Antes de nada… un apuntamento…
Non é preciso ser comunista, abonda con ser simplemente progresista, para concluír que a caída da Unión Soviética de Mijail Gorbachov foi unha pésima noticia para a Humanidade e para a propia Rusia. Resulta moi difícil argumentar esta afirmación de xeito sucinto e breve; xa que logo, baste con un ou dous flashes case telegráficos. Daquela, velaí que dende 1991 asistimos impotentes a un rampante imperialismo sumamente prepotente, carente de escrúpulos e non suxeito a ningunha caste de regras; un inédito imperialismo en Oriente Medio, en América Latina etc., que actúa con total impunidade. Doutra banda, neste filme, O Mago do Kremlin, podemos observa-lo desastre que supuxeron para Rusia as sociedades postsoviéticas, tanto o ultraliberalismo fanaticamente capitalista da Rusia de Yeltsin (que converteu o país nunha xungla, nun supermercado) como a Rusia do réxime despótico de Vladimir Putin.
O filme que nos ocupa enfócase primordialmente ó que atinxe á evolución política, social, económica e cultural de Rusia e, de xeito indirecto, do seu antecedente político a Unión Soviética; pero O Mago do Kremlin ten unha dobre faciana, porque, xuntamente con eses aspectos, hai outros referidos á vida persoal do protagonista, Vadim Baranov (isto é: a súa evolución profesional, a súa historia de amor con Ksenia, a súa condición de pai…); de tódolos xeitos, ámbolos dous niveis (político e persoal) fican en moitas ocasións mesturados e enguedellados: así, o propio Vadim Baranov afirma, no filme, que “Gorbachov destruíu a Unión Soviética, e iso foi o final do comunismo e tamén o final do meu pai” (seu pai, que era alto cargo do PCUS, morreu de alí a pouco). Xa que logo, o filme pode ser tipificado como heteroxéneo en canto ós seus contidos, na medida en que estes se subdividen en políticos e persoais; e tamén pode o filme ser cualificado como heterodoxo, cuxo encadramento e clasificación nun ou noutro xénero (autobiográfico, thriller, histórico…) non resulta doada.
Aspectos persoais
A título introductorio, despois dalgunha escena infantil, pódense ver no filme outras escenas de adolescencia e mocidade, que revelan que Vadim Baranov non estudou, e que facía pequenos negocios e logo teatro. Sobre isto, semella que hai algo de desarraigamento e picaresca, algo de existencia desestructurada, nun Vadim Baranov que, por certo, fala do seu pai, pero non, nunca, fala da súa nai.
Nembargantes, o máis importante no plano persoal é a súa historia de amor con Ksenia. Vadim vai a unha festa onde ela está a representar unha curiosa escenificación; e alí coñécea… ¡Ksenia!, a enigmática filla de hippys desenganados. Para enguedellala, Vadim ofrécelle traballo como actriz, nunha obra de teatro de vangarda da que é director. Ksenia, interpretada por unha actriz sueca (e ¡morena!), por unha cativadora Alicia Vikander.
No seo da historia de amor, unha historia de desamor: saen pola noite os tres (Vadim, Dimitri Sidorov, Ksenia); Dimitri vaise achegando a Ksenia pouco a pouco; a ela gústalle o seu estilo de vida, máis que o propio Dimitri. Nun xiro argumental, un tanto superficial e relativamente pouco crible, Ksenia únese a Dimitri… Entón… ¡A escena do coche!, caracterizada pola súa plasticidade e forza expresiva: Dimitri acaríñaa por baixo da saia, e Vadim decátase diso, pero no momento non di nada. Vadim e Ksenia déixanse. Nunha visita ó seu pai, este dille a Vadim, con aire esperanzador e optimista, pouco antes de morrer, que vai ter “centos de oportunidades” (sentimentais) despois de Ksenia.
Vadim coméntalle ó seu pai que se quere centrar no traballo. Vadim vai experimentar un fondo cambio, empeza a traballar na televisión e deixa o teatro… ¿Está a lle vende-la súa alma ó demo? ¿Pode ser interpretado o abandono do teatro como unha compensación pragmática, como unha evasión, pola perda do amor de Ksenia (máxime porque tamén parece abandona-las súas ideas, e non só a actividade profesional que viña desempeñando)?
Vadim Baranov volverase atopar con Ksenia nun barco, na Costa Azul… “Non me gusta o poder”, di ela. Ksenia fálalle do final da súa relación con Sidorov. Parece nerviosa e algo triste: Ksenia como personaxe no fío, e lixeiro, que desaparece ó final do filme, sen que se teñan dela máis novas. É inevitable preguntarse ¿que significa Ksenia no filme? ¿Que significa, pois?… ¿É Ksenia a honestidade? ¿É Ksenia a liberdade? ¿É Ksenia a ACRACIA? ¿É Ksenia a desorientación existencial?
