A felicidade
No decurso da película e despois de reafirma-la súa decisión de non volver traballar na zapatería, e diante de certos percances económicos, Marty principia unha desenfreada fuxida cara adiante, á pescuda dos recursos pecuniarios que lle permitan acudir ao campionato de pimpón no Xapón (xa que logo… todo polos cartos!). Un auténtico bulir, con Marty activado, pero tamén atafegado polos cartos, por New York (e mailos arrabaldos), de póla en póla, nun contexto de ritmo trepidante, baseado na situación e movementos da cámara, na música e na situación alterada que caracteriza os personaxes… Un periplo que podería relembrar o de Ulises na Odisea na pescuda de Ítaca, ou quizais a noite valleinclanesca de Max Estrella en Luces de Bohemia, ou a Jo qué noche de Martin Scorsese…, un periplo inmerso na máis pura picaresca e arrecendente a calote e roubo. Neste traxecto temporal, existirán momentos de tensión como o desenvolvemento da entrega do (falso) can a Ezra por parte de Rachel; e o momento tenso e intenso de irrupción na casa do granxeiro para recupera-lo can, e o tiroteo, e a música e mailo volume da música, e mailos mortos…; xa antes outros momentos de tensión (poñendo por caso a liorta na gasolineira trala cal prosegue a fuxida desenfreada, e Wally perde os estribos).
A loita polos cartos non se vai substanciar, de ningunha maneira, nunha viaxe a ningunha parte, aínda que, estritamente, Marty non vai consegui-la meta que se formulara como desideratum (isto é, acada-lo campionato do mundo de tenis de mesa, que o converta no número un do ranquin mundial). Xa que logo, Marty non consegue exactamente o que quere, pero iso non implica o fracaso existencial (global); por non acada-la meta que se impuxera non acabou o mundo. En definitiva, como sabiamente se deduce deste filme, a vida é moito máis que todas e cada unha das metas que nos propoñemos (¡isto é pura sabedoría!). Ás veces a vida é, incluso, dar rodeos ou dar máis dun, aparentemente prescindibles. Non todo se pode planificar. O importante é o camiño.
Marty é quen de ser civilizado, de xogar un partido amigable con Endo, que vén sendo unha sublimación e unha especie de compensación por non competir no campionato do mundo. Todas estas lecturas do filme parecen responder ás preguntas: que é o éxito?, vale máis o éxito que a loita? Parece existir no filme un convencemento de que a Felicidade pasa por acepta-las Frustracións (así que Marty non pode ver cumprida a súa máxima aspiración e proxecto). Finalmente, Marty Mauser vai acada-la súa felicidade por outras vías: mediante a defensa da propia Dignidade (contradicindo a vontade, ou máis ben capricho, do potentado capitalista Rowel); e mediante o recoñecemento (e goce) da súa paternidade, que vai vivir como un emocionante galano. Como lección que se pode tirar da película, ás veces a felicidade está aí mesmo, e non nos decatamos disto por unha serie de mecanismos de alienación.
Xa anteriormente, no exercicio da súa Liberdade, na sala de xogos, existe unha opción implícita (fundamental e totalmente correcta) a prol de ir socorrer a Rachel, no canto de desenvolve-los plans (lucrativos) que tiña con Wally.
As grandes aspiracións e altas expectativas de Marty teñen tamén unha lectura social, non estritamente individual. Cal é a orixe da supervaloración da competitividade? Acaso non se podería construír unha sociedade na que a xente non se volvese tola? É difícil ser feliz nunha sociedade como a nosa (isto é aplicable a tódalas personaxes, como poñendo por caso Wally, que non é feliz xa que sendo un traballador do sector do taxi anda atafegado e en exceso preocupado pola conservación do vehículo).
Xa que logo, a desigualdade e a inxustiza, a infelicidade son inherentes ó capitalismo.
O azar
Están dalgún xeito presentes neste filme unha serie de nocións como Azar, Fatalidade, Casualidade, Destino, Liberdade… Hai acontecementos que lles suceden ás personaxes e que parecerían impensables (e semellaría que imposibles). Daquela, hai algo de surrealismo e de teatro do absurdo no episodio da caída accidental dunha bañeira ó piso inferior.
