O proxecto dun: “Monumento a Martín Codax. Cantor do mar de Vigo”, tenta comprometer e sensibilizar a cidadanía viguesa e por suposto a propia cidade de Vigo, da importancia de un proxecto de estas características que o grupo PERTENZA quer levar a cabo, sobre a obra do poeta medieval Martín Codax, figura coñecida e popular na nosa cidade, até o punto de contar con agrupacións culturais que, xa hai oitenta anos, levaban o seu nome, así como de centros de ensino ou mesmo premios literarios. El foi o escritor, xuntamente con Joan de Cangas e Mendinho, a quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas no ano 1998, case 700 anos despois da súa morte.
O motivo de que PERTENZA propoña e desexe levar a cabo este proxecto coincide co feito de se cumprir, no ano 2014, o centenario da descuberta do Pergamiño Vindel (1), un texto que se supón copiado no século XIII e que contén a obra completa coñecida do poeta vigués, consistente en sete cantigas de amigo. Este histórico descubrimento permítenos coñecer a música profana da lírica medieval galego – portuguesa, dunha das voces máis extraordinarias da lírica peninsular da Idade Media. O pergamiño presenta ademais un valor acrecentado, xa que seis das ditas cantigas posúen a música que acompañaba, nos tempos medievais, a súa interpretación.
A idea deste proxecto o cal facemos referencia ten precedentes ou procede en realidade do xa falecido Xosé María Álvarez Blázquez, que fora cronista oficial da cidade e que a formulara hai case catro décadas. A proposta do intelectual vigués visaba a realización dun monumento no que se gravasen as sete cantigas do trobador medieval.
No seu día esa proposta non callou por motivos que ignoramos.
Mais hoxe, aproveitando o centenario da descuberta do pergamiño Vindel ao que se fixo referencia, o grupo PERTENZA encontra que nos achamos perante un magnífico momento para, dunha forma coordenada e de participación, conseguirmos esta homenaxe a quen ollou esta ría hai setecentos anos, a quen o recordou e propuxo recuperalo para goce e estima da colectividade e, en definitiva, para todo ese colectivo en marcha que constitúe a cidade de Vigo.
(1)Pedro Vindel Álvarez (1865 – 1921), libreiro experto en volumes antigos e manuscritos, publica en febreiro de 1914, fai xusto cen anos, na revista Arte Español (Madrid) o artigo: “ Las siete canciones de la enamorada, poema musical por Martín Codax, juglar del siglo XII”