ENSAIO
Im-pulsos creativos. Canles alternativas de creación contemporánea. Arantxa Pérez e Lucía Romaní (eds.) Editorial Axóuxere, 2019.
por María Xesús Lama
Xa van case dez anos desde que un grupo de investigadoras e investigadores vinculados ao departamento de Historia da Arte da USC, baixo o liderado de Marisa Sobrino, iniciaran o proxecto “Canles alternativas de creación experimental. O Eixo Atlántico: 1975-2010”. Con financiación da Consellería de Economía e Industria, o proxecto deu resultados relativamente satisfactorios até o seu peche formal no 2013. Conseguiu ‘producir coñecemento’ –ou, cando menos, condensalo– sobre unha serie de iniciativas de artistas que, especialmente desde os anos setenta, quedaran á marxe da historia da arte canónica que se empezou a escribir nos oitenta.
Baixo este paraugas, e co apoio do CGAC, celebráronse en 2011 e 2012 dous seminarios que foron o punto de partida para dous libros editados por Baleiro. O terceiro seminario desta serie, celebrado en setembro de 2013 –no límite temporal do proxecto de investigación e con menos soporte institucional– armouse sen os complexos académicos dos anteriores e deu como resultado un libro tamén diferente. Co orzamento público esgotado, as responsables deste encontro e da publicación –Arantxa Pérez (investigadora en Historia da Arte) e Lucía Romaní (doutora en Belas Artes)– optaron por darlle a este volume algo do que os outros, en parte, adoeceran: tempo e autonomía.
Máis de cinco anos despois daquela convocatoria, sae da cociña editorial de Axóuxere –caracterizada pola fermentación e maduración lentas– Im-pulsos creativos. Canles alternativas de creación contemporánea. Lonxe de perder ‘actualidade’, a colección de relatos de primeira man dos responsables de proxectos como Espazo Extramuros da Coruña ou La Caja de Vigo, hoxe sen ubicación física, ou Liceo Mutante de Pontevedra, Sinsal ou a cooperativa Hábitat Social, con historias recentes de grandes cambios, describe á perfección o presente descontinuo da realidade artística do país.
Remedios Zafra falaba fai uns meses, nunha sala ateigada do Consello da Cultura Galega, da ‘celeridade’ e o ‘exceso’ como categorías propias da precariedade. E dicía que no instante en que se toma conciencia de que esas categorías son compartidas é cando ‘a cousa’ –a precariedade– se fai política. Hoxe as canles alternativas xa non se definen tanto pola súa impermanencia (algo que comparten cos seus supostos contrarios) senón por dar unha oportunidade, precisamente, ao estancamento: facer posible co seu estar –antes que co seu ser (lembraba Roi Fernández apelando a Heidegger)– a xeración de novos [micro]ecosistemas. “Ante tempos de cambio tumultuoso, o exercicio errante do intelecto é un bálsamo”, escriben os de Axóuxere.
As editoras pechan o epílogo confesando a súa firme convicción de que esa “comuñón de minúsculas illas conforma un arquipélago potencialmente transformador”. Quizais persistir no cartografar rudimentario, no percarrer os sendeiros e os camiños da “complexa fusión disciplinar” que nos propón este pulso, nos leve máis aló do esquemático mapa topolóxico que ofrecen as institucións e políticas culturais oficiais.