Martes 24, Maio 2022
HomeCulturaPOLÉMICAS DO ANO DA PERA

POLÉMICAS DO ANO DA PERA

NARRATIVA
Xavier Alcalá. Tertúlia revisitada. Autoedidión 2021

 

por César Lorenzo

Xavier Alcalá autoeditou (valéndose da plataforma de Amazon) Tertúlia revisitada, novela na esteira de Tertúlia (1985) que o autor modificou moi profundamente e que xa se publicara en liña, por capítulos, nas webs de Praza Pública e Palavra Comum. A obra é, fundamentalmente, un exercicio metaliterario que lles será unicamente interesante aos seguidores do escritor.

A novela está composta unindo tres rexistros: os correos electrónicos que Joán Costa (alter ego de Alcalá) lle envía ao seu amigo Fermín, que vive nos EUA; a novela da tertulia do Barlovento, na que están Costa e Fermín, entre outros personaxes que debaten sobre o mellor xeito de bombardear as institucións culturais galegas no 1978 e, finalmente, o texto íntegro de O abrigo do sol, novela de aventuras ambientada no Brasil, que supostamente Costa plaxia para ver de gañar un premio literario aproveitando que en Galicia “ninguén le en portugués”.

Tertúlia, no seu momento, disque foi finalista dos premios Blanco Amor e Xerais (ambos no 1984) e, segundo Alcalá, non gañou ningún deles porque unha “man negra” llos tirou dos fociños, que diría Arsenio Iglesias, cando xa el fixera a festa. Os dous gañadores deses certames, Alfredo Conde, con Xa vai o Griffon no vento e Carlos Reigosa, con Crime en Compostela, aparecen en Tertúlia revisitada como personaxes, con nomes supostos (Alberto Mourín, Horacio Pereira, respectivamente). Co mesmo procedemento, Alcalá oculta a Ramón Piñeiro, Carlos Casares, Manuel Rivas, Marino Dónega, Xesús González Gómez, Vitoria Armesto, Olegario Sotelo Blanco… Mais non a Xosé Luís Méndez Ferrín ou Eduardo Blanco Amor, por exemplo. Hoxe en día, talvez como daquela, é grande a tentación de coñecer o que pensa Alcalá de todas as figuras que critica baixo pseudónimo. Pero en calquera caso é unha curiosidade extraliteraria.

Porque no literario, agás na parte correspondente a O abrigo do sol, pouco hai que rañar. A parte epistolar é unha especie de compendio das teimas do propio Alcalá sobre temas tan diversos como a natalidade en Galicia (“ás galeguiñas ‘liberadas’ no ocaso da mocidade entrába-lles a ánsia da maternidade. Daquela viñeron dous grandes negócios: concepción asistida e adopción de nenos (…). Os meniños máis caros, de Rusia; os máis baratos, de Etiopía” (p. 315), o fútbol ou a monarquía (“Bobón Puigmoltó das Muletas e a Innobre Cornuda Grega (…) o Bobín e a Fictizia” (p. 220), todo trufado con chistes e alcumes: Frijolito, Imperfecto Conde, Ignacio Mamonet… Tamén nela aproveita o escritor para recordar a polémica dos premios do 1984, mais só en base a díxome-díxomes, sen dar o nome dos supostos membros dos xurados que lle contaron quen e como llos “quitaron dos fociños” cando xa todo o mundo o daba a el por gañador. Tampouco se dan datos sobre os motivos de que, malia o suposto éxito de Tertúlia (que antes de que o publicase Sotelo

Blanco no 1985) circulaba en fotocopias, nunca volvese editarse. Aventúrase unicamente unha explicación conspirativa auspiciada polo poder político. Mais pasaron as décadas e Alcalá tivo que autoeditarse se quixo ver aquel relato (o que queda del) en papel, malia o autor ser, por exemplo, membro do Consello de Administración da editorial Galaxia.

Ten, pola contra, certo interese O abrigo do sol e coido que a mellor idea sería publicala por solto, igual que fixera con Un claro na selva, falsa novela brasileira plaxiada que logo saíu publicada como Cárcere verde. É un relato con vocación popular que se le ben. O autor amosa axilidade e sabe beber nas referencias, na tradición da literatura e cinema de aventuras con suficiente solvencia para ofrecer unha revisita, desta volta si acertada, a un universo que mantén brillantes todos os fascinios que moven os humanos: a cobiza, a atracción polo descoñecido, o abraio diante da exuberancia da natureza…


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]