POESÍA
Pato, Claudio. Draga. Concello da Coruña, 2018
por Manuel Forcadela
Ando a dicir por aí, desde hai un certo tempo, que a poesía é, entre outras moitas cousas, unha posición filosófica que ten lugar como resultado da irrupción de dous paradoxos na nosa relación coa linguaxe. As dúas preguntas básicas de todo suxeito (suxeitado) creador: quen fala e que fala quen fala. A primeira representa a dúbida sobre a nosa situación xenuína, orixinaria, en termos da fonte do fluír da conciencia. A segunda, a nosa incerteza á hora de sabermos que é o que estamos a tratar, a tentar representar. E repárese que falamos de linguaxe, e non de lingua, para incluírmos dentro da noción de poesía todos eses momentos de emoción estética que proveñen da representación do mundo, sexa esta un crepúsculo, un travelling cinematográfico, unha música, un sorriso. Sobre todo isto sobrevoa a noción de continxencia, de acontecemento, como o núcleo de todo canto marca o seu sinal na nosa sorpresa, da nosa emoción perante o inesperado.
Poeta é, por tanto, aquel ou aquela que, desde a vontade da re-presentación descobre que a presenza do presente é irrepetible e só pode ser paliada por medio da re-presentación, do simulacro, do finximento (en termos da sublime aporía de Fernando Pessoa). O poeta non sería só un finxidor senón quen tenta imitar as condicións perceptivas e intelectivas para a irrupción do acontecemento na linguaxe.
Digamos por tanto que Claudio Pato é, sen dúbida, un poeta, e o seu poemario (ou o que sexa: un despregable, un adhesivo e unha edición facsímile dun inédito mecanografado), Draga, unha mostra desa posición de partida que vimos de enunciar e que sería definidora dos poetas verdadeiros.
Recoñecida esta condición de poeta, que non é pouco, deberíamos comezar por dar conta de que esa vontade de acontecemento de Draga sobrevén, desde o seu inicio, en tanto que obxecto cultural. Digamos que Draga parte da súa condición de mercadoría e que esta tensión entre o libro como mercadoría e como ben cultural está, por tanto, marcada de xeito indeleble desde o inicio. O plástico que envolve este conxunto de obxectos varios que xogan coas texturas do papel e as tipografías e coa imaxe fotográfica é, porén, un valor engadido desde o inicio para un texto que aínda debe ser desentrañado.
E Draga preséntase como un texto, mais tamén como un texto outro, no sentido de que o poemario composto de cinco longos poemas, “Lola”, “Planeta”, “Cisnes”, “Lousame” e “Páncreas”, vai acompañado dun outro orixinal mecanografado, de título certo (Se o bruído e a rotación do amonal na casa das abellas), que se sitúa na condición de texto subalterno, de maneira que unha lectura completa do volume (mellor que ‘libro’) non se conclúe mentres non deamos conta dos dous libros aportados.
Estamos perante unha vangarda inscrita no ronsel do surrealismo e do collage na que a primacía do significante conduce a un formalismo pleno mentres no plano dos contidos se elude calquera tentación culturalista inmediata.
Unha frescura e unha valentía, tanto para o autor como para o seu lectorado.
____________