-
Falando claro…
¿U-los verdadeiros canallas? ¿Ulo fican os psicópatas máis perigosos? ¿U-los auténticos miserables?… ¿En que estrato da pirámide social os podemos albiscar?
A resposta a esta pregunta está contida neste filme, e é un dos eixos fundamentais do seu desenvolvemento. Theo, o protagonista, realizará un auténtico descenso ós infernos (semellante ó que fai o protagonista da última película de Darren Aronofsky, pero, no caso que nos ocupa, de xeito máis serio e natural, en definitiva, máis crible). Nembargantes, non será no underground social onde Theo atope os responsables do crime que motiva a súa pescuda, un crime con asañamento do que, lamentablemente, é vítima unha persoa arraiana na marxinalidade; pola contra, os asasinos fican na jet set, nas capas máis altas da sociedade (concretamente, nos despachos de avogados clasistas e defensores de proxenetas e narcotraficantes). Xa que logo, Pallarés (un destes avogados), fachendoso (con vaidade pola súa gabada proximidade persoal ó fiscal xeral do Estado), Pallarés, eminentemete clasista e violento, é descrito no filme como un impresentable, un auténtico antiheroe; o seu clasismo e arrogancia son estensibles tamén ós outros dous avogados, San Román e Ledesma. A inmundicia amósase, asemade, segundo o filme, nuns corpos policiais que cargan en plena rúa, con criterios racistas, idadistas e discriminatorios, actuando ademais con auténtico sadismo.
Se tivésemos que resumir en poucas palabras o contido deste filme, ben poderiamos dicir que Ya no quedan junglas é a historia dunha vinganza.
Inmundicia que, segundo o filme, fica tamén presente nas conivencias entre os poderes políticos e xudiciais, e mailos chamados poderes fácticos, e mailos sectores máis negros da sociedade, que se alimentan das adiccións e fraquezas dos cidadáns, e que se nutren da explotación dunhas persoas polas outras. Non é estraño que, nunha sociedade como a que nos tocou vivir, estes individuos confiasen ou soñasen, no seu delirio, coa impunidade, de cara ó desprezable asasinato dunha prostituta, ó que, no relato do filme, a policía tampouco lle prestou demasiada atención, dado o estrato social de pertenza da vítima… Unha prostituta, unha anciá, un inmigrante… Velaí os Pobres da Terra! Velaí a famélica lexión! Cando un inmigrante é agredido, de xeito represivo e arbitrario, como acontece no filme, polos corpos policiais, Theo intercede por el, e convértese en obxecto directo e suxeito pasivo da barbarie policial. Loita de clases, presente e senlleira neste filme; loita de clases en tódolos lugares, mesmo no seo das clases populares, como se fai visible nunha discusión entre Theo e Tina, verbo da decisión inicial (logo corrixida) daquel, de non facer nada ó respecto da morte de Olga (“vós sodes todos iguais”, chántalle ela).
-
Historia dunha vinganza
Se tivésemos que resumir en poucas palabras o contido deste filme, ben poderiamos dicir que Ya no quedan junglas é a historia dunha vinganza. E, para realizar esta vinganza, Theo non terá tanto que descender ó inferno dos inframundos da marxinalidade como que pescuda-los culpables nas instancias (e estancias) de poder e riqueza, nos estratos elevados da pirámide social capitalista. Doutra banda, paralelamente á vinganza pescudada e desenvolvida por Theo, e para neutralizala, prodúcense, á súa vez, dous perseguimentos sobre o devandito Theo, cales son os protagonizados pola policía e pola mafia (velaí vai aparecer o curioso personaxe de Pedro Bustos, alias “Herodes”, asasino a soldo de alto standing); ata a fin da película, Theo irá por diante da policía e da mafia no proceso de consecución da súa vinganza, caracterizado pola perseveranza e adaptación ás circunstancias que se van presentando en cada momento.
Sempre que estamos diante dunha vinganza resulta inevitable analiza-las súas motivacións.