Na liña da presenza no filme daquelas nocións antes sinaladas (azar etc.), podémonos preguntar que pode significar consciente ou inconscientemente o pimpón como elemento referencial…, pois ben podería simboliza-la levidade da existencia e da propia vida (na vida tanto podes gañar como perder, existir como deixares de existir…, pensemos nas mortes que violentamente se producen no filme, a navalladas ou a tiros). Outro tanto podemos dicir de determinadas escenas concretas, como o feito de que a mazá caia ou non no cesto, no contexto dos momentos iniciais do romance entre Kay Stone e Marty.
Certa relación con todo isto ten a noción que puideramos enunciar como vivir perigosamente, que está dacabalo entre a audacia ou a afouteza, por unha banda, e, pola outra, a temeridade. Remitíndonos a exemplos concretos no filme, é vivir perigosamente intentar enganar a un mafioso verbo do seu can perdido; ou flirtear visualmente con Kay mentres Marty está a falar co seu home; ou as manobras arriscadas na condución do taxi de Wally mentres celebraban o éxito do calote; ou o propio calote en si.
A desigualdade
Do mesmo xeito que en The Brutalist, en Marty Supreme nótase fondamente a existencia de DOUS MUNDOS, a cada un dos cales se adscriben as diversas personaxes do filme… O mundo dos Ricos e Poderosos versus o mundo das Clases Populares, cuxos membros están suxeitos ó poder, arbitrio e capricho dos primeiros (existe tamén, eventualmente, unha categoría intermedia, unha clase media). Hai momentos nos que as diferenzas de clase se amosan con particular relevo, como cando Marty lle di a un frío e indiferente Ram Sethi que (alí) “de onde veño un cóidase só”.
Que diferente é o mundo do capitalista Rockwell ó respecto do mundo de Marty Mauser! Que diferente é o mundo (e as expectativas) de Kay Stone ó respecto do mundo de Rachel! Estes contrastes socioeconómicos (que dan orixe a unha odiosa Desigualdade) son característicos do sistema capitalista, e non son os únicos contrastes que se amosan no filme entre as distintas personaxes. Xa que logo, atopámo-lo contraste de idades existente entre Kay e Marty que se reflicte no propio desenvolvemento da súa relación; ou o xa amentado contraste entre as dúas mulleres, por excelencia, do filme: a correúda e loitadora Rachel e maila glamorosa Kay Stone; ou os contrastes existentes entre as diversas minorías étnicas (xudeus —que falan yiddish, con inclusión de palabras neste idioma no seo da película—, afroamericanos, orientais etc.) e con respecto á maioría anglosaxona, que configuran a estados Unidos como territorio histórico de aluvión. Así e todo, todos estes contrastes distintos do estritamente socioeconómico non poden facer esquecer que a desigualdade e a inxustiza son inherentes ó sistema capitalista.
As personaxes
É Marty Mauser un canalla? Esta pregunta respóndese a partir da distinción entre unha análise superficial e unha análise de fondo. Prima facie son evidentes os moitísimos defectos de Marty, que é ante todo un machista á hora de enfronta-las responsabilidades inherentes á súa paternidade. Alén disto, Marty ten malos modos no xogo. É pretencioso e fachendoso, como amosa a actitude que ten con Ram Sethi cando o aborda por primeira vez. Marty é un caloteiro (isto pódese ver na súa incursión con Wally). É cínico e descarnado (poñendo por caso, facendo chistes irónicos sobre Auschwitz). É manipulador (así Marty aprovéitase de Kay, sobre todo no terreo económico). Ten actitudes paranoicas (ve sabotaxes en tódolos lugares e desconfía patoloxicamente da súa paternidade ó respecto do fillo de Rachel). É miserable (por exemplo, o roubo das xoias de Kay aproveitando un episodio erótico na ducha). Chega a ser violento, e apuntar cunha pistola a un compañeiro de traballo. Aférrase con teimosía a unha filosofía de vida ferozmente individualista, que é típica do sistema no que vive: el mesmo o di, dirixíndose a Kay, “nunca acepto a axuda de ninguén”, e cre fanaticamente no seu “propio talento” e nos seus soños (respecto do cal é interpelado por Kay: “que pensas facer se ese soño non se cumpre?”, ó que Marty responde que iso “nin sequera é unha posibilidade”). Nesta mesma liña, o propio Marty, fachendoso, diríxese a Rachel dicíndolle que “a miña vida é resultado das miñas decisións, pero a túa vida nin sequera sei de que é resultado”, e concluíndo altivo maniféstalle “volve á casa”.
