan crédito entre os intelectuais. Allen Ginsberg: “Os Stones son un dos maiores activos culturais de Gran Bretaña, e deberían ser honrados polo reino en vez de ser vapuleados”. Non todo era provocación baleira. Representaban, como outros, a resposta ó establecido. E eran conscientes de estar no punto de mira: en Connection cantan que “están morrendo por engadirme ás súas coleccións”.

No expectations
Jagger a Richards: “O flower power era unha morea de merda, verdade? En Jumpin’ Jack Flash non había rastro de amor, paz e flores, verdade?”. A mediados dos 60 apuntáranse á psicodelia. Forzaran o seu son, pero atoparon o camiño. Voltaron ó blues e ó rock and roll, sen imitar fórmulas preexistentes e sumando piano e sección de metais. Abríronse a colaboradores cruciais. Jimmy Miller, produtor, puxo orde no caos que vivía o grupo: Anita Pallenberg, a moza de Brian Jones, pasara a ser a de Keith Richards. A el, Ry Cooder ensinoulle a afinación aberta que usaría dende aquela e acusouno de roubarlle os riffs. Richards: “(Cooder) tocaba moi ben, pero eu aprendín cousas de moita outra xente. No rock and roll é normal tomar prestado. (…) Ás veces dinme: “Ese tío está copiándoche.” E que?”.
Midnight rambler (live)
Os Stones xogaban coa controversia que xeraban. Dende “Deixarías que a túa filla saíra cun Rolling Stone?” ata autoproclamarse Satánicas Maxestades. Pero a lenda negra medrou a partir de 1969. Expulsaron a Brian Jones do grupo. Xusto despois, morreu en circunstancias estrañas. Volveron saír de xira, logo de tres anos. O público xa non eran adolescentes berrando. A súa reputación en directo ía aumentando, agora con Mick Taylor á guitarra. Mick Jagger cantaba Midnight rambler dende o punto de vista dun asasino, un violador, igual que en Sympathy for the devil se transformaba no demo. Como un dos intérpretes máis brillantes, estaba creando personaxes, sacando todo o partido posible ó teatro do rock and roll. Sempre había a dúbida de que era verdadeiro e que era calculado. Pero algo rematou por voltarse en contra deles coa traxedia do festival de Altamont, onde un rapaz morreu apuñalado polos Hell’s Angels, encargados da seguridade. Era a fin da inocencia dos 60.
Torn and frayed
Keith e Mick comezaron a afastarse. O primeiro cara a heroína, mentres Jagger comezaba a atender as contas do grupo. Romperon o seu contrato tiránico con Decca e crearon Rolling Stone Records. Exiliáronse a Francia por motivos fiscais e alí gravaron Exile on main street no soto de Nellcôte, a mansión de Keith. Jagger: “Había unha humidade incrible. Non podía soportalo. En canto abría a boca para cantar, quedaba sen voz. Era tan húmido que todas as guitarras se desafinaban antes de chegar ó final da canción”. O método de traballo anárquico marcábano os ritmos da adicción de Richards, pero xurdiu a inspiración. A electricidade roubábana da rede ferroviaria. A música, da tradición americana para expresar a súa visión do mundo, crúa e marcada polas drogas no momento en que rematara para sempre o idealismo hippie.