Sempre que estamos diante dunha vinganza resulta inevitable analiza-las súas motivacións: ¿é o amor? (dada a relación platónica e ausente de carnalidade que mantiveron Theo e Olga); ¿ou é un xeito de autorreivindicación?… Pois ben, ó respecto disto, o filme (sobre todo en determinados momentos concretos) afonda nas motivacións de Theo; deste xeito, trala súa detención, atopámo-la interesante conversa entre este e maila comisaria Iborra: despois de dicirlle que Olga non o quería, que soamente se aproveitaba del…, Inés Iborra mergúllase na procura intelectual das motivacións que conduciron a Theo a consuma-la súa vinganza, e caracteriza a este como un “cabaleiro idealista”, ou un “poeta”. Pola contra, Theo defende dialecticamente a súa posición, con argumentos como a “sinxeleza da vida”, que permitiría comprende-la súa vinganza. Alén disto, Theo loitou contra as limitacións da vellez, pero, a través da súa vinganza, loitou tamén para evita-la impunidade dos poderosos. Pola súa banda, a comisaria da Ertzaintza, despois de reflexionar verbo da diferenciación entre quen mata por odio e quen mata por amor, vaise achegando ás posicións e argumentos sostidos por Theo, e compréndeo plenamente, encasillándoo na fórmula “matar por respecto propio, matar polo que fuches unha vez”; este paseniño proceso de achegamento non é soamente dialéctico, senón que se traducirá en feitos, cando Iborra ceiba a Theo, perdoándolle a vida.
Xa que logo, como é perceptible dende as dúas primeiras escenas, Ya no quedan junglas está lonxe de se reducir a ser un simple thriller ou filme de cinema negro; pola contra, esta película caracterízase por conter reflexións non só sociais, senón tamén filosóficas, sociolóxicas e existenciais, como é o caso do apuntamento que Theo fai, ó que fica finalmente na cadea, no sentido de que “neste mundo todo se ve máis claro se o fitas mirándoo ós ollos” (a propósito disto, Salman Rushdie, na súa novela La encantadora de Florencia, reflicte como o emperador mogol Akbar lle perdoa a vida a un súbdito inculpado por mor de ser este quen de miralo ós ollos cando o entrevista). Alén do antes consignado, son moitos os momentos do filme nos que se producen reflexións filosófico-existenciais en boca de personaxes de Ya no quedan junglas: deste xeito, cando, malia lle estaren a propinar unha malleira, Theo chega á conclusión de que saber relaxarse en calquera circunstancia (incluso nesa) é tamén saber facerse maior; ou cando Mazas, en conversa con Theo, chega a describirse a si mesmo coma un “fracasado” (o cal, indubidablemente, supón un xuízo verbo da súa propia vida).
Existe unha implícita reivindicación do emotivo fronte ó estritamente racional.
Polo demais, o filme apela ós sentimentos e ás emocións (mesmo baixo ritmo de bolero). Cando Theo decide vingarse, son as emocións as que o conducen a esa vinganza. Existe unha implícita reivindicación do emotivo fronte ó estritamente racional. Doutra banda, o contido filosófico-existencial determina que o filme se revista de sentido didáctico; a película non é un simple divertimento, ou, alomenos, non é un divertimento frívolo.
-
Moita Densidade
A característica máis salientable, a máxima nota distintiva, deste filme é a súa Densidade, que se traduce, poñendo por caso, na concorrencia de moitas personaxes (e moi heteroxéneas), de moitos sucesos que son abordados neste filme…, e, por momentos, esta Densidade chega a callar nun ritmo trepidante. Pero, sobre todo, esta Densidade reflíctese no feito de existiren tramas (secundarias) paralelas á trama argumental principal (a cal substánciase na execución da vinganza, desenvolvida por Theo, e fronte ós intentos da súa neutralización por parte da policía e maila mafia).
A máis salientable e evidente destas tramas secundarias vén sendo a que se refire á desaparición do home da comisaria da Ertzaintza Inés Iborra. A devandita trama vaise substanciar nun particular calvario, no curso do que Iborra envía mensaxes telefónicas a esgalla a un teléfono que ninguén semella escoitar. A verdade é que Iborra e mailo seu sufrimento provocan unha considerable tenrura no espectador. O seu subalterno, o subinspector Puertas, quizais inducido por esa mesma tenrura, vaille perdoa-la vida (Puertas encarna, de cara a Iborra, a lealdade cega). Finalmente, esta trama secundaria vai confluír coa trama principal, a través do encontro das personaxes de Theo e Ibarra, no que se acabará producindo a comprensión, pola comisaria da Ertzaintza, das motivacións e modus operandi daquel.
