O 9º Festival RESIS: achegando a música contemporánea ao gran público 

RESIS – Festival de Música Contemporánea e Artes Vivas de A Coruña pechou a súa novena edición coa autoridade de quen leva case unha década construíndo un discurso artístico propio e inconfundible. A Coruña e outras localidades acolleron durante máis dun mes —do 23 de abril ao 30 de maio— unha programación que volveu demostrar que a música contemporánea, cando se programa con rigor, intelixencia e ausencia de prexuízos, atopa o seu público. Co décimo aniversario no horizonte, o festival xa goza dunha posición plenamente consolidada no marco cultural da cidade herculina. 

 

A IX edición do Festival RESIS confirmouse como unha das citas máis relevantes dentro do panorama da música contemporánea en España. Este ano ofreceu once actividades repartidas ao longo de algo máis de cinco semanas: concertos, instalacións sonoras, performances e laboratorios de creación. Detrás desta aposta existe unha visión artística clara e sostida no tempo, a de Hugo Gómez-Chao, director artístico do festival dende os seus inicios, quen xunto ao seu equipo construíu un proxecto que non responde a modas nin a presións externas, senón a unha visión ampla da música contemporánea como territorio sen fronteiras estéticas, mais tamén en diálogo permanente coa tradición. 

Seguindo a liña das últimas edicións, o eixe vertebrador deste ano recaeu nunha nova figura imprescindible da música de vangarda: Morton Feldman —sumábase así á nómina de ilustres xa homenaxeados, coma Iannis Xenakis (en 2022), Luigi Nono (en 2024) ou Wolfgang Rihm e Helmut Lachenmann (en 2025)—. No entanto, o número de partituras do compositor estadounidense programadas no festival non foi amplo, limitándose ás xornadas de inauguración e de clausura. Aínda así, o espírito feldmaniano impregnou o talante xeral da programación, que fixo súa esa obsesión polos límites do son, pola barreira entre o audible e o silencio, pola escoita como acto de entrega total. Poucas veces unha homenaxe resultou tan orgánica e tan verdadeiramente integrada no tecido dun festival. 

Carente de fisuras a nivel conceptual, o festival coruñés logrou nesta traxectoria de nove anos un reto aínda máis difícil: construír unha audiencia fiel e crecente. 

Todo en RESIS respira discurso e coherencia, tal como acontece con esa preocupación polos espazos, ben porque transforma o sentido orixinal dos escenarios escollidos —a conversión do Teatro Rosalía de Castro en capela laica en conexión coa quietude de Feldman—, ben porque escapa en moitas ocasións da sala de concertos convencional —a reformulación do Plató Virtual da Cidade das TIC como espazo concertante acompañado de audiovisuais—. Igual de relevante é o diálogo que mantén coa exploración sonora en todas as súas vertentes —electroacústica, xenerativa, performativa…—, unha visión que vai alén da simple programación de concertos ao uso. Certamente, son moitas as capas a engadir sobre este proxecto cultural —a aposta por estreas absolutas, o apoio interpretativo nunha formación propia de relevancia como o Arxis Ensemble…— que, lonxe de funcionar como unha suma de partes, existen como un todo unificado e indivisible. 

Carente de fisuras a nivel conceptual, o festival coruñés logrou nesta traxectoria de nove anos un reto aínda máis difícil: construír unha audiencia fiel e crecente ao redor dun repertorio que, na súa vertente máis académica e experimental, segue sendo profundamente descoñecido para a maioría dos afeccionados, o que fala tanto da solidez desta iniciativa como da confianza dun público disposto a deixarse sorprender. 

Acto seguido, tomaremos catro dos momentos máis recordados desta edición —o concerto inaugural, a velada sinfónica coa OSG, a instalación sonora TO HO BOC GE A/V e o concerto de clausura—, exemplos que corroboran esa idea de diálogo e cohesión característica do festival, e que ben poderían entenderse como os distintos actos dunha ópera co seu propio arco dramático, con principio, desenvolvemento e desenlace. 

O diálogo singular entre a tradición musical máis antiga e as buscas sonoras do presente definiron o encanto do programa.  

