Luns 26, Xullo 2021
HomeCulturaPEPE PAZ: MEMORIA DUN PEDAGOGO ACTIVISTA

PEPE PAZ: MEMORIA DUN PEDAGOGO ACTIVISTA

PEPE PAZ, profesor e alma máter do Cine club Padre Feijóo

Aquel Ourense de cine e resistencia

Texto Luís Álvarez Pousa

Ourense, anos 70 do pasado século. En medio dun escenario social e político no que o réxime franquista daba, en versión provinciana, os seus últimos coletazos, emerxeran iniciativas e proxectos de moi variada contextura sociocultural, nunha sorprendente converxencia de grupos e persoas que facían da blancoamoriana Auria unha ágora de creatividade e contestación. Emerxe así un itinerario de vangardismo cívico/cultural, multidisciplinar e interxeracional, galeguista e rebelde, que xustificou proxectala daquela no resto do país como a Atenas de Galicia. O cine foi un dos fermentos. E vai ser o cine-club Padre Feijóo quen se encargue de facilitar con proxecións e debates a compenetración intelectual e cultural co cine que se facía no mundo. Vén de celebrar o seu 50 aniversario.

E ninguén como Pepe Paz, verdadeiro alma mater do que entre 1972 e 1995 deron de sí os programas semanais, ciclos, seminarios, cursos e xornadas das que se beneficiaron milleiros de ourensáns -na capital e tamén nas vilas da provincia- para testemuñalo. Pouco despois de rematar en Madrid os estudos de Pedagoxía, consigue praza de profesor nese centro, e intégrase como secretario no equipo directivo do cine club que presidía Emilio Losada Vila. Unha confidencia: en ambos os dous atopei en 1973 a complicidade -a cobertura político/administrativa, a colaboración persoal e a infraestrutura técnica- sen a que as xa históricas Xornadas do Cine, seis edicións, co cine galego e a TV galega no retrovisor, nunca se terían celebrado.

Un milagre andante de moitos anos

Na conversa dá de entrada os nomes dos que el chama con razón pioneiros do cineclubismo na cidade: o profesor de Filosofía e propietario da libraría Tanco, Carlos Vázquez, que fundou nos 60 o chamado Cine club Orense, axiña renombrado como Cine club Miño, con José Román, o xornalista Arturo Lezcano, o corrector en prensa Elixio Lamelas e Oliver entre outros, e a cantos como os profesores Losada Vila, Gumersindo Marcos e o estudante David Cortón lle deran vida ao Padre Feijóo. “A eles debémoslles os ourensáns que poideramos durante décadas disfrutar posibelmente do mellor cine que se pudo ollar en Galicia, o dos grandes directores da cinematografia mundial eo dos países que naquela altura promovían a séptima arte de forma exemplar: Italia, Francia, Suecia, Xapón e mesmo moitos dos países chamados “do Este”.

Do pedagóxico, facendo do cine un axente provocador de ideas e vivencias a través das cales achegarse a un mundo en transformación, ao político/cultural, ou o instrumento para desvelar o que escondía a carcasa dun réxime autoritario como o de Franco. “É necesario enmarcar o nacemento do cine club na época dos últimos anos do franquismo, un momento no que a maioría dos cidadáns do país estaban fartos da ditadura, e por isto existía un gran ambiente de unidade entre cuase todos, con verdadeiro respecto polas ideas políticas e partidarias de cada quen, agás naturalmente as dos que seguían apoiando o réxime franquista. Existía unha maior unidade e solidariedade entre todos que a que existe na actualidade no noso país. O cine club non só axudaba a desenvolver as ideas políticas positivas, a reflexión sobre os diferentes problemas sociais, tamén servía de estupendo recurso educativo para os que ían ser mestres no futuro, un dos ofícios máis importantes na sociedade”.

E das aulas, á cidade. Abríndose ao alborear dunha década certamente prodixiosa no cultural, pois que a cerrazón da oficialidade deixaba poucos ocos polos que respirar. Coa censura e as autorizacións previas ameazando calquera iniciativa cívica ou cultural. Todo un atrevemento. “Despois dos anos iniciais de funcionamento e depender só da Normal, para que os amantes do cinema de calidade da cidade poidesen asistir ás sesións, o cine clube modificou os seus estatutos e entrou na directiva Segismundo Bobillo, que era directivo do Liceo Recreo, pasando a presidilo pouco tempo despois, seguindo eu de secretario. Estabamos recibindo peticións para abrilo a públicos adultos. E así o fixemos”.

“Son moitos os ourensáns que, sendo xoves na altura, lembran hoxe de adultos con cariño e morriña as actividades cineclubistas que tanto fomentaran o debate e a reflexión, e os filmes que poideron ollar nas sesións do Mary, nas “Xornadas” e “Mostras” e nos diferentes ciclos dedicados ao cinema de diversas nacionalidades e a grandes directores da filmografia mundial.”