-
Violencia e Poder
Considerando que o argumento, guión e ambientación do filme Ya no quedan junglas se centran nos aspectos máis primarios da personalidade humana, é doado comprende-la importancia que, nesta película, teñen dúas nocións, que son a Violencia e o Poder, sobre todo no eido de relacións entre as persoas; cómpre ter presente que, en certo modo, o Poder non deixa de ser unha categoría atenuada de Violencia entre persoas.
A Violencia (pura e dura, ás veces aderezada co sadismo) está moi presente, xa dende as escenas iniciais de autoagresión de Theo. Eminentemete sádicas son a malleira que sofre Theo a mans dos gardacostas de Pallarés, ou o cruel destino dado ós dentes do presumiblemente falecido Tigre despois da liorta na discoteca. A presentación da personaxe de Turón acontece nun contexto terriblemente violento, cal é o momento en que esta está a torturar a unha persoa. Terriblemente violentas son tamén as execucións (rituais) dos avogados. Outras veces a Violencia está presente de xeito referencial e indirecto (como no caso de “Herodes” e a súa matanza infantil), ou está inserida en conversas entre as personaxes. Outra forma de Violencia é a que se refire non ás relacións privadas entre particulares, senón ás relacións de dereito público entre os poderes do aparato estatal e mailos malpocados cidadáns, cal é o caso da malleira policial que se describe no filme.
A Violencia (pura e dura, ás veces aderezada co sadismo) está moi presente, xa dende as escenas iniciais de autoagresión de Theo.
Doutra banda, o Poder parece presidi-la convivencia entre os personaxes da película; en concreto, amósase en relacións como a existente entre Bustos e Chapas: aquel trátao despectivamente e esíxelle tratamento de vostede, rexeitando así a fraternidade entrámbolos dous (tal e como, igualmente, fixera Pallarés con Puertas). Non só os malos teñen relacións de Poder: tamén os bos, como Mazas e Theo, se mergullan nese concepto (Theo, de xeito machista e patriarcal, chámalle “maricón” a Mazas). Dúas personaxes tan próximas como Turón e Bustos manteñen unha relación que é, finalmente, vertical, caracterizada por decisións xerarquizadas.
-
Desenvolvemento e estrutura
Os precitados principios, valores e ideas vanse plasmar no seu desenvolvemento ó longo do filme (filme que, por certo, foi rodado en exteriores de Euskal Herria e, máis en concreto, de Euskadi sur e, máis en concreto, en lugares como Donostia —sobre todo— e Pasaia). O director Gabriel Beristain constrúe este filme con base en Golpes Visuais Ritualizados. Así, Ibarra ritualiza a queima da roupa do seu home, como símbolo de despedida. Hai tamén ritualización nas execucións dos avogados, no intre das mortes. Existe un rito no feito de que Pallarés se vexa na obriga de dici-lo nome de Olga cando ten o coitelo no seu pescozo. Tamén, poñendo por caso, ten carácter ritual a secuencia que responde ó momento no que, coincidindo coa inauguración da nova vida de Theo como asasino, este sae ó balcón empapado en sangue disposto a lle facer fronte a quen viñese por el.
Beristain amosa e acredita o seu pasado curricular como especialista en fotografía, sementando amósegas de esmero e coidado nesta materia. A fotografía é rica e dinámica, e caracterízase pola súa grande beleza cromática (e non o digo só polos magníficos ollos de Lorena Bernal, Lydia, do mesmo xeito que La sospecha de Sofía, de Imanol Uribe, non sería facilmente concibible se non for polos ollos ¿verdes? de Aura Garrido). Existen escenas sumamente plásticas, como o levantamento do cadáver de Olga, pendurada dun elevado guindastre. Hai escenas dotadas dun considerable e crible realismo (como o desembarco policial en Pasaia).
Beristain amosa e acredita o seu pasado curricular como especialista en fotografía, sementando amósegas de esmero e coidado nesta materia.
