Desexos 

But Daddy I love him! Así é como podería chamarse Pillion se fose unha canción de Taylor Swift. Mais so fai falta ver un anaco desta película para saber que o seu universo de desexos e relacións de dominación está lonxe do imaxinario da maior estrela pop da última década.  

Na súa ópera prima, o cineasta británico Harry Lighton decidiu contarnos a historia dun rapaz que se deixa dominar (ou se entrega con gusto?) por un home frío, enigmático e absolutamente críptico que non desexa (o verbo clave) tecer lazos sentimentais con ninguén, senón tan so ter unha especie de escravo disposto a dicir a todo que si e non esixir nada a cambio. 

O que podería ser un drama psicolóxico asfixiante, convértese, en realidade, nunha comedia negra seguindo a estela debuxada durante décadas por un audiovisual británico que, ao igual que o propio país, non pasa pola súa mellor época. 

Por que é interesante Pillion? Confróntanos cunha realidade á que a maioría de persoas somos alleos: relacións de dominación baseadas no consentimento das partes involucradas. Pero… é posible dar un consentimento non viciado cando se renuncia a poder tomar decisións? As fantasías eróticas libérannos ou aprésannos? É posible namorarse dunha persoa que aborrece sentir? Quen está máis dominado? O que se deixa gobernar por outro ou a persoa que se nega a experimentar a paixón e o amor en toda a súa perigosa e emocionante grandeza? 

Nun momento no que moitas persoas lle esixen ás obras culturais (audiovisual, literatura, música, pintura, arte performático…) que teñan un discurso cristalino e que deixen claro cal é o seu propósito e que ideas ou sentimentos queren transmitir, Pillion opta por facer todo o contrario. 

Se alguén espera que esta película reafirme as súas crenzas sobre as relacións entre dominantes e submisos, vai levar unha decepción. Lighton non pecha ningunha porta nin a través dos diálogos, nin mediante a confección das imaxes. Non sei se os protagonistas de Pillion son libres, pero dende logo a película si o é o que fai que poda resultar insatisfactoria por non cumprir as nosas expectativas. 

Pois non estamos ante unha historia de empoderamento, ou non nun sentido tradicional e evidente, senón ante unha obra que busca facernos pensar sobre como desexamos, a quen desexamos e, sobre todo, por que desexamos. É dicir, indagar en que hai detrás das nosas necesidades afectivas e pulsións sexuais.  

E consigue facelo grazas a que non mira nunca aos seus personaxes con condescendencia, nin emite ningún xuízo de valor. Ao contrario, opta por unha posta en escena aséptica (salvo na cuestionable secuencia de sexo comunal), uns decorados grises e un retrato dos seus protagonistas como persoas intranscendentes. 

Pillion non é escandalosa, nin fai gala dun erotismo pornoficado, nin busca incomodarnos a través das imaxes. É un convite a explorar os límites do amor, a paixón e a vontade. 

Pillion 
Dirixida por Harry Lighton 
Escrita por Harry Lighton e Adam Mars-Jones 
Reparto: Harry Melling, Alexander Skarsgard, Lesley Sharp 
U.K., 2025