I ACTO: CAPELA ROTHKO (23 de abril) 

Por segundo ano consecutivo, RESIS celebrou o seu concerto inaugural no Teatro Rosalía de Castro (A Coruña). Apalpábanse os nervios do primeiro día, a todas luces inxustificados, xa que esta primeira proposta pensada para o mítico escenario coruñés gozaba das mellores feituras. O pano vermello do escenario convertíase no fondo perfecto para o discurso de apertura do director do festival, gozando o instante dunha aura case lynchiana, ao Twin Peaks. Mais o que viría a continuación logrou confirmar toda esta maxia e entresoño presentido ata cotas impensables. 

Interpretación de 𝙍𝙤𝙩𝙝𝙠𝙤 𝘾𝙝𝙖𝙥𝙚𝙡 (1972) de Morton Feldman no Teatro Rosalía de Castro (Foto: Xurxo Gómez-Chao)

O diálogo singular entre a tradición musical máis antiga e as buscas sonoras do presente definiron o encanto do programa. Concretamente, o repertorio escollido atopou o seu principal esqueleto na música de Dietrich Buxtehude, cuxas cantatas tomadas do ciclo Membra Jesu Nostri, BuxWV 75 (1680) funcionaron como abertura, interludion e finale respectivamente. Esta música, ligada en estilo ao Barroco medio, creou un efecto de horizonte dende o que medir a distancia —e a continuidade— coas linguaxes que chegaron nos dous grandes bloques contemporáneos. 

No primeiro deles, escoitáronse dúas pezas corais do vasco David Azurza, tomadas do seu ciclo Lau haiku kantu (2013), e a esperada estrea absoluta de Haereis (2026), da compositora galega Carme Rodríguez: unha obra poliestilística na que as sombras da música antiga se fusionaron con sonoridades conectadas, de xeito inesperado e eficaz, co universo pop. 

No entanto, o clímax da noite pertenceu a Morton Feldman. Rothko Chapel (1971), a súa obra cume para viola, cello, coro e percusión, ocupou o lugar de honra no programa e fíxoo con toda a xustiza que merece. A súa escritura estática e contemplativa topou no Rosalía de Castro un receptáculo inesperadamente axeitado, non tan afastado en espírito da Rothko Chapel orixinal de Houston. 

Parte deste logro debeuse á posta en escena deseñada por Gómez-Chao e executada por Laura R. Iturralde, consistente nun coidadísimo xogo de iluminación e efectos de fume que dotou o espazo dunha dimensión case litúrxica. Os claro-escuros barrocos, perfectamente trazados sobre as paredes e os palcos do teatro herculino, deron sentido último a un programa que, sen ese envoltorio visual, resultaría igualmente notable, pero quizais menos completo. A sala enteira respirou esa quietude que a música de Feldman esixe e que, poucas veces, se logra con tanto criterio. 

En canto ao apartado interpretativo, os mellores momentos ofreceunos a voz da soprano Irene Fraile, a precisión de Noè Rodrigo na percusión e as intervencións do conxunto barroco Gallaecia Ensemble, moi atinado nas súas decisións historicistas. Menos oportunos foron algúns dos momentos da viola de María José Pámpano, afectada pola inestabilidade na afinación derivada do uso de cordas de tripa. Aínda así, a conexión entre os músicos foi sobresaínte a nivel xeral —o KEA Vocal Ensemble e o Coro da OSG completaron o elenco vocal—, todos eles apoiados na dirección de Enrique Azurza. 

II ACTO: ARS UMBRAE (15 de maio) 

A aposta de RESIS por incorporar unha velada sinfónica de gran formato é unha mostra máis da súa vontade de asumir retos complexos, sen renunciar á ambición en ningún dos seus formatos. A Orquestra Sinfónica de Galicia, baixo a dirección do mestre Josep Planells, aceptou o desafío con determinación nun programa que replicaba a mesma fórmula da inauguración: a música do pasado en diálogo coas sonoridades máis contemporáneas. Neste caso, o soporte principal foi a música de Richard Wagner, cuxa presenza construíu un fío condutor de notable poderío expresivo.

 O concerto abriu co preludio do acto I de Lohengrin (1850), páxina dunha delicadeza extrema que a OSG abordou con evidente concentración, aínda que se deixaron entrever algunhas imprecisións na zona máis aguda das cordas. O preludio do acto III puxo fin á primeira parte xusto nas antípodas expresivas do anterior fragmento: os metais despregaron toda a súa potencia con homoxeneidade e cun pulo admirables. Para a segunda parte reservouse o mítico Liebestod de Tristán e Isolda (1865), recibido con emoción polo público máis afín á tradición. 