Por todo isto, en conclusión, Marty, evidentemente, non é un heroe. Pero, como se vai amosar, segundo progresa e se desenvolve o filme, tampouco é exactamente un antiheroe. Así, por riba de todo, Marty é plenamente coherente coas súas emocións, ilusións e instintos (isto último é o que motiva que non tarde nada en buscar e chamar de xeito espontáneo a Kay Stone ó que a ve). Doutra banda, a personaxe que nos ocupa semella ter un elevado concepto da Dignidade, como se amosa cando Rockwell quere subornalo para que se deixe vencer por Endo, pero Marty non cede ás tentacións económicas, nin á retórica do devandito Rockwell, quen, inmediatamente antes de ter un serio desencontro con el, lle di frases como “ás veces perder é gañar”. Xa que logo, alomenos inicialmente, Marty resístese ó principio á oferta de Rockwell amentando como argumento nocións como “prestixio” (de difícil deslinde coa dignidade). Pero esta última é máis ben de palabra e non tanto de feitos: Marty acabará arrastrándose perante quen ten o Poder, en concreto, diante do potentado capitalista Rockwell; xa que logo, cómpre consigna-la escena do coche arrancando; ou a da flaxelación na casa de Rockwell, quen inicialmente non lle dá opción afirmando que “non hai segundas oportunidades na vida”. Finalmente, Marty fai uso da súa dignidade: despois de facer unha pantomima no Xapón, é quen de reaccionar como persoa; non se presta á farsa; non se deixa subornar. E convence a Endo con argumentos que son, de feito e involuntariamente, Anticapitalistas no sentido de afirmar que o espectáculo-farsa do Xapón é debido á actividade dunha “empresa americana (que) está a vende-lo seu produto”. Como fixera co húngaro Kletzky, Marty chora de ledicia e confraterniza con Endo.
E logo acepta a paternidade, e acepta asemade o amor; chora vendo o seu fillo; e chega a fin, soa Tears For Fears; E o monstro (Marty) non era tan monstro! É certo que Marty é un tipo interesado economicamente, pero tamén é certo que, en determinado sentido, a situación o forza a tal. Doutra banda, xa denantes da fin comeza a querer e coidar de Rachel.
O carácter poliédrico, en certo sentido ambiguo e ecléctico, que caracteriza a personaxe de Marty, esténdese tamén a outras personaxes, como Rachel, que malia ficar caracterizada como mentireira, manipuladora e melodramática (fai teatralizacións para consegui-lo que quere), aparece tamén revestida de virtudes. Así, Rachel ten a sinceridade de lle dicir a Ira, o seu home, que o fillo polo que agarda non é del (abrindo con isto unha escena de gran comicidade, con participación mesmo dos veciños).
Semella claro que Marty e Rachel non son simples personaxes da Picaresca neoyorkina, senón, pola contra, auténticos protagonistas dotados de fondura. O filme (como a vida!) non é, pois, unha película de bos e malos, non está polarizado neses dous bandos, senón que ficamos diante dunha película con contrastes e clarescuros.
De tódolos xeitos, si existen antiheroes en Marty Suprem. Maiormente, os auténticos antiheroes deste filme son os capitalistas e mais axentes da orde, os poderosos. Daquela, Rockwell pensa que o pode mercar todo cos seus cartos; é soberbio, prepotente; é machista e dominante coa súa muller, Kay Stone, tanto no trato coma nos feitos (poñendo por caso, anda a falar dela ás súas costas cun promotor teatral). Nun nivel algo inferior, pero representando tamén a verticalización social, atopamos a Ram Sethi, directivo da Asociación Internacional de Tenis de Mesa, que é un auténtico antiheroe, do que é salientable a súa frialdade, despotismo e mailo seu carácter odiosamente vingativo. E tamén nos baixos fondos hai antiheroes, como é o caso de Ezra, un auténtico gánster, con ilimitada capacidade de odio, e amante da violencia.
