Neste 150 aniversario do inicio do Tío Marcos da Portela, primeiro xornal de entidade en lingua galega, creo que debemos achegarnos con liberdade e sen complexos á única das catro grandes figuras do Rexurdimento que non ten Fundación de seu que turre pola súa lembranza. E porque o seu Ourense, sen memoria, anda entrambilicando cara ao futuro. E lembremos que este ano, é tamén, o 350 aniversario do nacemento do Padre Feijoo -unha lembranza sempre necesaria- e cuxo segundo centenario, en 1876 foi un dos grandes momentos dinamizadores do orgullo galego da época, coa fondísima implicación, por certo, dun Lamas Carvajal que puxo os dous xornais que dirixía daquela, o culto e o popular, El Heraldo Gallego e o Tío Marcos d’a Portela, ao servizo da organización dos concursos literarios ad hoc polo centenario e pola erección da estatua que hoxe preside o seu xardín en Ourense. Precisamente o Tío Marcos publicou un extra cos poemas finalistas do concurso de 1887 para “solenizar a inauguración d’a estáuta”. Pero a figura de Lamas tamén se vincula a este ano oteriano, pois é bo lembrarmos -e reconsiderarmos- o que supuxo a intervención de Don Ramón, o día dos magostos de 1949 na inauguración do busto de Lamas no Xardín do Posío. Si. Alí fixo o ridículo o gobernador da época e gañou a partida o galeguismo auriense, como lle conta ilusionado Leuter Salgado a Ramón Vilar Ponte… pero ese é tema doutro día. O caso é que toda ollada á historia debe sempre un relanzo no camiño para seguir máis alá. E así, imos deternos nas inxustizas de valoración sobre o eficaz esforzo construtivo da nación de Lamas Carvajal.
A fácil comprensión dos textos de Lamas, sempre nun rexistro moi próximo ao oral e a fonda integración nos valores da cultura tradicional na que se move, e que reivindica con constancia, concedeulle a estima e graza do público máis popular.
Porque Lamas compartiu con Rosalía a cara máis popular no Rexurdimento nos anos 1870-90, moi por riba de Pondal, e, á par, cando menos, de Curros; pero a súa estrela foi esmorecendo -algo do que nos avisa Emilia Pardo Bazán, xa en 1888, e a causa, en boa parte, da desconsideración dos construtores do canon literario e histórico.
O primeiro inxusto con el foi, sen dúbida, Manuel Murguía. Tanto teimou da exclusividade da poética de Rosalía e do seu íntimo Pondal, que desprezou virulento, a achega á vea popular que Lamas podía representar. E ignorando que máis alá desa poesía moitas veces fácil –“El olor de la tierra, Valentín Lamas Carvajal” escribira a Bazán-, había outras realidades clave. Si, Lamas foi un promotor eficaz do xornalismo culto en Galicia: El Heraldo Gallego (1874-1880), e logo El Eco de Orense (baixo a súa dirección 1883-1906) e mesmo creou co Tío Marcos d’a Portela, (1876-1889), o modelo de éxito para a prensa popular co que, trataba, na súas palabras, de “esparixir a luz polas aldeas”. Pensemos que o Tío Marcos publicou da súa man, máis de 430 números ao longo de dez anos, e que chegaban a un público popular inimaxinable para outros escritores da época. Créndolle só a metade do que dicía -4.000 exemplares de tiraxe- andaríamos non lonxe do millón de xornais distribuídos. E lembremos que é o auténtico creador da nosa prosa contemporánea cos relatos que foi publicando nos seus medios e reunidos logo en Gallegada, tradiciós, costumes, tipos e contos da terriña en 1887, e que co seu bestseller Catecismo do labrego (1889) conseguiu fomentar a sensibilidade social que levaría á extensión do movemento agrario do seu amigo e colaborador en El Eco, Basilio Álvarez. E o éxito do Catecismo foi tal que se fixeron unhas dezaseis edicións con Lamas vivo… e incluso recuperou a súa popularidade a partir do ano 1968 en que a editorial Monterrei comezou con el a súa colección “O Moucho”, con sucesivas reimpresións ata chegar aos 100.000 exemplares distribuídos.
