Martes 22, Setembro 2020
Home Cultura POLOS MEANDROS DO MEKONG

POLOS MEANDROS DO MEKONG

TRADUCIÓN

O amante de Marguerite Duras en tradución de Oriana Méndez para Kalandraka. Colección Factoría K, marzo de 2020. 120 páxs.

 

por Tamara Andrés

A saúde dun sistema literario pasa, entre outros, polos fluxos de tradución directa e inversa, así como pola calidade dos textos traducidos. A comezos deste ano, a aparición en galego de O amante de Marguerite Duras en tradución de Oriana Méndez para Kalandraka foi unha decisión respondida en diversos foros cun entusiasmo salientable. A literatura galega semellaba manifestar así a necesidade de continuar a engrosar o corpus de textos da literatura mundial, tanto clásicos como recentes, en tradución.

O texto de Duras publícase en lingua galega nun contexto no que a novela biográfica ou pseudobiográfica está de actualidade con fenómenos como Amélie Nothomb ou Annie Ernaux na literatura en lingua francesa ou, no espazo galego, obras como o Carrusel de Berta Dávila ou o Diario dun enterro de Gonzalo Hermo. Con todo, non é este o primeiro libro de Duras do que podemos gozar na nosa lingua, xa que en 1989 Xerais publicaba O xardín, vertido ao galego por Valentín Arias. Tres décadas máis tarde, O amante sae do prelo grazas ás bolsas de tradución da Xunta de Galicia convocadas no 2019, ao igual que Os homes explícanme cousas, de Rebecca Solnit, traducido por María Fe González Fernández para Hércules de Edicións, ou Instrumental, de James Rhodes, traducido por Eva Almazán para Rinoceronte Editora.

A pegada colonial e a secuenciación temporal non lineal son dúas características salientables de O amante. O argumento do texto é arquicoñecido, así como a base autobiográfica da que parte: na Indochina, unha rapaza branca de orixe francesa mantén unha relación cun home chinés maior ca ela. Por un lado está a familia da moza, con toda a súa miseria, e, pola outra, o desexo, o pracer, o prohibido, que se empregan como canles de fuxida: «vai a que o millonario chinés descubra o seu corpo, lavaraa na ducha, detidamente (…) e despois levaraa mollada ata a cama, acenderá o ventilador e bicaraa unha vez e outra por todas as partes e ela pedirá aínda máis e máis».

Se todo texto meta presenta a pegada de quen o traduce, a linguaxe de Oriana Méndez ofrécese aquí inconfundible. As palabras, alén da súa exactitude, parecen ter sido coidadosamente escolmadas para ofrecer beleza (cantarela, galerna, esculca, randeeira). A través de certos significantes, certas imaxes ou certas sensacións, a historia vaise trenzando en tempos e lugares precisos: Saigon, Dô, Louis XIV, o Mekong, Cholen, os arrozais de Sadec, o cheiro da seda, o xabrón de Marsella, Hélène Lagonelle, Lot-et-Garonne, o parque das adelfas, Chopin. No que atinxe á sintaxe, as estruturas galegas mantéñense moitas veces ben próximas ao orixinal («C’est pour lui que ma mère veut vivre encore» > «É por el por quen miña nai quere seguir vivindo»; «La jeune fille s’était cachée pour mieux voir» > «A rapariga escondérase para mellor ver»).

Desde aquí aplaudimos esta nova achega de Kalandraka, así como a decisión de incluír na mesma capa o nome da tradutora. Un luxo de traballo o que realiza neste volume Oriana Méndez, quen tan docemente nos guía polos meandros do Mekong.


 

 

Novidades