Domingo 4, Xuño 2023
HomeCulturaRolling Over: o rexurdimento

Rolling Over: o rexurdimento

Se cadra o título desta crónica soa un tanto poético, ascético e ata vetusto. Mais ningún destes adxectivos poderían describir as concurridas, por momentos caóticas, fantásticas noites que tiveron lugar esta semana no recén nado Twist & Shout Clube de O Grove, no marco do festival chamado ‘Rolling Over 2012’.

O do ‘rexurdimento’ vén das palabras que o dono deste local, André Sánchez, dixo ao remataren os concertos de Disco Las Palmeras! e dos Telephones Rogues na noite do xoves, e que en referencia á gran acollida e atención que tivo o festival, dixo que rexurdiran como a ave fénix das súas cinzas.

E a verdade é que semella que esta vila pendurada do continente comeza outra vez a ter esa movida nocturna de música de calidade, bo rollismo e efervescencia cultural, que nos últimos anos, e tras o peche de locais míticos coma Vado Permanente ou Vinilo, estaba de capa caída.

Día Primeiro: punk, noise, garage e rock and roll

O festival deu comezo coa actuación dos xa recoñecidos Disco Las Palmeras!. Este ano estiveron por todo o territorio español e, entre outros, formaron parte do cartaz do Primavera Sound e do Sonorama, e estarán no Festival do Norte de Vilagarcía, co seu ámbun ‘Nihil Obstat’. Os integrantes son Diego Castro López (1979, Sarria) na guitarra e na voz, David Lorenzo Lafuente (1974, Vilagarcía de Arousa), coa batería, e dende o ano pasado, tamén Julián López Goicoa (1990, Vigo) na guitarra. O grupo naceu hai pouco máis de dous anos e dende entón non pararon. Practicamente visitaron todas a comunidades a excepción do País Vasco e as illas, e xa están a preparar o seu segundo disco que irá selado tamén pola discográfica compostelá Matapadre.

O seu nome naceu un pouco da nada (e remite algo ao “tropicalismo e ao garito chungo” segundo Diego Castro), pero a súa formación foi meditada. Pertencían a outros grupos, e precisaban atopar o seu propio son –que non me atrevo a precisar, pero que pulula entre o noise-punk-pop– e decidiron levar adiante un proxecto en común. Eles queren seguir traballando, aínda que miran ao futuro a catro ou seis meses vista, pois no plano profesional e artístico nunca se sabe. Porén para este grupo todo pinta ben para seguir traballando a reo durante uns anos máis; no Twist & Shout arrasaron. O concerto foi intenso e ben recibido. As súas cancións reverberaron entre a pedra e a madeira do clube meco e a enerxía liberada durou toda a noite, dende o comezo preto da medianoite, ata ás cinco da mañá.

Telephones Rouges

Despois deles e tras un breve receso viñeron os mecos Telephones Rouges. Xa levan dende o 2007 dando que falar por todo o territorio español, con moitos concertos ás costas, e nuns días cumprirán 5 anos como banda. O seu nome, coma adoita ocorrer nestes casos, foi froito da inspiración momentánea e saiu da cabeza de Rubén Domínguez Pérez (1987, O Grove) que baixo o alias de Rubena toca a guitarra, o teclado e os berros –coma eles mesmos se refiren á parte vocal–. Cada un, amais de ser parte do grupo, ten a súa vida profesional e académica. Xa se sabe que nesto da arte, en calquera das súas manifestacións, senón é mainstream, é moi complicado poder gañar o suficiente para chegar a fin de mes tranquilamente, e durante un tempo estable e prefixado. Os chavales dos Telephones, a pesares de traballar e actuar a reo, non poden nin sequera investir na mellora dos seus equipamentos. Pero polo menos agora xa non perden cartos e van, coma se di, tirando.

Son parte do grupo dous irmáns. Os Unruh. Na guitarra, teclados e berros, está o maior deles, Matías Unruh Piñeiro (1987, O Grove), baixo o alias Matitas Auch, e que produciu ‘Max Split’ co grupo barcelonés Piñata nos Estudis Ground de Girona, coa colaboración de Jordi Brugues baixo o selo de Mama Vynila Records. O menor dos irmáns é Alexander Unruh Piñeiro (1990, O Grove) que toca o baixo e tamén berra, baixo o nome Alitos, e que compaxina a vida de músico cos estudos de Medicina en Santiago de Compostela.

O seu momento estelar foi sen dúbida cando o batería José Cores Medrano (1985, O Grove) alias Foso Común, quedou en panos menores co seu corpo pintado con spray e que traballa coma informático para unha empresa multinacional de roupa que comeza irónicamente por “Indi”, pero que de independente non ten moito.

A guinda do pastel da primeira xornada deste festival puxéronna Motocross o muerte Dj, integrante de Los Thyssen e de Elemental Querido Watson, e que nos fixo bailar co mellor do rock and roll, rockabillie et al., e Manu Tf, que non pertence a ningún grupo ou cousa parecida pero que leva un blogue que se chama culturadeseu. Para os que o desexen, a produtora Equinozio estivo gravando os concertos da primeira xornada do Rolling Over 2012, e porán o video a disposición dos que estean interesados en adquirilo.

Día Segundo: Venres de pop

Debido a imprevistos de última hora o grupo Morlans non puido acudir, nin os Dj’s Charlie Raw e Gonzalo Bea Montenegro. Pero por sorte, e coa velocidade que define a unha boa e áxil organización, Morlans foi substituído por Alex Casanova (1990, Vilagarcía de Arousa) e volveron aos mandos da cabina Motocross o muerte DJ e Manu Tf. Alex deleitou e fíxo bailar aos presentes cun pop divertido e electrónico, amais de alegre. Formou parte The Friendows pero decidiu comezar en solitario. Él faino todo, armado dun teclado, unha mesa de samples e un micrófono, e cun son fresco e entretenido seguro que poderá sacar disco en pouco tempo.

Aries

Logo foi o turno da encantadora ex cantante de Charades (grupo que durou oito anos), Isa Fernández Reviriego (1979, Bilbao). Baixo o nome de Aries, presentóu o vinilo Magia Bruta. Unha doce voz que animou a todos os presentes e que fixo os preparativos para unha nova noite de Rolling Over no Twist & Shout Clube. Ademais, a súa presenza foi moi especial xa que cumpríu anos e puideron adicarlle un “Parabéns…” os membros do staff.

Unha vez máis Motocross o muerte e Manu Tf puxeron o telón de fondo. Unha noite redonda.

Sábado de pre-resurreción

A intensa programación da Semana Santa rematou cunha idea que segundo me contaron, xurdiu nunha das tardes de limpeza e avituallamento do Clube Twist & Shout. Ocorréuselles facer unha pinchada para irónicamente pechar esta semana festiva. Con esta fin invitaron a DJ Beato con música temática para a ocasión, e algúns dos camareiros puxeron uns colos clericais.

Foi a fin dun Festival que segundo os organizadores pretende alongarse durante este 2012 con diversos concertos espallados durante todo o ano. Unha aposta interesante e novidosa que intenta sortear a mala situación do negocio hostaleiro cun chisco de inxenio.