Winter
Richard Lloyd (guitarrista de Television): “Aqueles discos de mediados dos setenta, de Goats head soup a Black and blue, teñen unha vacuidade que me doe escoitar. Porque escoitas os anhelos, o intento honesto, pero tamén o fracaso”. Logo de Exile, veu a decadencia, pero non foi unha decadencia patética. A nivel artístico, amosa os problemas creativos. Entre a irregularidade e os devaneos eclécticos, aparecen cancións marabillosas. E ó mesmo tempo as vendas do grupo medraban co éxito de Angie ou It’s only rock and roll. Jagger e Richards comezaron a vivir en países diferentes, no literal e no figurado: un estaba interesado en codearse coa jet set e os intelectuais e o outro estaba converténdose no que o crítico Nick Kent describiu como “o ser humano máis elegantemente destruído do mundo”.
Respectable
Jagger: “O rock and roll é fillo do serrín, deses clubes horribles nos que a xente se pon enferma e vomita, deses incribles vaqueiros azuis, chaquetas de coiro e demais. Cando o sacas dese elemento, que é moi vital e aínda existe, corres o perigo de perder grande parte da sustancia. (…)” En 1977 os Clash cantaban “non Elvis, Beatles ou Rolling Stones en 1977”. Eran os dinosauros, desfasados. A contracultura quedara atrás. O satanismo tamén. Non podían rebelarse contra o establecido porque pasaran a representalo.
Before they make me run
A pesar de todo, eles definían o estilo de vida do rock and roll. Richards sobreviviu á época de milagre, sen acabar morto ou en prisión por drogas: “Están decididos a ilegalizar o rock and roll. Van tanto por min porque é máis interesante (…) A eles excítalles, pero para min non é máis que outra actuación”. Aínda eran incómodos. E conseguiron rexurdir das cinzas. Prescindiron dos músicos de sesión que condicionaran a dirección do grupo e adaptáronse á época en Some girls. Volvía o son primitivo, de banda, coa chegada de Ronnie Wood. Richards: “Xa case me acostumara a que os Stones sonaran a min e a Mick Taylor. Woody e eu podemos poñernos a tocar ata que ningún dos dous sabe quen fixo o último fraseo. É unha conexión moi profunda. Convertémonos nun só instrumento”. Recuperaban o soul, aceleraban o rock and roll para achegalo ó punk e poñían un ollo na pista de baile. E sonaban ós Stones.

Yesterday’s papers
Na traxectoria do grupo quedou moita xente polo camiño, aparentemente sen que a eles lles preocupara demasiado. Ian Stewart, pianista, era inicialmente o sexto stone. Cando asinaron co manager Andrew Oldham dixo que non encaixaba na imaxe, así que quedou como roadie e colaborador. O propio Oldham rematou despedido cando non tivo máis que aportar, igual que Brian Jones, consumido polas drogas e as inseguridades (e falecido pouco despois). Jimmy Miller acabou adicto e prescindiron del, igual que do saxofonista Bobby Keys. Mick Taylor, adicto tamén, marchou pola súa conta. Outros, como Gram Parsons, que colaborara moi estreitamente con Keith, acabaron mortos. Richards: “Os Rolling Stones destrúen á xente a un ritmo alarmante. Hai algo en nós que os fai enfrontarse cara a cara consigo mesmos, ás veces da mellor das maneiras, ás veces da peor”.
The singer not the song
Cando volveran a ser eles, volveu o conflito. Keith conseguira deixar a heroína e volvía ter moito que dicir nos asuntos do grupo. Jagger quería continuar adaptando ó grupo ás modas e facendo cartos. Fixeron os seus peores discos, Undercover e Dirty work, mentres Mick comezaba (sen éxito) unha carreira en solitario, chegando ata a negarse a xirar cos Stones provocando o enfado dos demais. Charlie Watts pasaba pola crise de mediana idade entre adiccións e Ian Stewart, moi unido a todos, morrera de súpeto en 1985. Keith pensou que o grupo rematara e gravou disco só: “A todo o mundo lle gustan as cousas claras, e cos Stones nunca será así. Se todo rematou ou non, dependerá de como se sinta cada persoa no grupo”.

Mixed emotions
Finalmente, volveron en 1989. Dende aquela, sacaron catro discos moi vendidos e pouco lembrados, cortados polo mesmo patrón e producións sen sangue. Bill Wyman marchou no 93. As súas xiras convertéronse en acontecementos. Pero ás veces dá a impresión de que pasaron do sector da cultura ó do ocio. Mentras Bob Dylan, Neil Young, Johnny Cash ou Marianne Faithfull (que fóra moza de Jagger e amante de Richards nos 60) recuperaban o seu crédito artístico, os Stones convertíanse no maior espectáculo do mundo. Jagger: “O rock and roll é arte e negocio e ninguén pode escapar diso. Os Stones son unha empresa e cando saímos de xira moitas familias dependen de nós.” Sen risco, non hai arte.
You can’t always get what you want
E agora? Parece que volven despois das últimas leas. Os que nunca os vimos esperamos poder facelo en 2013, que pode ser (esta vez si) a derradeira xira. Podemos conservar a esperanza de que se fagan xustiza a si mesmos. Algunhas cancións dos últimos discos valían realmente a pena. Cando eu ou calquera da miña xeración descubrimos ós Stones, xa eran o que son hoxe. Pero é difícil velos da mesma maneira logo de ter escoitado Happy ou You can’t always get what you want. A eles e a calquera. A grandeza de antes é a decepción de agora. Non sempre podes ter o que queres. Pero eles tamén o dicían: ás veces, se o tentas, tes o que necesitas.