Luns 6, Febreiro 2023
HomeCulturaQuen son as bestas?

Quen son as bestas?

por Miguel Vázquez Freire 

Como é sabido, a historia que centra o relato de As bestas parte dun feito real, ocorrido nunha aldea ourensá hai uns anos. Os guionistas do filme (o propio Sorogoyen e Isabel Peña) nunca o agocharon aínda que modificaron varios elementos (como por caso a nacionalidade da vítima) seguramente co obxectivo de non se ataren a unha fidelidade estrita que non perseguían. Con todo, a referencia ao feito real ten neste caso unha particular pertinencia. En xaneiro de 2010, o holandés (francés no filme) Martin Verfondern, que levaba vivindo coa súa muller na aldea ourensá de Santoalla desde 1997, desapareceu sen deixar rastro ata que catro anos despois apareceu o seu cadáver e foron detidos como culpables do asasinato os seus veciños, os irmáns Rodríguez.

Se este caso criminal non tivese acontecido, que un filme puxese o foco na vida do espazo rural galego para presentar aos seus habitantes autóctonos como asasinos podería suscitar a moi razoable obxección de caricaturizalos de forma negativa. Non hai caricatura. 

Se este caso criminal non tivese acontecido, que un filme puxese o foco na vida do espazo rural galego para presentar aos seus habitantes autóctonos como asasinos, podería suscitar a moi razoable obxección de caricaturizalos de forma negativa. Non hai caricatura cando o referente concreto é exactamente ese. Poderase lamentar neste caso que se teña escollido ese suceso e non algún outro máis positivo, mais o lamento non escaparía, pola súa parte, da correspondente sospeita de querer adozar unha realidade na que, por desgraza, esas cousas ocorren. 

O filme ábrese cunha impactante secuencia de dous aloitadores derribando un cabalo nunha batalla ritual ben coñecida polos espectadores da rapa das bestas. Os creadores do filme proporciónannos con esta apertura unha clave interpretativa para o seu filme que (coido) non ten sido suficientemente sinalada. Por suposto, esa é a orixe do título, que mantén o galego As bestas en todo o circuíto dos cines españois (non sei en Francia, onde tamén está a ser un éxito). Mais, quen son “as bestas”?  

Unha ambigüidade intencionada 

Parece que a maioría da xente pensa sen maiores complicacións nos asasinos, eses dous irmáns que, desde a súa aparición na segunda secuencia, amosan unha actitude violenta e ameazante. Do irmán menor (interpretado por Diego Anido) saberemos que el mesmo era un aloitador e que tivo un grave accidente nunha rapa (se cadra unha dentada dun cabalo?) que o deixou con algunha minusvalía psíquica. Por este vieiro ábrese unha ambigüidade, que o filme vai explorar, na dualidade humano / besta.  

Certamente, cabe pensar que a ferocidade violenta dos aloitadores que irrompen na vida salvaxe dos cabalos ben podería merecer o cualificativo de “besta”. Mais, se o cabalo é a besta, que o é, non podería ser o francés agredido a “besta”? Unha identificación que o propio filme potencia tanto na silenciosa e fermosa secuencia na que Antoine detén o seu paseo, acompañado do can, para ver o paso libre dos cabalos do monte, como sobre todo na do crime, que é unha explícita recreación da secuencia inicial, na que aquí o francés ocupa o lugar do cabalo e os irmáns o dos aloitadores. 

Xan (Luís Zahera) é o dono da palabra, é el, seguro no seu espazo vital que lle é propio desde sempre, quen domina o discurso. E, atención!, non é un discurso caricaturesco ou falto de poder argumentador. Fronte a el, Antoine, o francés, apenas é quen de contrarrestar ese poder discursivo.  

Esta inversión da perspectiva alegórica xera novas claves que permiten afrontar o conflito que nuclea o relato (o que enfronta ao ecoloxismo do urbanita representado polo francés co pragmatismo rural dos irmáns galegos) lonxe de todo maniqueísmo redutor. Desde a súa primeira aparición en pantalla, Xan (Luís Zahera) é o dono da palabra, é el, seguro no seu espazo vital que lle é propio desde sempre, quen domina o discurso. E, atención!, non é un discurso caricaturesco ou falto de poder argumentador. Fronte a el, Antoine, o francés, que foi profesor e é xaora un home culto, apenas é quen de contrarrestar ese poder discursivo.  

