A escritora Rexina Vega, colaboradora de longa data coa revista Tempos Novos, onde mensualmente se publica a súa columna Luz de gas, é unha das tres finalistas, xunto con Alba Moledo e Carmen Villar, do XXII Premio Afundación de Xornalismo Francisco Fernández del Riego, tal e como fixo público o xurado. A vogal do mesmo, Fina Casalderrey, destacou sobre as obras finalistas que “os temas foron variados, de índole intimista, feminista, de análise política, de identidade, de saúde física e mental e de reivindicación, e sempre cunha calidade tan elevada que nos levou a apaixonados debates na deliberación”.
O artigo de Rexina Vega foi publicado na revista Tempos Novos no seu número 320, en xaneiro de 2024, e leva por título Aínda aprendo. Trátase dunha peza onde Rexina reflexiona sobre o cancro e o xeito de lidar coa realidade da doenza e coa vida logo do diagnóstico. Un artigo emotivo, honesto e escrito co corazón.





