O músico vigués Nicolás Pastoriza tira de retranca para bautizar un novo proxecto grupal e discográfico a máis de tres décadas do seu debut na escena galega. O líder de bandas como Bromea o qué?, Ectoplasma ou La Marabunta, amais de autor de numerosos traballos en solitario, escolle agora o nome de El Buzo (O Mergullador), afirmando que a súa categoría como músico xa non sería a de emerxente, senón a de somerxente. O xogo de palabras reflicte un descontento coa industria en xeral e os medios de comunicación en particular, en relación co idadismo que todo o comprime.
A inquedanza e o tempo libre derivado da recuperación dunha doenza física foron as causas de que Nicolás Pastoriza xuntase un novo feixe de cancións que precisaba unha formación fresca e inédita. Deste modo, a unión de músicos resultou case paranormal, asociándose a encontros máis ou menos casuais ―durante o proceso, Nico coincidiu con Xavi Bértolo (Cró!) entre 90 000 asistentes a un concerto de Blur en Wembley― e a un vello desexo de contar con certos nomes dentro da banda. O dream team de Pastoriza complétano Rubén Abad, Manu Ares e Mig Seoane, cnda os que comeza a xogar e divertirse, profundando en influencias comúns que parten “dese pop inglés de té con pastas” que os encamiña por unha vertente ruidosa, psiquedélica e experimental.
Nicolás nunca ocultou a debilidade que padece ante unha boa colección de pedais de efectos para guitarra, recuperando estes instrumentos non só como acompañamento, senón como paleta de cores coa que preparar trazos de grosores e texturas variables. Mentres estivo de baixa por hernia discal, tivo tempo de espremer as múltiples posibilidades dos ditos trebellos, en combinación coa inxesta de calmantes e drogas legais, nunha cadencia desromantizadora do rock and roll way of life. Todo o material compúxose coa mente posta en crear aberracións de forma intencionada, en contrapunto coa beleza de certas paisaxes sonoras propelidas por melotróns, ecos de cinta, guitarras invertidas e algo de fuzz. mesturadas con outras ferramentas dixitais máis sofisticadas e contemporáneas.
O froito son dez cancións producidas por Xavi Bértolo e que supoñen o renacemento de Pastoriza tras unha dolorosa convalecencia, e tras a recuperación do desfrute afeccionado xuvenil que alumeou entregas pretéritas do autor vigués. El Buzo atópase en plena fase de presentación e xa está dispoñible nas principais plataformas dixitais de música. Con títulos tan suxerentes coma Canción en B, Tripi Advisor, El abuelo está moviendo los muebles ou Seroxat 20 mg., abofé que non debería pasar desapercibido este disco concibido como pura descompresión, música para aboiar.
El Buzo
Nicolás Pastoriza
El Buzo Autoeditado, 2024