Máis adiante, logo, Vadim e Ksenia volven estar xuntos. Ela dille, enigmaticamente (aludindo quizais ó seu pragmatismo) que “elixiches abrazar estes tempos”. Putin encárgalle a Vadim a cerimonia de apertura dos Xogos Olímpicos de Sochi, e Baranov recibe, ó respecto, as críticas e sentenciosas conclusións de Ksenia (quen emerxe, unha vez máis, como lúcida conciencia crítica).
Antes do tristísimo final do filme, que nos golpea inmediatamente despois do remate da conversa con Rowland, asistimos a unha inédita imaxe da filla de Varim Baranov, que semella terse convertido no seu máis sincero incentivo vital neses momentos crepusculares da súa vida.
Aspectos políticos
Podemos distinguir unha serie de nomes propios e acontecementos históricos ós que me hei referir. Chama a atención o grao de realismo (e incluso verismo) histórico: moitos personaxes reproducen ou están inspirados en persoas que realmente existiron; alén disto, os acontecementos históricos amentados (o Maidán, as Pussy Riot, a catástrofe do submarino Kursk…) son ilustrados por medio da inserción de documentais visuais de época.
O desenvolvemento desta sucesión de personaxes e acontecementos ó longo do filme caracterízase pola súa falta de cohesión e coherencia; xa que logo, o filme vai a choutos, e vai introducindo situacións e personaxes sen ningunha caste de presentación e/ou sistemática. A dispersión vén dada por un contido excesivo, que impide afondar nas cuestións (poñendo por caso, o superficial tratamento do fenómeno das milicias prorrusas na guerra de Ucraína, sobre todo no Donbass).
Así e todo, a existencia de todas estas eivas non impide recoñece-la existencia, no filme, dun realista reflexo dos trazos da política rusa postsoviética, como é o caso do maquiavelismo (que podemos observar en aspectos como as fortísimas presións do Poder sobre os xornalistas, ou as masivas manobras manipulativas informáticas, ou a sospeitosa morte de opositores como Berezovski). En definitiva, os aspectos políticos do Mago do Kremlin supoñen unha reflexión verbo do PODER, verbo do exercicio do Poder e verbo da propia condición humana. Polo demais, con certo sentido didáctico, o filme deixa ben claras as diferenzas existentes no seo do binomio Yeltsin/Putin, no sentido de supoñer o primeiro unha sociedade ateigada de ultraliberalismo e capitalismo voraz (a lei da selva)… Namentras que Putin é un déspota mergullado no autoritarismo e no nacionalismo patolóxico.
Un acontecemento social que reviste importancia no decurso do Mago do Kremlin é unha festa de ambiente universitario, que pasa por se-la prototípica reunión lúdico-cultural do Moscú postsoviético (de feito, por escrito, consígnase a adscrición temporal da devandita festa ós primeiros anos 90, baixo a epígrafe “Os novos rusos”). A citada festa, con reberetes punkis e vangardistas, caracterízase non só polo seu mitificado florecemento cultural (por exemplo, teatral) senón tamén por un ambiente de liberdade creativa, retórica e sexual.
Un personaxe do filme é Dimitri Sidorov, que aínda que provén das Xuventudes Comunistas, se dedica basicamente a facer negocios. Abertamente, nun plató de televisión, Sidorov confésase cobizoso; el mesmo relembra se-lo fundador do primeiro banco comercial ruso, baseándose en modelos e patróns capitalistas occidentais. Sidorov é o prototipo de oligarca, que acabará enfrontado ó poder de Putin, quen ordenará a súa detención, e a expropiación das súas propiedades, que serán adxudicadas a un grupo financeiro de xeito fraudulento, por unha poxa amañada.
Pola súa banda, o protagonista do filme, Vadim Baranov, experimenta na súa traxectoria profesional un cambio decisivo ó que substitúe o teatro pola televisión (decisión que o levará a contactar co círculo de Yeltsin, e axiña despois, con Putin). Agora Vadim Baranov é un executivo agresivo dos mass media, que elabora, poñendo por caso, un reality show no que participa unha moza que quere se-la “muller floreiro dun oligarca”.