A Orquestra Sinfónica de Galicia durante a interpretación do concerto programado por RESIS. (Foto: Xurxo Gómez-Chao)

Entre as páxinas wagnerianas, a música do presente reclamou o seu espazo con contundencia. Ars Umbrae (2013), do compositor galego Jacobo Gaspar, despregou a súa escritura textural a través de transformacións graduais do son, convertendo a orquestra nun gran laboratorio tímbrico que a OSG explorou con total entrega. O outro exemplo escollido foi o fragmento Schwarzer und roter tanz do ciclo sinfónico Tutuguri (1980-82), de Wolfgang Rihm, que nos transportou, polo contrario, a un universo de densidade física case asfixiante. O carácter ritual da obra, patente dende as primeiras notas insistentes dos contrabaixos, contrapúxose de maneira fascinante á espiritualidade luminosa do universo wagneriano. Este contraste non era só estético, senón case filosófico: a luz e a sombra, o sacro e o pagán, o transcendental e o terreal. 

Máis alá do programa proposto, a orquestra afrontou este reto técnico e interpretativo cunha versatilidade digna de eloxio. Cada corda traballou ao límite das súas posibilidades: os contrabaixos, protagonistas indiscutibles no fragmento de Rihm; as trompas e os trombóns, entregados e certeiros nas páxinas wagnerianas; as madeiras e a percusión, fundamentais na tradución das texturas contemporáneas. Moitos dos integrantes da formación deixaron entrever ese goce xenuíno no escenario, especialmente no contacto coas músicas do presente, o que fala ben tanto da orquestra e o seu director como do traballo realizado polo festival, indispensable para crear as condicións necesarias para ese encontro. 

O compromiso de RESIS coa creación sonora expandida cobrou forma este ano coa instalación TO HO BOC GE A/V, un encargo do propio festival que buscaba conxugar a arte sonora coa experiencia inmersiva.  

ENTREACTO: TO HO BOC GE A/V (16 de maio) 

O compromiso de RESIS coa creación sonora expandida cobrou forma este ano coa instalación TO HO BOC GE A/V, un encargo do propio festival que buscaba conxugar a arte sonora coa experiencia inmersiva. Non se trataba tanto de música contemporánea no sentido estrito, senón de algo quizais máis ambicioso: a construción do son como materia viva dentro dun espazo físico, en diálogo permanente coa imaxe, coa memoria e coa paisaxe. 

Inauguración da instalación sonora 𝘛𝘖 𝘏𝘖 𝘉𝘖𝘊 𝘎𝘌 𝘈_𝘝. (Foto: Xurxo Gómez-Chao)

O título da obra -acrónimo de TOrreHOrizonteBOCina e GEnerativo- xa contén certa poética. Cada sílaba propón a súa capa de significado: a Torre de Hércules como faro e como accidente histórico no perfil coruñés; o horizonte como liña de fuga e promesa; a bucina de néboa, hoxe en desuso, que durante décadas emitiu sinais cara ao mar aberto; e, finalmente, o xenerativo como principio creador, no que o son non está fixado de antemán senón que se constrúe en tempo real. Juan Lesta, na parte visual, e Marco Maril, na sonora, foron os autores desta exploración sonora, encargados de tomar esa memoria e resignificala, convertendo o que foi un sistema de advertencia nun dispositivo de emisión sonora totalmente redeseñado para a sala de exposicións. 

O espazo da instalación concibiuse cunha precisión que non deixaba nada ao azar: unha gran pantalla central de proxección, dobrada pola metade no seu eixo vertical, adoptaba a forma dunha frecha apuntando cara ao horizonte, verdadeiro motor visual da obra, mentres unha torre de altofalantes evocaba pola súa verticalidade a silueta da propia Torre de Hércules, rompendo o plano da proxección en dúas metades. As pezas-boia de Benito Freire completaban o dispositivo, punteando o espazo con chispazos de luz intermitente e efectos sonoros que converteron a sala nun ecosistema lumínico e sonoro que o espectador non contemplaba senón que a habitaba. 

