ENSAIO
de Gabiel, Narciso. Xosé María Álvarez Blázquez. Mestre republicano. Editorial Galaxia, 2019
por Xavier Castro
Cando espertaba en min a inquedanza galeguista, a fins dos anos sesenta, dei en atopar libros de Galaxia, por suposto, pero tamén saídos do prelo das editoriais Monterrei (1950-1967) e Castrelos (1963-1979), con que puiden alimentala, polo que resultaron importantes para a miña sensibilización cultural e diría que mesmo sentimental, que tal foi a índole inicial da miña concienciación. Quizais tamén de boa parte da miña xeración. A política viría despois.
Causoume un impacto grande O catecismo do labrego, que apareceu na colección popular O Moucho, a carón de recompilacións de cantigas, refráns e outras mostras de literatura breve e demótica. Andando o tempo, lin cousas de Xosé María Álvarez Blázquez, editor e polifacético escritor de Tui que pasou a vivir logo en Vigo, fuxindo de amargos recordos, a quen teño por un dos persoeiros máis relevantes do espazo cultural galego.
Pertencente ademais a unha ampla familia de creadores, probablemente a que máis ricas achegas realizou ao labor creativo de nós. Un dos membros máis distinguidos deste clan (e vaia aquí un emotivo recordo para a finada e benquerida pintora Berta), Pepe Cáccamo, creo recordar que lle reprocha ao pai, na súa interesante autobiografía, Memoria do poeta (2006), que se dispersase tanto en pluribus saberes, o que supostamente tería representado un atranco para acadar o cumio máis elevado nalgún dos eidos que cultivou. Pero, ao cabo, rendeuse ao argumento de que se non fixese tal, no tería sido feliz.
En territorios achegados, temos exemplos de talentos de amplo espectro que responden ao ideal renacentista do Homo universalis, encarnados en Ramon Llull, Leonardo da Vinci, Isaac Newton, ou máis recentemente, Víctor Hugo; e plasmados, no tempo máis próximo, en polímatas como George Steiner e Jean Cocteau, ou o noso imponderable Ramón Gómez de la Serna, contrarios todos eles á especialización, ou especialistas na xeneralidade, como retrucaba Santiago Montero Díaz a un sorprendido reitor.
Xosé María Álvarez Blázquez non obtivo o recoñecemento que merecía ata que se lle dedicou o Día das Letras Galegas, no ano 2008, tirándoo da penumbra, que impediu que académicos como Narciso de Gabriel souberan do seu quefacer, como el mesmo recoñece. Agora ben, hai unha fortuna póstuma nos creadores que encontran un ben cumprido biógrafo, e isto semella aplicable a este caso, xa que o autor desta obra é un referente primordial na historia da educación, con obras imprescindibles como Escolantes e escolas de ferrado, Leer e escribir en Galicia ou a exitosa e Elisa e Marcela: amigas e amantes.
O libro, aínda que está centrado na análise do diario escolar e do desterro que sufriu XMAB, é moito máis que iso, xa que con pluma áxil e rigor que non menoscaba o estilo divulgativo, resume as achegas realizadas polas biografías recentes. Temos así un valioso estudo dun distinguido mestre republicano, editor e polígrafo, que interesará non só aos que se preocupan pola historia da educación en particular, senón tamén a todos os letraferidos que queiran afondar no coñecemento do devir da cultura galega.
Un libro importante, en suma, sobre un creador imprescindible. E que demostrou o seu talento, calidade humana e ampla cultura dende moi novo, algo que a min soamente me sorprendeu en Méndez Ferrín, cando tiven ocasión de ler algunha das cartas que escribiu de mozo. E que tiña ademais sensibilidade para ir ver co seu amigo Cunqueiro a primeira camelia que agromara no inverno vigués e para escribir tamén poemas coma este, que eu recito con grande ledicia nas miñas lerias enolóxicas: Fun ao viño albariño / flor da terra vendimada / como quen vai de camiño / e quedei de pousada“.
Fagan vostedes tamén unha boa parada na excelente obra que nos vén de ofrecer Narciso de Gabriel. Por certo, mellor cunha copa de viño na man.