Ya no quedan junglas caracterízase polo seu colorido, e multiculturalismo (véxase o acento ¿arxentino? de Tina, fronte ó acento indeterminado de Olga…). Este apuntamento vese perfectamente reflectido na música do filme (presenza de boleros, música latina final a xeito de western…).
O tratamento das personaxes no filme é moi correcto (lembrémo-la despedida heroica do Mazas, con homenaxe incluída a Lee Marvin). En ocasións atopámonos ante unha auténtica ensalada de sentimentos, como cando Pedro Bustos (“Herodes”), implacable asasino de nenos, confesa o seu amor por Lydia (Lorena Bernal). Como técnica de desenvolvemento utilízase no filme o cambio de roles nas personaxes: deste xeito, poñendo por caso, cando dous matóns da mafia chegan á pensión de Amelia, e andan á pescuda dun americano (que é Theo), prodúcese entón o precitado cambio de roles… O inofensivo Mazas mata a un dos gánsteres. Chama a atención o xeito en que son presentadas as personaxes; así Bustos, como asasino da mafia que é, fala con Turón sobre a vida persoal e o “traballo”, rememorando a súa autoría (e axenda) de horrorosos crimes. Turón introduce como personaxe a Chapas a título referencial por mor dunha conversa con Bustos na que define a aquel como “máis leal ca un can”. A caracterización das personaxes é moi exhaustiva: deste xeito, aclárasenos como vai solucionar Bustos os problemas de Lydia co seu veciño… ¿como?, pois como un gánster, como o gánster que é. As personaxes caracterizadas son, en gran parte, auténticas personaxes ó límite (pensemos en Tigre, canalla e desquiciado). A visión das personaxes faise dende unha perspectiva desmitificadora; deste xeito, Theo non é perfecto, nin moito menos. En definitiva, o tratamento das personaxes, tanto as principais coma as secundarias, é correcto.
Un recurso técnico importante e frecuente en Ya no quedan junglas é o que poderiamos mentar coma “O Oculto”, pero tamén como “O Secreto” ou “O Discreto”.
Ó fío disto, polo que atinxe ó reparto, existe un bo traballo por parte dos actores: Ron Perlman, Megan Montaner, Itziar Ituño, Hovik Keuchkerian, Karra Elejalde… Mención á parte merece a intervención de Diego Anido, que afortunadamente é mellor que o esperpéntico papel, como Serxio Polo, que lle tocara desempeñar na tendenciosa, maniquea, prescindible e lamentable película La infiltrada. Un recurso técnico importante e frecuente en Ya no quedan junglas é o que poderiamos mentar coma “O Oculto”, pero tamén como “O Secreto” ou “O Discreto”.
Cando Theo lle está a falar a Olga da súa muller falecida, esta eríxese como unha personaxe na sombra, de aparición indirecta, que soamente figura (e fica) en fotos. O Oculto xoga tamén a propósito da nacionalidade de Olga (dado o carácter indeterminado do seu acento). O Oculto está tamén presente por mor de cales foren os auténticos sentimentos e motivacións de Olga cara a Theo (máxime considerando o apuntamento feito pola comisaria Iborra, na súa conversa con Theo no coche, no tramo final do filme). O Oculto-Secreto-Discreto reflíctese tamén no feito de que Lydia fai moitas fotos, e non se sabe por que, é coma se o argumento non estivese completo, ou non plenamente desenvolvido). O Oculto-Secreto-Discreto aparece tamén noutras situacións, como a referencia indirecta á matanza practicada polo asasino “Herodes”.
A estrutura ad fine do filme caracterízase por un falso final (tráxico), contra todo prognóstico seguido por unha coda case que humorística (un máis dos elementos humorísticos de Ya no quedan junglas). Polo que atinxe á sucesión de escenas, o encadeamento destas acontece con base en técnicas coma o contraste (por exemplo entre Olga e a comisaria Iborra, aínda que, en certo sentido, ámbalas dúas ben puideran considerarse vítimas da vida). Noutras ocasións a concatenación entre escenas prodúcese por paralelismo, e non por contraste. Danse, asemade, supostos nos que a irrupción dunha nova escena é un sensacional golpe de efecto (así, cando se enfoca a Turón torturando). Para rematar, podemos consigna-la utilización da técnica do flash back por mor de explicar como se coñeceron Theo e Olga.