O cine club promoveu o achegamento e o diálogo entre as elites e a xente do común. O grao de receptividade foi sorprendente. Existía unha enorme avidez en absorver o que chegaba a contagotas en ideas e soportes innovadores de comunicación cultural. O cine club servía de mediador achegando títulos de películas que nunca pasarían polas salas comerciais. “O Padre Feijóo cumpriu durante moitos anos un labor impagábel de difusión da cultura por medio das imaxes entre os ourensáns que enchían a sala do cine Mary nas súas sesións semanais, e as do colexio dos Salesianos e do cine Xesteira, e un ano a edición da Mostra Cinematográfica de Arte e Ensaio nos Maristas e outro no cine Avenida. O mesmo que durante as edicións anuais das “Xornadas do Cine”, celebradas en diferentes salas da cidade. Na súa primeira tempada foron proxectados quince filmes, entre os que merecen ser destacados os españois “La Caza” de Carlos Saura, “Novio a la vista” de Berlanga e “Los inocentes” de Bardem, os mexicanos “Flor Silvestre” e “María Candelaria” de Emilio Fernández, “Ladrón de bicicletas” de Vitorio de Sica, “Os comulgantes” de Ingmar Bergman e “Mamma Roma” de Pier P. Pasolini. Por certo, cando as monxas Carmelitas comprobaron que este último filme fora calificado con un 4 pola censura franquista, por considerala “gravemente pecaminosa”, o cine clube foi expulsado para sempre daquel colexio relixioso”.

Esa riada de xente non só ateigaba as salas de proxección. Participaba activamente nos coloquios e debates posteriores, que tiñan continuidade entre os máis apaixoados no Café Bar Miño, na rúa do Paseo, o emblemático local de Julio Losada no que tanto se conspirou e no que tanto se compartiu. Diálogos entrecruzados desde a vintena de mesas ocupadas por cinéfilos de moi diversa extracción social e ideolóxica, sorprendidos as máis das veces vendo como lles entraban ao trapo recoñecidos escritores e artistas que tamén amaban e disfrutaban o bo cine. Entre eles, Eduardo Blanco-Amor, Carlos Casares, López Cid, Virxilio, Buciños, Xaime Quesada, Acisclo Manzano, Vidal Souto, o compositor e director da Coral de Ruada, Manolo de Dios, o cineasta Eloy Lozano, os actores e actrices dos grupos de teatro Valle Inclán e Histrión 70, e tamén os máis xoves activistas que removían os marcos do politicamente correcto baixo a protectora sombra das asociacións Auriense, Breogán e Rumbo, que nesa década conformaban, canda os vellos galeguistas de Nós, un batallón de elite realmente excepcional.

Todo un fenómeno sociolóxico, sen dúbida. “Son moitos os ourensáns que, sendo xoves na altura, lembran hoxe de adultos con cariño e morriña as actividades cineclubistas que tanto fomentaran o debate e a reflexión, e os filmes que poideron ollar nas sesións do Mary, nas “Xornadas” e “Mostras” e nos diferentes ciclos dedicados ao cinema de diversas nacionalidades e a grandes directores da filmografia mundial: Renoir, Visconti, Fellini, Bergman, Pasolini, Buñuel, Jancsó, Wajda, Widerberg, Tanner, Lang, MacLaren, Kurosawa, Loach, Einsenstein, Solás, Alea, Littin, Guzmán ou Sanjinés, entre outros. O cine club foi sen dúbida unha escola especial para moitos ourensáns, desenvolvendo o que se coñece como “educación non formal”, máis importante do que moitos pensan, e que tanto defendeu sempre o grande pedagogo Cossío”.

“A edición das Xornadas de 1978, que pasaran a denominarse “das Nacionalidades e Rexións”, deixou no cine club un grande déficit. Tanto, que durante todo ese ano tivemos que proxectar a maioría dos filmes en 16 mm. cedidos polo Instituto Alemán e pola cinemateca da embaixada francesa, celebrando as sesións no Liceo Recreo e na sala da Delegación de Cultura”.

Ten Pepe Paz memoria agradecida. Polas facilidades, mesmo económicas, que dera o director da Escola Normal, Manuel Bermúdez; outro tanto sucedeu co concellal e presidente da comisión de festas do Corpus, Manolo Rego Nieto, que delegara no cine club a organización das Mostras de Arte e Ensaio, proxectando ano a ano no mes de xuño as películas que só se podían ver nas salas especiais de Madrid e Barcelona; ou o empresario do Cine Mary, Guillermo Fernández, que prestaba gratuitamente a sala para as sesións que programaban. Para outros que militaban no oficialismo e/ou no activismo franquista ten palabras ben distintas: “Entre os inimigos do Padre Feijóo hai que incluir especialmente a David Ferrer, presidente da Deputación, e Carlos Trapote, concelleiro ourensán. A Cándida Bosch, de ideias ultradireitistas de Fuerza Nueva, que encabezou en 1985 a manifestación diante da Casa da Cultura para impedir que se proxectara o filme de Godard “Eu te saudo María”, véndonos obrigados a substituilo por “La ciudad y los perros” de Francisco Lombardi. E ao gobernador civil Llobel Muedra, que na edición das Xornadas do Cine de 1975 deu orde de secuestrar o filme “A Tola”, do galego Miguel Gato, curtametraxe que non se recuperou máis, aínda que se intentou, porque se trataba do copión e non existían copias, perdéndose para sempre”.

