Hai sesenta e dous anos, a Real Academia Galega institucionalizou un día dedicado ás Letras Galegas coa finalidade de «recoller o latexo da actividade intelectual galega». Este ano dedícallo a unhas cantareiras en representación das mulleres galegas que desde a prehistoria cantaron neste noso territorio acompañadas de ritmos de percusión. Este acordo é de agradecer, malia non cumprir a intención inicial do Día que tiña por obxectivo difundir as Letras escritas en galego, para darlle valor á lingua e promover o seu desenvolvemento. Non pensaron daquela os académicos que cumpría valorar tamén a literatura de tradición oral que era a base da actividade literaria do país. Da literatura oral procedía boa parte das historias e dos motivos desenvolvidos polos primeiros escritores do XIX e do XX. Unha agra aberta da que Rosalía Castro, a primeira receptora do Día das Letras Galegas, aprendeu ritmos e melodías e glosou os seus textos nas cantigas do libro inaugural do Rexurdimento.
A Universidade galega, a Academia e os centros escolares ignoraron o estudo dos xéneros da oralidade. Só algunhas asociacións, creadas á marxe do mundo académico, se ocuparon da recollida e estudo dese material literario. «La Sociedad del Folklore gallego», presidida por Emilia Pardo Bazán e de vida efémera, editou un gran cancioneiro con cantigas recollidas por José Ballesteros, simples textos carentes de información musical. Algo máis alá pretendían chegar os membros da Sección de Etnografía do Seminario de Estudos Galegos, creado en 1923 por un grupo de universitarios composteláns, un proxecto eliminado polo golpe de Estado de 1936.
Cómpre salientar o traballo da musicóloga suíza Dorothe Schubarth, alumna de Béla Bartók, que fixo un enorme e meritorio traballo de gravación de cantos orais e contos populares.
Na Ditadura apenas houbo actividade neste ámbito de atención ó folclore, mentres a poboación rural ía abandonando a compaña das cancións nos traballos, nas festas e noutro tipo de xuntanzas a causa da emigración e dos cambios sociais. E xa na segunda metade do século XX, a literatura tradicional foise substituíndo polas cancións radiofónicas en lingua castelá e no omnipresente inglés.
Pouca xente viva pode xa dar conta do que foi a riqueza folclórica nas aldeas de Galicia. Temos moitos textos de coplas tradicionais recollidos por ilustrados desde o século XVIII, pero hai que esperar a finais do XIX para que Casto Sampedro escolmase ademais algunhas melodías. Xa no XX, os grupos Aturuxo e Raigames, Mero Iglesias e Mini Rivas ampliaron o rexistro das nosas cancións. E cómpre salientar o traballo da musicóloga suíza Dorothe Schubarth, alumna de Béla Bartók, que fixo un enorme e meritorio traballo de gravación de cantos orais e contos populares, deixándonos coa colaboración do filólogo Santamarina un enorme patrimonio de música popular. Xente admirable que animou a mozos e mozas das xeracións seguintes a continuar o seu labor e interpretar cantigas tradicionais con novos instrumentos.
En cada traballo rítmico prodúcese un son diferente, determinado pola ferramenta ou aparello que se utilice, creando así distintas cadencias cando os sons se diferencian en intensidade, altura ou duración.
A orixe dos cantos orais está no ritmo do traballo regulado segundo unha proporción fixa que pode conformarse ritmicamente. En cada traballo rítmico prodúcese un son diferente, determinado pola ferramenta ou aparello que se utilice, creando así distintas cadencias cando os sons se diferencian en intensidade, altura ou duración.
Escóitanse ben eses sons cando un aparello choca coa materia que se está traballando con golpes sucesivos e pausas semellantes, igualando o tempo de cada golpe e o silencio que o acompaña, como facían os ferreiros, os latoeiros e os zapateiros ó petar na bigornia co martelo contra o ferro, nunha lata ou nun zapato. Asemade, os carpinteiros producían outros sons cando cepillaban e serraban a madeira cos mesmos intervalos rítmicos. Podemos aumentar os exemplos de traballos feitos por homes ou dos que compartían con mulleres, como cavar a terra, ripar ou bater no liño, mallar no trigo, sementar e segar a herba coa gadaña.
