Lluís Gros foi condenado a 23 anos de cárcere por abusos sexuais a menores. Mentres dilata a súa entrada en prisión, pídelle a Carles Tamayo, un cineasta que fai vídeos de investigación que publica en Youtube, que grave un documental sobre a súa vida.
Tamayo obtén un acceso sen filtros nin límites a Gros. Isto permítelle obter imaxes que un só pode crer ao velas. Á vez, o director e o seu equipo comezan unha investigación para atopar a outras vítimas deste depredador sexual, máis alá das que xa o denunciaron.
Cómo cazar a un monstruo retrata a absoluta impunidade coa que actuaron durante décadas homes ligados á docencia e á Igrexa que abusaron de nenos totalmente desprotexidos.
Neste senso, a miniserie documental de Carles Tamayo é un documento de gran interese. Pero o máis relevante en termos de crítica audiovisual non é o que, senón o como. É dicir, que recursos emprega Tamayo para perseguir coa súa cámara a Gros. E aquí hai moita tela que cortar.
Por que? Tamayo youtuberiza o formato documental. Non é que a espectacularización do cinema documental sexa nova. Tampouco o é que o documentalista se converta en protagonista (ou antagonista, neste caso) e deixe que o seu ego envolva o documento audiovisual. Todo isto xa o fixo con éxito hai 20 anos Michael Moore (Fahrenheit 9/11 como paradigma). Pero a forma de facelo é diferente e bebe directamente da composición de planos, o emprego da música e a montaxe hexemónicas entre os famosos «creadores de contido».
Así, cando Tamayo se limita a gravar a Gros a serie é terrible, asfixiante e profundamente desagradable. Unha viaxe incrible (esta é a palabra que describe a este criminal) á mente dun home completamente entolecido e ebrio de impunidade. Porén, cando Tamayo se deixa seducir polos códigos de Youtube e TikTok, a serie achégase perigosamente ao obsceno. Por exemplo, no derradeiro capítulo, nun momento de máxima tensión, sona unha música de persecución de ton humorístico. Empregar estes modos para falar dun home que abusou sexualmente dun número aínda descoñecido de nenos durante catro décadas non é ético. Nin estético.
Involuntariamente, Cómo cazar a un monstruo amósanos os límites dos formatos audiovisuais que naceron a partir das redes sociais. Carecen do tempo (de aí que Tamayo optase por facer unha miniserie) e a linguaxe audiovisual necesarios para abordar cuestións realmente graves, profundas e importantes. Pódese facer contido (esa maldita palabras) fantástico e entretido, pero non unha obra capaz de captar a realidade sen deformala e sen facer trampas.
A Carles Tamayo púidolle a pulsión de converterse nun heroe capaz de vencer a un vilán ao que o sistema non é capaz de atrapar. Unha pena, porque nesta miniserie hai secuencias profundamente desacougantes e xornalística e artisticamente valiosas.
Cómo cazar a un monstruo
Dirixida por Carles Tamayo
Escrita por Carles Tamayo e Ramón Campos