A fácil comprensión dos textos de Lamas, sempre nun rexistro moi próximo ao oral e a fonda integración nos valores da cultura tradicional na que se move, e que reivindica con constancia, concedeulle a estima e graza do público máis popular, pero non garantiu o éxito dunha crítica que tendeu a reducir a súa valoración a simple eco do pobo ou plaxio doutros autores. E, desde logo, non é menor, o seu rol como sociólogo da lingua e a necesidade de superación de complexos. O lema de cabeceira da revista, “Teñen os pobos a gala/ no seu lenguaxe falar/ fálase chino na China/ portugués en Portugal/ catalán en Cataluña/ e na Alemaña, alemán/ soilo ós gallegos d’agora/ hastra vergonza lles dá/ falar a melosa e dulce/ fala dos seus pais”, é, como toda a súa estética, simple, directo e efectivo. E acompaña a idea con varias poesías –“O falar das fadas” de Saudades Gallegas, por exemplo- ou importantísimas prosas analíticas -como “Fóra vergonza” (Tío Marcos, nº235, 1/6/ 1888). Incluso, se cadra, non é allea a inquina murguiana á súa defensa radical da lingua para todos os usos -lembremos que Murguia non falou en galego en público ata 1892, en Tui- ou as súas iniciais proclamas independentistas incluídas nas interesantísimas Dez Cartas ós gallegos, de 1875.
Logo da súa morte, os seguidores de Lamas e da súa estética agrupáronse en Ourense na Irmandade Rexionalista -Irmandades da Fala local- e na Coral de Ruada, con Xavier Prado Lameiro como principal continuador, e clave na recuperación do Tio Marcos d’a Portela entre 1917 e 1919, no que mesmo chegaron a participar, nos seus últimos números, Vicente Risco e Losada Diéguez. E así, logo da “conversión ao galeguismo” dos homes de Nós, foi Prado Lameiro colocado por eles como “redautor xefe” da revista Nós na súa primeira fase, sen dúbida coa vontade de unir, xa en 1920, as dúas tradicións locais: a máis cosmopolita deles e a máis enxebre e popular, eco de Lamas Carvajal. Deste xeito, esta ponte entre Lamas e o grupo Nós reforzaba o enlace establecido coa proposta de integración na RAG de Vicente Risco, que asinaran Manuel Murguía, Eladio Rodríguez, e Manuel Lugrís Freire, todos tres, sinaturas habituais nos xornais do cego ourensán. Mesmo Lugrís, impulsou na Habana unha cabeceira inspirada no Tío Marcos – A Gaita Gallega,(1885-89)- onde incluiu 20 colaboracións do cego ourensán; unhas, as poesías, asinadas co seu propio nome; e outras, prosas e contos, asinadas como “Tío Marcos”.
Pero máis achegado a nós, tamén Ricardo Carballo Calero, o creador do canon actual, na súa Historia da Literatura Galega Contemporánea, (1963), trata ao ourensán, cremos, con excesiva superficialidade nas escasas catro páxinas que lle dedica (fronte ás 87 de Pondal, 85 de Rosalía e 57 de Curros). Outro tanto, no folleto que lle dedicou a RAG con motivo do Día das Letras Galegas de 1972. E Carballo, o reformulador contemporáneo do canon, co seu amplo maxisterio e influencia, desde a Universidade, non axudou a superar a postergación de Lamas ao non reparar na transcendencia da súa empática e eficaz mensaxe, e só na modestia da súa poesía.
Do Tío Marcos da Portela hai unha deficiente edición facsimilar de 1995, na que á parte da mala calidade das imaxes, faltan máis de sesenta números da primeira época (1876-1880), mentres están íntegras, a segunda (1883-1889) e a terceira (1917-1919). É de agardar que aproveitando a efeméride deste ano, se complete no posible, en formato dixital en Galiciana, a colección do Tío Marcos, pois a día de hoxe, fáltanlle 299 números. Porén, xa están nesa plataforma, completo, o Heraldo Gallego, xornal que a pesar da importancia e modernidade das súas temáticas e amplitude de sinaturas, adoita pasar desapercibido ante a transcendencia cualitativa dun xornal integramente en galego como o Tío Marcos; e tamén está, unha boa parte de El Eco de Orense. Así teriamos ao noso alcance -máis alá da iniciática e case descoñecida Aurora de Galicia, do Lamas estudante compostelán, en 1871- os tres xornais dirixidos por Lamas; claves, todos tres, para entendermos a historia do discurso reivindicador, dun protagonista libre, dinámico, polémico, moi popular no seu momento, e sempre exemplo de superación persoal, como foi Valentín Lamas Carvajal.