Para a inauguración, celebrada o sábado 16 de maio, Lesta e Maril propuxeron un espectáculo en directo, con principio e fin, que transformou a sala de exposicións do Palacio Municipal de A Coruña en algo a medio camiño entre o concerto, o ritual e a sensación de viaxe. Os sistemas xenerativos de imaxe e son responderon a un pulso temporal dentro da idea lóxica dun día, mentres os efectos de bucina conectaban coa memoria sonora da costa coruñesa que a peza reivindicaba cunha profunda conciencia de pertenza. A instalación estivo dispoñible no seu formato orixinal até o 30 de maio, coincidindo coa xornada de peche do festival. 

III ACTO: ENTRE FELDMAN (30 de maio) 

Para pechar a novena edición, RESIS escolleu o escenario máis atípico imaxinable: o Plató Virtual da Cidade das TIC (A Coruña). Este espazo envolvente dotou o concerto de clausura —repetido unha semana máis tarde, con carácter extraordinario, no Círculo de Belas Artes de Madrid— dos elementos necesarios para culminar o festival no máis alto e mesmo proxectalo cara á próxima edición. No apartado artístico, as pezas audiovisuais de Lois Patiño crearon unha atmosfera visual única, mentres a parte musical alcanzou o seu mellor nivel grazas ao Arxis Ensemble e á presenza de Niño de Elche, un dos artistas máis inclasificables e estimulantes do panorama musical español contemporáneo. 

O concerto arrancou con Voice and Instruments II (1974) de Morton Feldman, páxina destacable pola súa escritura suspendida no tempo e as súas dinámicas case inaudibles. Eses límites dinámicos víronse afectados puntualmente pola acústica seca da sala, evidenciando as limitacións dun espazo non concibido para tales esixencias dinámicas. No entanto, foron instantes illados que non chegaron a empanar a interpretación dos catro músicos implicados nesta obra, en constante risco na busca desa barreira tan feldmaniana entre o son e o silencio. 

Algo característico de RESIS é a súa habilidade para construír programas nos que as obras non se xustapoñen senón que se interpelan.

Como momento central da noite, o compositor estadounidense volvía a cobrar protagonismo, mais agora en calidade de homenaxeado. Foi a obra encargo do festival Entre Feldman (2026), de Niño de Elche e Héctor Cavallaro, concibida como unha recreación persoal do universo feldmaniano na que afloraron citas recoñecibles do canon histórico —entre elas, o suxeito principal da Ofrenda musical (1747) de Bach ou unha pasaxe da Consagración da primavera (1913) de Stravinsky— cunha naturalidade abraiante. A técnica vocal de Niño de Elche ofreceu un percorrido ilimitado de sonoridades, incluído o tratamento microtonal propio do universo de Feldman. En paralelo, as imaxes nocturnas de Tokio, tomadas da curtametraxe El sembrador de estrellas (2022) de Patiño, crearon a conxunción máis perfecta de toda a velada, nun encontro entre música e imaxe que se fundiu nunha soa experiencia. 

Algo característico de RESIS é a súa habilidade para construír programas nos que as obras non se xustapoñen senón que se interpelan. Aquí, a confrontación veu da man de Rebecca Saunders, con Quartet (1998), o punto máis furioso da noite, de intensidade física e precisión case cirúrxica; e de José Manuel López López, con Desde dentro (2021), fiel ás súas orixes espectrais na busca da fisicidade do son a través de resonancias extremas. En ambos os casos, o Arxis Ensemble demostrou a súa alta capacidade para enfrontarse a este repertorio, un traballo que sería imposible sen a xestualidade precisa de Armando Merino na dirección. 

Finalmente, o concerto pechou cunha nova estrea absoluta: Arder (2026), firmada polo propio director artístico de RESIS, Hugo Gómez-Chao. De novo, a herdanza feldmaniana asomaba nos primeiros pasos da obra, mais esta camiñou cara a un plano máis dramático, moi na liña da tradición operística. O lucimento interpretativo da soprano Margarita Rodríguez —tamén presente na peza inicial de Feldman— non pasou desapercibido, especialmente nos diálogos coa trompeta solista de Víctor Bouzas, nunha maxistral lección de dominio vocal nas pasaxes ao unísono que esixían unha precisión na afinación case sobrehumana. A explosión final da obra construíu o clímax perfecto a todo o vivido anteriormente, ao tempo que se convertía no broche ideal a unha edición inesquecible.