Quen é ese descoñecido en torno ao que xira a miña vida

Nalgún momento da Historia as nais e os pais tiveron a capacidade de coñecer de verdade aos seus fillos? Se iso aconteceu no pasado, dende logo non é o escenario no que nos atopamos.  

Pubertat, a nova serie de Leticia Dolera (Requisitos para ser unha persoa normal, 2015; Vida perfecta, 2019) aborda dunha maneira profundamente desacougante o feito de que na era dixital é imposible acceder a enormes áreas da vida dos adolescentes. Nos seus móbiles escóndense segredos, ideas e sentimentos que non supuran de ningunha forma diante dos seus pais e nais. 

Para retratar a angustia tanto dos adolescentes como das persoas encargadas de coidalos e protexelos (dos demais, de si mesmos e ao resto deles), Pubertat desbarata unha colle, é dicir, a agrupación na que se reúnen os castellers, unha clase de comunidade de gran relevancia en Catalunya. 

No seo dunha colle, unha casteller denuncia a través das redes sociais a agresión sufrida por unha compañeira adolescente na que participaron varios membros da colle, tamén púberes. 

Á vez que se abre unha investigación oficial, a denuncia fai saltar en mil anacos o ecosistema da colle e enfronta aos adultos ante a terrible realidade: non coñecen os seus fillos. Da mesma maneira, os adolescentes van descubrindo todo o dano que poden causar e cales son as consecuencias dos seus actos. 

Pubertat tórnase, así, nunha serie que nos obriga a reflexionar sobre o mundo no que estamos deixando crecer ás novas xeracións, un campo de minas conformado pola falsa realidade que transmiten as redes sociais e discursos misóxinos, racistas e que buscan minar o noso precario Estado do Benestar. 

De aí que o importante non sexa aclarar que aconteceu na noite na que se produciu a agresión, senón afondar nas causas e nas consecuencias de que ocorrese e atopar unha forma de previr as agresións e de reparar o dano causado. 

Neste senso, Leticia Dolera fai unha encomiable reivindicación das vontades da xustiza restaurativa, fuxe dos lugares comúns e non ten medo a meterse en eidos moi complicados.  

De feito, a través da personaxe que encarna ela mesma, amósanos as contradicións ás que nos pode enfrontar a vida. A súa personaxe, unha xornalista feminista que é unha referente para miles de mulleres, descobre na súa propia carne que acontece cando o agresor non é un descoñecido, senón o teu propio fillo. E este non é máis que un dos diversos conflitos morais que a serie non ten medo a reflectir e sobre os que ten sempre algo que dicir.  

Non che vou mentir, querida persoa que estás lendo isto, Pubertat non é unha serie para evadirte, senón para confrontarte, pero de verdade que vale moito a pena botarlle un ollo, sobre todo, se tes ao teu arredor adolescentes ou cativos que van camiño de selo. 

Pubertat 
Creada por Leticia Dolera 
Reparto: Aina Martínez, Ot Serra Bas, Xavi Sáez e Carla Quílez.