O padriño profesional de Vadim Baranov é Boris Berezovski, un oligarca próximo a Yeltsin, e un magnate dos medios de comunicación. Berezovski, cun pasado caracterizado polos seus escasos escrúpulos, alomenos mercantís, e mailos seus antecedentes como caloteiro, é un teimudo seareiro do sistema capitalista vixente en Estados Unidos e mais en Europa. Alén disto, Berezovski é un auténtico militante do elitismo (é frase textual del que “se non te fas co poder, o poder vaise ocupar de ti”). Berezovski é aproveitado e interesado (así, el mesmo narra como se foi achegando a Boris Yeltsin, utilizando a súa afección ó tenis). Berezovski é un típico home postsoviético, e, como tal, maquiavélico (xa que logo, fai un trato con Boris Yeltsin: a súa colaboración a prol deste na campaña electoral a cambio do control da televisión estatal —ou sexa, unha negociación sobre titularidades públicas que é absolutamente irregular—). Berezovski, en definitiva, é un oligarca do círculo de Yeltsin, categoría que podemos opoñer ós “novos cortesáns” de Putin, condición, esta última, á que transitará o protagonista Varim Baranov. Berezovski vaise despedir da existencia por medio dunha sospeitosa morte (¿suicidio?, ¿asasinato?…).
Un personaxe fundamental no decurso do filme é Vladimir Putin, magnificamente interpretado (e caracterizado) polo actor Jude Law. Berezovski e Baranov pensaron en Putin como sucesor pola necesidade dun novo líder, ante a realidade dun Yeltsin alcolizado, deteriorado e acabado; sobre Putin dille Berezovski a Baranov, “non é un xenio, pero de momento sérvenos” (nunha frase que denota, e substancia, o grao de utilización dunhas persoas por outras, no seo da política postsoviética). Putin era xefe do FSB, a seguridade e intelixencia rusa, instancia sucesora do KGB; inicialmente era reacio, no filme, a aceptar a iniciativa de Berezovski, que o convidaba a entrar na política…; só despois dunha fría e calculada análise, Putin acepta, pero con base non de vocación ningunha der servizo a Rusia, senón dunha avaliación de posición de poder e do ascenso social que a súa entrada en política conlevaría para el.
Vadim Baranov coméntalle a Putin que o pobo ruso precisa dun poder que lle outorgue seguridade e confianza…, os rusos precisan, pois, a xuízo de Baranov, unha rede “VERTICAL” de poder (o mesmo Baranov, igual que fixera o seu referente real Vladislav Surkov, introducirá no filme outras nocións, como a de “Democracia Soberana”). E Putin… ¿cal é o corpus político-doutrinal de Putin? Pois unha mestura de autoritarismo e nacionalismo patolóxico panruso. O verdadeiro inimigo, para Putin, son os nacionalismos periféricos, que ameazan con desmembra-la federación rusa. No caso das repúblicas autónomas musulmás, como Chechenia, Daguestán, Bashkiria, Tatarstán…, as ideas do fundamentalismo islámico poderían coadxuvar a eses procesos independentistas (se ben, o nacionalismo chechenio nos primeiros anos 90 non foi inicialmente islamista, senón máis ben laico). Xa que logo, o motivo fundamental do modus operandi político debería ser, a xuízo de Putin, evita-la desagregación da federación rusa, de Rusia… Desagregación que un nacionalista panruso, como Putin, non podía tolerar. Isto reflíctese claramente nun discurso ás tropas que combatían no Cáucaso, reflectido no filme, no que Putin recorda que o que están en xogo non é só o honor e a dignidade de Rusia, senón a súa propia supervivencia, e loxicamente, a pedra de toque dese enfoque político vai se-la cuestión chechena; no filme hai unha plástica descrición (case reconstrucción) das explosións das bombas chechenas nos arrabaldos de Moscú… ¡Esa sensación dos moscovitas de te-la guerra ás portas!, ¡esa inquedante dúbida colectiva verbo dunha hipotética participación dos servizos secretos rusos neses atentados, por mor de xustifica-la Segunda Guerra Chechena, despois da humillación que supuxera a Primeira Guerra Chechena!
O maquiavelismo de Putin, e a súa xente, queda en evidencia cando Varim Baranov, ó servizo daquel, non ten escrúpulos en exercer fortes presións sobre os xornalistas respecto do xeito en que cubren a información relativa a Putin. O maquiavelismo refírese tamén a outros aspectos, como o hábito de utilizar sicarios ó servizo do poder.
O autoritarismo de Putin está presente nas relacións internas cos funcionarios e servidores públicos, e tamén nos actos de exercicio de poder en relación cos cidadáns. Aínda que de xeito oblicuo, déixase caer no filme un posible paralelismo entre as figuras de Putin e Stalin (sobre este, Putin amosa, no filme, ter unha opinión polo menos neutra). O populismo de Putin está presente no filme con feitos como a súa exposición activa como líder na viaxe ó Cáucaso, por mor de celebra-lo ano novo coas tropas rusas. A actuación política de Putin caracterízase, segundo o filme, pola extrema frialdade con que se enfronta ás protestas dos familiares dos tripulantes do submarino Kursk; ou a ausencia de clemencia fronte á solicitude do seu perdón por parte de Berezovski.
