Na primeira secuencia de Querer, un rapaz pídelle explicitamente o seu consentimento á súa parella para ter sexo. Un podería pensar que se trata dunha carta presentación rotunda para unha serie que xira en torno a esta cuestión. Pero esta miniserie dirixida e co-escrita por Alauda Ruiz de Azúa (Cinco lobitos, 2022) nunca se queda só no obvio, na capa epidérmica. Así, no derradeiro capítulo, atopámonos con outra secuencia sexual protagonizada polo mesmo rapaz e que dá unha aproximación á cuestión ben diferente e totalmente complementaria. 

Esta é a tónica habitual de Querer, unha obra que está tan ben escrita e interpretada, que nos convida a esquecernos de que todo ilo está orquestrado por unha posta en escena fascinante.  

Pero, cal é a historia que conta esta miniserie? Unha muller na cincuentena decide denunciar ao seu marido, un respectable director comercial, por violación e abusos continuados durante décadas. Os seus dous fillos vense obrigados a escoller a quen crer e a enfrontarse coas borrosas lembranzas da súa infancia. O primeiro capítulo cóntanos a fuxida,;o segundo, a dolorosa construción dunha vida independente; o terceiro, o xuízo, e o cuarto as consecuencias, o futuro, a esperanza (?). 

Ao longo destes episodios, Ruiz de Azúa vai compondo versos que riman. No primeiro capítulo, unha nai durme co seu fillo adulto buscando unha protección que non atopa. No cuarto, un pai durme co seu meniño intentando atopar a forma de protexelo e de emendar os seus propios erros. A muller aterrada e silenciada do comezo da serie, vai pouco a pouco liberándose ata recuperar unha identidade propia e unha liberdade que lle foi roubada.  

Un coche que acelera de maneira perigosa por un túnel no medio dunha discusión de parella fusiónase co relato terrible dunha muller que sufriu a condución temeraria do seu marido como forma de castigo, pero tamén rima coa fuxida desesperada dun fillo que se dá conta de que todo o que viviu, aínda que non o lembre, está pegado á súa pel e transformou a súa vida e a maneira de amar e foder. 

Estes paralelismos visuais e narrativos evidencian a complexidade dunha das obras audiovisuais máis interesantes do panorama español do que vai de década.  

A grandeza de Querer non reside no seu tema. Nunca a temática é a maior virtude dunha obra de arte. O que converte a Querer nunha obra sobresaínte é a súa forma de abordar dende a complexidade emocional, a intelixencia narrativa, a excelencia na posta en escena e o respecto pola intelixencia da audiencia, unha cuestión capital para a nosa sociedade: onde remata o consentimento e comeza o abuso, ou viceversa.  

Grazas a isto, Querer fórzache a reflexionar sobre situacións que viviches ben como observador ou ben como protagonista, e descóbreste a ti mesmo intentando respirar nun mar de dúbidas. Esta serie é importante porque opera cambios en ti. Logra, como as máis poderosas obras artísticas, transcender. 

Querer 
Creada por Alauda Ruiz de Azúa, Eduard Sola e Júlia de Paz
Reparto: Nagore Aranburu, Pedro Casablanc, Miguel Bernardeu, Iván Pellicer