Estrutura
Dende o punto de vista temático ou material, o filme estrutúrase a partir de pequenas traxedias, indiviuais ou a reducida escala. Enumerando exemplos destas pequenas traxedias atopamos, poñendo por caso, os gravísimos problemas conxugais do matrimonio composto por Rachel e Ira; ou os problemas convivenciais de Dion co seu pai; ou a relación neurótica e enfermiza de Marty coa súa nai. Podería, asemade, considerarse unha pequena traxedia as relacións, bastante viciadas, existentes entre Rachel e Marty: deste xeito, o episodio de teatralización e mentira por parte de Rachel verbo do que Marty comenta “isto faríamo miña nai” (e non ti)…, as discusións entre Marty e Rachel son frecuentes (“cabrón narcisista”, chámalle ela). Ninguén está cómodo nesta película: ata o tranquilo Dion sofre un ataque de ira, nesa escena que culmina na plasticidade da imaxe das bólas vermellas rebotando na rúa.
Dende estas pequenas traxedias, como orixe, prodúcese unha confluencia das mesmas no principal fío argumental, que é a incansable pescuda dos cartos por parte de Marty. Esa transición (entre as pequenas traxedias e o fío argumental principal) vaise producir por mecanismos de sublimación ou superación, que permitan soborda-la mediocre realidade (daquela, no caso de Marty, o papel que desempeña o pimpón).
A estrutura espazo-temporal, o marco no que decorre o filme, dátase, con carácter explícito, no New York de 1952. A vida en New York, amentándose enderezos e rúas desa urbe; e reflíctese a presenza de minorías étnicas e relixiosas, e unha certa tensión racial subliminal entre elas. A vida en 1952 (nos Estados Unidos), o cal se reflicte no xeito de vestir as diversas personaxes e nos modelos automobilísticos. Estamos en pleno maccarthismo, o ambiente zumega horrible líquido con cheiro a ultradereita… Un labrego fascista resolto a matar por nada, armado cunha escopeta, vai e chámalle “xudeu” a Marty (vaia ironía!, porque Marty, efectivamente, é xudeu).
A música é importante na película, e suscita unha cuestión cronolóxica na medida en que existen temas dos anos 50 (os correspondentes á época de ambientación do filme) e temas dos anos 80. Trátase, a do filme, dunha música dinámica, versátil e multifuncional (ten diversas finalidades, poñendo por caso, por mor de caracteriza-la aparición das personaxes).
Alén destes fondos musicais que adornan algunhas escenas, hai algúns elementos da parte final do filme que fan relembra-los números folclóricos: deste xeito, a aparición e presenza das animadoras xaponesas e mailos militares americanos.
Polo que atinxe á estrutura formal, é salientable a existencia duns interludios, a título ilustrativo, que están na marxe da liña argumental principal (ou son accesorios dela). A enumeración destes interludios podería principiar polo que ó inicio do filme, a accesoriamente á escena de sexo entre Rachel e Marty, describe a entrada dos espermatozoides no organismo feminino. Outro destes interludios é o constituído pola exposición dun (hipotético) documental xaponés, referido á victoria de Endo, que arrecende a nacionalismo, figurando expresións como “país renacido” (en referencia ó memo Xapón). Outro destes interludios é o que describe candorosamente a fazaña dun deportista húngaro prisioneiro no campo de concentración nazi de Auschwitz; o devandito prisioneiro conseguía levárlle-lo mel ós seus compañeiros en Auschwitz dende a colmea utilizando o seu corpo.
Do mesmo xeito que estes interludios, certa autonomía teñen os encontros eróticos do protagonista e mailas dúas mulleres. Son catro: un, inicial, descrito con gran realismo, con Rachel; tres, elegantemente descritos, con Kay. Deles, é salientable a primeira das escenas eróticas con esta última, na que Kay acariña a Marty coma se fose unha nai, máis ca unha amante. Isto último dános o que coido que é unha das chaves do filme: a inmadurez de Marty, que nos permite decatármonos das razóns e funcionamento de moitas das dinámicas desta película, Marty Suprem.