Ten certo interese facer unha análise verbo das perspectivas, ó respecto de Putin, que ten Berezovski (quen, así, deste xeito, llas manifesta a Vadim Baranov). Con relación a isto, obsérvase no filme unha actitude non estrictamente neutral de parte do director Olivier Assayas e mailo seu equipo…; obsérvase unha certa benevolencia e compracencia ó respecto das aceiradas críticas que Berezovski lle dispensa a Putin (de quen di, poñendo por caso, que é un “típico producto do KGB”, afondando no seu historial profesional). Berezovski di que Putin impediu que Rusia fose un “país normal” (segundo o modelo occidental, sobreenténdese). Tamén fala Berezovski da paranoia e conspiranoia de Putin (que achega a súa figura á de Stalin).
Outras figuras presentes son, no Mago do Kremlin, Eduard Limonov (creador, en 1993, do Partido Nacional Bolchevique, cuxo credo era unha mestura de esquerda e de nacionalismo ruso); Pussy Rio (grupo feminista radical de acción directa); Gary Kasparov, o famoso campión de xadrez.
Unha materia con substantividade propia no seo deste filme é a cuestión ucraína. Á parte do propio filme, todos somos espectadores históricos da artificialidade das fronteiras ucraínas, sobre todo pola estrema leste (fronteiras que deixan fóra de Rusia considerables zonas de idioma ruso); e somos tamén testemuñas das ambicións imperiais (ou coloniais) das elites rusas sobre a totalidade do territorio ucraíno. Na película O Mago do Kremlin, con ton documental, faise alusión á Revolución Laranxa, o Maidan, froito da reacción fronte á polémica victoria electoral do candidato Yanukovik (por falar, ata se fala, mesmo tamén, da Revolución das Rosas en Xeorxia). Está tamén presente no filme a anexión (¿liberación?) de Crimea, onde, lembremos, os ucraíno falantes son unha minoría fronte ós ruso falantes (e os tártaros). Reflíctese, asemade, a construcción de Novorrusia (a nova Rusia das zonas ruso falantes) por parte das milicias prorrusas en zonas coma o Donbáss (cuestión que non se explicita nin se explica adecuadamente para a comprensión dos espectadores).
Reflíctense tamén, no filme, outros aspectos, como a elaboración, a título de sancións internacionais, de listas negras afectantes a personaxes centrais do réxime de Putin, referidas á prohibición de acceso ós estados europeos ou ós Estados Unidos (deste xeito, Vadim e Ksenia resultan represaliados, para tal efecto e en tal concepto; e de aí a súa viaxe a Suecia a título de despedida). Doutra banda, por mor da aparición de Efgueni Prigojine, Vadim Baranov vai facer vale-la súa habelencia, ó servizo do Poder, no referido ás teorías da comunicación e, sobre todo, á utilización política dos mecanismos existentes no ámbito da informática (o cal suporá a introducción de conceptos como o de “guerra híbrida”).
Tópico/s
Se hai unha característica salientable no filme, esa é a proliferación de tópicos (ou, máis ben, a construcción da película como un auténtico tópico global). Tópica é a imaxe case idílica dos campos con neve en Rusia, polos que Vadim pasea cos seus cans, xa nas imaxes mesmo iniciais do filme…, tópico e tipismo, como tópico é tamén ese teléfono que “é gris” porque gris é “todo o soviético”. Tópicas (e, por tanto, relativamente falsas) son as supostas diferenzas que no filme se sinalan entre Rusia e Occidente, no que se refire a regras polas que se rexen as respectivas sociedades (así, no relativo á frecuencia das detencións de empresarios, ou á vixencia, importancia e peso dos mercados). Nunha conversa entre Varim Baranov e Berezovski, aquel afirma que historicamente Rusia sempre se fixo e desenvolveu “a golpes”: é indubidable que o proceso histórico-ruso se caracteriza por unha maior cantidade de momentos revolucionarios e rupturistas…, pero, así e todo, a frase non deixa de ser un tópico. Tópica é, tamén, a pregunta que os xornalistas norteamericanos lle fan a Putin: “¿Como é ser espía?”.
Vencellado ó carácter tópico está a mobilidade xeográfica, plasmada no filme, que fai relembrar unha película de Jamen Bond. Unha mobilidade xeográfica (Costa Azul, Sochi… ¡por certo, lugares tópicos!) que se ve completada coa presenza do xornalista norteamericano Rowland como auténtico entrevistador máis que simple conversador; unha mobilidade xeográfica que se ve completada asemade con documentos visuais, como o que fai referencia a unha acción das Pussy Riot nunha catedral, ou o concernente ás reivindicacións das familias dos mariñeiros do Kursk.

- Le Mage du Kremlinaka
- Francia, 2025
-
Director: Olivier Assayas
-
Guión: Emmanuel Carrère, Olivier Assayas





