Martes 6, Xuño 2023
HomeCulturaPOR AMOR Á ARTE

POR AMOR Á ARTE

MÚSICA

Strange Mystery Flower. Sing William Blake. Autoeditado. Decembro, 2019.

 

por Carlos Rego

Xa falamos aquí de Strange Mystery Flower cando apenas nacía. Pasou o tempo e semellaba que aquela orixinal e engaiolante idea inicial non ía dar máis de si. Por sorte, aínda coas dificultades que adoitan sufrir os proxectos que se saen do habitual, hoxe temos na man un CD ben xeitoso que polo menos dará fe da súa existencia. Porque aínda que poñerse a musicar poemas de William Blake, o poeta romántico, visionario e místico incomprendido no seu tempo, non semella o máis viable comercialmente, visto o resultado sería unha auténtica mágoa non telo levado a bo porto.

Aínda máis, cando o nacemento destas cancións xurdiu dun descubrimento, dunha iluminación case tan alucinante como as visións do poeta. Conta o fenés de Limodre Rogelio Arias, Roger de Flor cando se transmuta en irónico trobador contemporáneo, que viaxando por Italia acompañado por pouco máis ca unha guitarra e unha compilación de poesías de Blake, viviu unha experiencia tan arrebatadora que o levou a imaxinar músicas a aqueles poemas cos que sentira unha conexión única, case mística, como a propia natureza da poesía. Xa de volta na casa, decidiu darlle forma coa axuda da súa irmá Amparo, que toma a voz principal en varias cancións, e un feixe de músicos próximos e cómplices. Da morea de temas que xurdiron coma unha fonte imparable só foi posible gravar dez, menos da metade. Os primeiros, tamén os que primeiro soan neste CD, e dos que xa falabamos naquela recensión primeira, son os máis luxosos, envoltos en guitarras de doce cordas, armonios, cellos e mellotrons, con arrecendos do revival folk británico dos 60 e 70, do pop máis elaborado desa era, tamén de The Kinks ou Simon & Garfunkel, referencias que por si mesmas non garanten o éxito artístico se as melodías non están a altura.

Aínda que segundo avanza o disco gana peso a austeridade no acompañamento, pode que por razóns orzamentarias, o engado melódico non cede e arrola uns poemas rendidos aos misterios e marabillas da natureza (a noite e o sol, a chegada da primavera, bosques, paxaros, plantas…), mais tamén comprensivos coa dor e o sufrimento dos menos afortunados, poemas que semellaban estar agardando que lles puxeran música, esta música.

A guinda que redondea un traballo tan feitiño ponlla o precioso grafismo enxeñado por Mario Feal, exquisito deseñador ferrolán que se apuntou ao proxecto co entusiasmo do que non espera recompensa material, un proxecto feito por amor á arte que debería chegar a todos os amantes da arte da canción e a poes