Nun vídeo que circula pola rede co nome de “A aña”, podemos ver un costume tradicional de terras de Mondariz protagonizado por mulleres, onde elas mesmas explican como facían ó rematar de cavar unha leira polas beiras. Collían a aixada polo envés e batían nela cun seixo producindo diferentes sons; unha ou unhas mulleres dun lado e outras doutro botando coplas entre elas. É un documento importante dunha das primitivas interpretacións de cantigas in situ.
Ademais de axudar ós homes nos traballos agrícolas, as mulleres tiñan asignados os domésticos, nos que tamén se producen ritmos marcando o compás da operación. Por exemplo, no ir e vir do cepillo ó fregar o chan, nos movementos da lanzadeira no tear, ó bater o leite para facer manteiga, etc. orixinando sons de distinta intensidade e diferente duración.
Con todo, se a persoa traballa soa, o ritmo pode perderse por non someterse a un movemento constante. O ritmo funciona ben cando se fai un traballo colectivo, porque o ritmo axuda a regular os movementos do conxunto de persoas que participan no traballo, xa que teñen que facer as mesmas pausas. Por outra parte, o ritmo do son alivia e estimula o traballo no grupo e ninguén quere perdelo. O elemento musical exerce un efecto excitante, regula os movementos e conséguese un compás más rápido.
Por suposto, isto non é exclusivo das vellas comunidades do mundo rural de Galicia, fíxose o mesmo en todo o mundo. Os cantos de traballo, especialmente de mulleres, están estudados con interese por etnógrafos e filólogas desde fins do século XIX.
Co ritmo e a melodía homes e mulleres crearon diferentes discursos (textos), amorosos, burlescos, informativos, referidos ó traballo… Pódense atopar unha multitude de temas nas coplas dos cancioneiros e nas que nós puidemos recoller nos derradeiros anos do século pasado.
Valeiquí algunhas mostras de coplas creadas nos ritmos do traballo:
Mozas que van á seitura,
mozas que á seitura van,
mozas que van á seitura
lévana e non a tran.
Ó cabo leira ó cabo
ó cabo leira do trigo
o noso amo é honrado
hanos de dar un cuartillo.
Anque veño da seitura,
anque veño da segada,
nque veño da seitura
aínda non veño cansada.
Fía, fía, fía na roca,
fía, fía e fai mazaroca.
Fía na fía que fía,
fiadora, miña roca.
Estamos no tempo
do tequele, tequele
Estamos no tempo
do liño mazar.
Nin o vento nin o frío,
nin a calor e a xiada,
mete medo ó labrador
no traballo da arada.
A cultura galega seguirá viva mentres existan poetas que, aproveitando o patrimonio tradicional, manteñan renovada a nosa lingua e a nosa música. Lembremos o exemplo da primeira estrofa do poema “A chamada da terra” que Álvarez Pousa publicou en 1972, e que en 1978 foi recollida por Mini Rivas para «Fuxan os ventos» co mesmo ritmo das coplas orais:
Sementar sementarei
loguiño de clarear
en canto no pobo creza
un meniño, un vello e un cantar.
É de moita importancia valorar e revitalizar os nosos cantos milenarios para continuar a tradición musical galega adaptándoa ó mundo de hoxe, como fixeron Milladoiro, Folk Cantigas, Fuxan os ventos e seguen a facer A roda, Luar na lubre, Treixadura, Xacarandaina e tantos outros grupos e intérpretes.
Por iso temos que agradecer a Anabel Boullón e a Antón Santamarina a proposta de dedicar As Letras do ano 2025 ás cantareiras, que é unha oportunidade para reivindicar a poesía oral das nosas antepasadas analfabetas, que moito sabían da vida humana e do cosmos. Beizóns!





