Ramón Piñeiro no autobús

Aínda nos interpela a obra de Ramón Piñeiro? Serxio María Rodríguez Álvarez así o xulga.  A súa obra “O pensamento político de Ramón Piñeiro” (Editorial Galaxia, 2024)  é unha análise precisa do que se deu en chamar “piñeirismo”. Non se trata da mera figura de Ramón Piñeiro como “Deus ex Machina”. Todos os demais, Xaime Illa Couto, Francisco Fernández del Riego, o  mesmo tótem Otero Pedrayo, compartiron as mesmas posicións. Que se saiba.  

Serxio María Rodríguez sintetiza con acerto “Estamos ante un político cunha visión pluralista e demoliberal, europeísta na configuración da súa teoría da nación galega e federalista”. Con matices, poderíase predicar de todos eles.  

A día de hoxe, a mirada sobre o grupo, e sobre Piñeiro en particular, oscila entre o desprezo aberto e a haxiografía. O autor deste ensaio, politólogo intelixente e rigoroso, de cabeza ben amoblada, intenta situarse máis aló desa disxunctiva, coa perspectiva que dan a distancia e a serenidade. 

É algo que me parece necesario, unha vez que o “galeguismo” desapareceu. Meilán Gil describíu nunha ocasión o papel que xogou aquela xeración como o dun intercambio entre lexitimidade e influencia. Era un momento lábil –o da Transición- en que as novas institucións precisaban de mística e símbolos.  

 Non é o caso hoxe. O galeguismo morreu con eles. En parte porque aquel tipo humano é irrepetible, en parte porque aquela funcionalidade política xa non é necesaria. O partido gobernante na Xunta de Galicia non necesita desa imposición de mans. A súa política discorre por outros derroteiros. En todo caso, compra vontades máis que negocia posicións.   

Para entender aquel intercambio, pensemos que todo aquel galeguismo cabía se non nun taxi, cando menos nun autobús. Un autobús: dicía Ramón Piñeiro que nos anos escuros, cando viaxaba por Galicia para atopar complicidades, non atopaba apenas resposta. As miñas propias orellas escoitaron esa frase da súa boca. 

O gran dato sobre o galeguismo do período ten que ver coa súa mínima masa crítica. “¡Mágoa de non saber que era tan galeguista¡, dicía con sorna Xaime Illa, acerca dalgún converso sobrevido no período democrático, cando xa non había risco, segundo conta Alberte Meixide, un dos seus discípulos.  

O seu “culturalismo”, no entanto, é unha fake news. En realidade, foron acompasándose ás distintas conxunturas políticas a partir do momento en que abandonaron a esperanza de que a vitoria aliada supuxera a fin do franquismo. A súa práctica estivo orientada polo realismo e a conciencia dos propios límites, non sen fantasías esporádicas. 

Como explicar se non a extravagante idea, que sostiveron nos anos sesenta, de que había que construír un partido democráta cristián e outro socialista para cando morrera Franco? Atribúeselle a Piñeiro esta frase: “Os que recen, para o partido demócrata-cristián. Os que non, para o socialista”.  

Demos por seguro, como hipótese, que Xaime Illa, Ramón Piñeiro, Fernández del Riego, etcétera, erraron. Acertaron outros? 

Fagamos un experimento mental. Se hoxe se suprimiran as institucións autonómicas, habería grandes protestas?  Ata que punto o autogoberno ten alma e raíces fondas ? 

Máis preguntas: ata que punto existe en 2024 comprensión das ventás de oportunidade e da relación de forzas: pensamento estratéxico e non pensamento máxico?  

O pensamento político de Ramón Piñeiro 
Serxio María Rodríguez Álvarez
Editorial Galaxia 
Vigo, 2024 
Número de páxinas: 144