O seu número de inverno distribuiráse mañá, mércores 25 de xaneiro, xunto cos xornais El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Bergantiños e Diario de Arousa. Tamén poderemos conseguila, a partir da semana que vén e de modo gratuíto, xunto co último número da revista TEMPOS Novos.
Aproveitamos a publicación de Ninguén, o último título de Fran Alonso, para falar da súa dobre vertente como editor e como escritor. Tamén recollen as páxinas deste ProTexta entrevista con Arturo Casas, quen recuperou o pracer da escrita no seu extinto blog Efémeras lándoas, trasladado agora ao papel en Alusión (Galaxia, 2011).
Moito que pensar
Posmodernidade e globalización, claves no debate contemporáneo, focalizan o repaso de ProTexta ás novidades ensaísticas. Seguimos o traballo do Proxecto Derriba, ferverdoiro filosófico que vén de dar á luz dúas publicacións en Estaleiro que nos achegan ao pensamento de Jacques Derrida e Fredric Jameson. Son tamén os piares académicos posmodernos os que asentan o traballo de Xosé Constenla, (re)imaxinando o universo urbano. Unha visón sobre as cidades na posmodernidade. De Baltimore a Compostela (Laiovento, 2011), que revisamos nas nosas páxinas. E botaremos un ollo ás atípicas e sorprendentes biografías que, sobre nacionalistas que cambiaron ao longo da vida o seu referente nacional, podemos atopar en Los heterodoxos de la patria, edición dos profesores Núñez Seixas e Molina Aparicio.
Reparamos tamén no compendio publicado en Galaxia polo profesor e escritor Manuel Outeiriño ao redor da globalización, no que se reúnen ensaios de autores como Fred Halliday ou Peter Marcuse. E acudimos a outros dous referentes do pensamento actual, Antonio Negri e Michael Hardt, ao redor do seu ensaio Commonwealth. El proyecto de una revolución en común, que se pregunta sobre a organización política da indignación e da rebelión. Sobre o posicionamento ideolóxico dos escritores en momento de cambio e revolución reflexionamos a raíz do ensaio Los escritores contra La Comuna, de Paul Lindski e reeditado recentemente en Los enemigos de Thiers.
Da poesía á banda deseñada
O noso repaso á narrativa detense desta vez nas novidades de Agustín Fernández Paz –Non hai noite tan longa-, de Rebeca Baceiredo −(repeat to fade)− e no thriller que Bernardo Carvalho ambienta en San Petersburgo, O Filho da Mãe. Faremos parada tamén nos poemarios de Gonzalo Hermo, Crac, e de Claudio Pato, Como estás? No apartado de tradución, prestaremos atención á novela de Orhan Pamuk que temos traducida ao galego, O libro negro, e á crónica que Bobby Sands, o guerrilleiro da IRA falecido en folga de fame, escribiu nos seus últimos días dende a prisión. No campo da escrita teatral, atenderemos á obra de Raúl Dans, Chegamos despois a unha terra gris.
Na banda deseñada en galego destacamos o álbum co que Brais Rodríguez gañou o Premio Castelao de 2010, A man do diaño, e reparamos na aposta da editorial Rinoceronte coa súa nova colección, Novela Gráfica, que inaugura coa tradución de Persépole, de Marjane Satrapi, e de Entender o cómic, de Scott Macloud.
Nos eidos da literatura infantil e xuvenil, atende o ProTexta deste trimestre a crítica de literatura infantil e xuvenil ao último de autores galegos como Pinto e Chinto, Agustín Fernández Paz e Hector Carré. Pechamos número desta vez co apartado de creación, no que convidamos a escribir a Claudio Pato, quen nos ofrece unha persoal carta ao pintor Bruegel.