Pinocho: o circo de carpa en galego

Aínda necesitamos o circo, o de verdade e non ese que adquiriu connotacións pexorativas na roda mediática ou na política. O verdadeiro circo de sempre que, canto máis nos sorprende e fascina, máis nos gusta. Para iso as artes circenses tamén tiveron que evolucionar e deixar atrás, por exemplo, o “especismo” e o maltrato animal, na figura dos domadores. Refírome ao circo de carpa ambulante, ao de pista circular, cos seus números circenses actualizados.  

A emancipación ética do circo veu da man do teatro, da teatralización do espectáculo, da vontade por contarnos algo con todas esas destrezas que requiren unha alta especialización dos artistas: malabares, prestidixitación, acrobacia, maxia, clown, roda Cyr etc. A alta especialización fixo que, nun lugar como Galiza, berce da segunda escola máis antiga de circo de Europa na Ciudad de los Muchachos en Bemposta (Ourense), ficase, pola contra, sen iniciativas a este respecto. De tal modo que os circos de carpa ambulantes que pasan por aquí veñen con espectáculos maioritariamente de artistas de fóra e en castelán. Non era sen tempo, porén, que un mozo de Redondela, apaixonado polo circo de toda a vida, Xandre Vázquez, se convertese en empresario e botase a andar esta aventura do CIRCO DE PINOCHO, que, se non me equivoco, é o primeiro circo de carpa en galego. Para iso aproveitou a xenial colleita de artistas circenses galegos, moitos deles formados fóra e outros aquí, en Pista Catro Produtora de Soños e até na ESAD de Galiza, onde hai a especialidade de Interpretación en teatro físico ou xestual, moi próxima das disciplinas do circo. 

O Circo de Pinocho toma como coartada o famoso conto e as súas personaxes para facer a delicia do público de todas as idades. Números musicais para presentar e pechar o show, nun estilo preciosista, pola grande calidade estética das caracterizacións (os traxes, a maquillaxe, os accesorios) e da actuación, e unha rica colaxe de exhibición de destrezas circenses que entran, de xeito moi ben fiado, dentro da trama do conto. Por exemplo, o carpinteiro Gepetto é o pallaso, e Pinocho, seu fillo, tamén, no transo de que a creación tome vida. A fada chámase Mimadriña, expresando o abraio que, por lóxica extraordinaria, suscitan as fadas, máis aínda tratándose dunha trapecista acróbata, que se xoga o tipo facendo piruetas pendurada no ar. O amigo de Pinocho e condutor do show é Pepiño o Grilo, alegoría da conciencia que acompaña ao boneco de madeira na súa aventura. O mesmo actor encarnará ao malo do conto, ao Cinche Chinchón, que vén roubar aos mellores artistas para levalos no seu helicóptero ao seu circo. Pero diso vainos librar Pinocho e a súa Mimadriña, a fada.  

Nesa tropa fantástica temos ao Mago Noel da Roda Cyr e os seus malabarismos sobre a corda frouxa, os trucos de escapismo, ou as acrobacias na corda aérea dos Prodixiosos Fiti e Bea. Elegancia e preciosismo estético nun espectáculo no que algúns artistas se xogan o tipo, para que a maxia exista e nos (con)mova. 

Circo de Pinocho 
Dirección e dramaturxia: Paulo Medal 
Elenco: Uxía Algarra (Pinocho), Roberto C. Mouriño (Pepiño Grilo e Chinhe Chinchón), Jano Costas (Gepetto), Gema Escobar (Fada Mimadriña), Noel Fandiño (Mago/Malabarista), Pedro Torres (Equilibrista e Roda Cyr), Álvaro Fitinho e Beatriz Rubio (Adagio e corda vertical) 
Axudante de dirección: Ali Otero; Vestiario: Alicia Root e M.N.; Escenografía: Pablo Pastor; Iluminación: Manel Millán; Produción executiva: Xandre Vázquez 
Produción: Educateatro.