O tratamento da lingua: o reflexo da realidade 

Aquí, naturalmente, a fala ten un lugar determinante, invertendo a habitual inferioridade diglósica que sofre o falante galego. Xan usa a súa superioridade na fala (o galego) para illar o francés na disputa que manteñen por liderar a comunidade na negociación coa empresa das eólicas. Antoine, que non fala galego, carece da capacidade para contrarrestar o poder discursivo de Xan. Antoine cala, deféndese torpemente, como o cabalo, a besta, contra os aloitadores. Aínda fará un intento final por resolver o conflito mediante a palabra, el só bebendo unha botella de augardente na tasca cos dous irmáns (unha maneira de tentar integrarse no seu espazo de comunicación social, dado que o idioma lle segue a ser alleo), desesperado e fracasado. 

Poderiamos certamente preguntármonos por que ese francés culto, que xa fala moi aceptablemente o castelán, non fixo o esforzo por conseguir o mesmo co galego. A resposta por desgraza témola ao noso redor. Non cabe, logo, atribuír aos guionistas do filme unha elección que non é senón reflexo dunha realidade. E isto mesmo serve para analizar outra das eivas que se atribúen ao filme: que os falantes galegos son todos personaxes negativos (ademais dos irmáns, o tratante de gando) mentres que o único galego retratado de forma positiva, Pepiño, non fala galego. Mais isto non é de todo certo. A Pepiño vémolo sempre acompañando os franceses e comunícase con eles en castelán; ignoramos se son, el e a súa muller, falantes habituais en galego. Ben puideran ser como o pastor, a quen vemos opoñéndose en galego a Xan, pero que tamén fala en castelán con Antoine. O sobriño do pastor, por certo, se cadra previsible castelán falante porque se trasladou á cidade e renega do seu pasado na aldea, é aliado dos Rodríguez. Non creo, en definitiva, que sexa xusta a acusación de maniqueísmo diglósico que se lanza contra As bestas: o galego non é unha fronteira que separa os malos dos bos. 

Lonxe de maniqueos reducionismos 

Mais, sobre todo, o verdadeiramente importante queda fóra de plano cando se aplica ese reducionismo. Porque quero insistir en que os argumentos de Xan non están desprovistos de valor. Reproducen unha problemática dramática que a miúdo as proclamas ecoloxistas tenden a minimizar erroneamente. Xan expona con enorme elocuencia: a renuncia aos cartos da eólica significa para eles a condena a seguir atados a unha vida que detestan porque non puideron coñecer outra; significa que por primeira vez na súa vida van dispoñer de elección, e non acepta que un home de fóra, que el si puido escoller (e de feito escolle esta vida porque antes xa viviu outras), lle impida coa súa decisión esa opción que para el é a única que a vida lle ten ofrecido de vivir doutro modo.  

Isto non é xenofobia, ou se o é, se deriva nunha actitude e nun discurso de connotacións xenófobas (o francés herdeiro dos invasores napoleónicos), é unha xenofobia defensiva. Non é este un problema menor senón máis ben a cerna dun conflito que certo integrismo ecoloxista, se podemos chamalo así, despreza inxustamente. Con isto non quero dicir que caiba atribuír ao matrimonio francés ese integrismo. Coido máis ben que un dos valores do filme consiste en representar con toda complexidade e, insisto, sen reducionismos maniqueos, as posicións que conducen ao desenlace violento do conflito. 

A valía estética do filme 

Hai outra crítica ao filme, esta de menor repercusión, que discute os seus méritos estéticos, sostendo que As bestas non acada os logros dos mellores filmes do xénero ao que o adscriben: o thriller rural con elementos de terror. Onde esta crítica ve unha eiva, vexo eu un dos seus méritos. Porque As bestas amosa claramente unha vontade de transcender as convencións de xénero, como se advirte en que en ningún momento se fai da intriga sobre os autores do crime un tema relevante.  

Cando Antoine desaparece, e o espectador sabe que morreu ás mans dos dous irmáns, o filme parece acabar aí, con ese cerre que repite a secuencia do inicio. Pero nese intre comeza outro filme moi distinto e non menor, que é tanto un drama familiar (o conflito nai / filla) como unha fermosísima historia de amor. Se eu tivese que obxectar algo, sería en todo caso que na primeira parte segue demasiado fiel aínda ao relato convencional (a gradación das accións agresivas dos irmáns que van creando unha atmosfera agoniante) sen atreverse a explorar máis outros que nalgún intre se albiscan, como eses paseos polo monte que levan a Antoine tanto á identificación cos cabalos libres, como xa se dixo, como a retar quixotescamente aos muíños xigantes. Unha liña estética que o achegaría máis, por exemplo, a O que arde (Óliver Laxe, 2019), pero que seguramente tamén reduciría o seu éxito comercial.  

Non foi, en calquera caso, esa a opción do director nin é ese, pola súa traxectoria (Stockholm, 2013; Que Dios nos perdone, 2016; El reino, 2018; a serie de televisión Antidisturbios, 2020) o tipo de cine polo que opta.


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]