Así foi. Tendo que pasar os organizadores por Comisaría. En cambio, rescata para a memoria agradecida o nome do delegado provincial de Cultura, o avogado ourensán Amando Prada Castrillo que, a diferenza doutros cargos políticos, apostou polo cine club: “A edición das “Xornadas” de 1978, que pasaran a denominarse “das Nacionalidades e Rexións”, deixou no cine club un grande déficit. Tanto, que durante todo ese ano tivemos que proxectar a maioría dos filmes en 16 mm. cedidos gratuitamente polo Instituto Alemán e pola cinemateca da embaixada francesa, celebrando as sesións no Liceo Recreo e na sala da Delegación Provincial de Cultura. Para salvalo da súa desaparición, foi proverbial a axuda de Amando, conseguindo que o ministro Pío Cabanillas ordenase a concesión dunha subvención coa que o cine club saldou todas as débedas. E, ademais, cedeu para as sesións a sala da Casa da Cultura da rúa do Concello, onde se instalaron na cabina dous proxectores de 35 mm. Mesmo se puido mercar un proxector de 16 mm. marca Eiki, podendo realizar proxeccións neste formato e tamén ciclos de cine nas asociacións dos barrios ourensáns e nos meses do verao cinema ao ar libre. Esta sala, situada no edifício onde estivo bastantes anos a biblioteca pública, é ainda a día de hoxe onde o cine clube segue a proxectar”.

O compromiso e o risco das Xornadas do Cine

Vese que o que colocou ao Cine club Padre Feijóo baixo a lupa das sospeitas do réxime foi a iniciativa de poñer en marcha as Xornadas do Cine no ano 1973. Non se lles escapou a súa interiorizada dimensión política. Reivindicáronse desde a primeira edición como un foro de encontros e debates arredor dos chamados “cines nacionais”. E delas saíron manifestos e documentos asinados por activistas culturais, cineastas e críticos procedentes de todo o Estado. No noso caso, co cine galego e o novo medio de comunicación de masas, a TV, como obxectivos sobre os que envorcar unha toma de conciencia a respecto da súa necesidade. Que os directivos do cine club asumiran aquel evento e lle deran razón xurídica diante das autoridades da época foi moi arriscado. Antes e despois do 75. Pepe Paz fíxose insustituible na organización, pola súa excepcional capacidade de xestión e sobre todo, pola paixón que puña nese traballo de equipo. “Sobre as “Xornadas do Cine”, que no 2023 van cumprir o seu cincuentenario, temos que voltar, porque merecen un capítulo especial. A partir da súa primeira edición, cunha pantalla en branco no cartaz deseñado polo pintor Vidal Souto e un prólogo do profesor López Cid no que aportou aquela célebre frase “o cine galego é a conciencia da súa nada, xa é algo”, todos ficamos convencidos de tan importante iniciativa. Nese foro de debate prendeu a idea. Nas Xornadas fomos programando todo o que naqueles anos 70 se facía en super-8, 16 e 35 mm., contando sempre cos realizadores e cos técnicos das películas, que habían pasar antes pola censura, encadrados agás no caso de Eloy Lozano nos grupos Lupa, Imaxe e Enroba. E cos anos foron aparecendo equipos, directores e filmes…,podendo falar agora de que aquela toma de conciencia se ten traducido na existencia dun cine galego”.

“Á conferencia/colóquio que pronunciou Carlos Velo no Liceo Recreo trouxera daquela un videodisco coa película “O golpe”, e sorprendeunos a todos falando de como as novas tecnoloxías estaban cambiando as cousas no mundo da imaxe e do cine. Insistindo na necesidade que tiña Galicia de expresarse coas imaxes fílmicas, polo que había que reivindicar un cine galego e unha TV galega”.

Carlos Velo, o científico e cineasta de Cartelle, recoñecido internacionalmente como mestre do documentalismo e exiliado en México, recibe a primeira homenaxe de Galicia na edición de 1977. Aparte do que esa homenaxe simbolizou como acto de xustiza e reivindicación da memoria histórica, as Xornadas remarcaban así a súa decidida aposta polo audiovisual galego. “Á conferencia/colóquio que pronunciou no Liceo Recreo trouxera daquela un disco no que estaba impresa a película “O golpe”, e sorprendeunos a todos falando de como as novas tecnoloxías estaban cambiando as cousas no mundo da imaxe e do cine. Insistindo na necesidade que tiña Galicia de expresarse coas imaxes fílmicas, sendo por iso fundamental apoiar a existencia dun cine galego e dunha TV galega. Dicíao quen, ademais e crear e dirixir en México escolas de documentalistas, e de realizar importantes filmes e documentais, era quen xa nos anos 30 se encargara de levar o cine por diversos lugares de España como unha atividade máis das famosas Misións Pedagóxicas republicanas”.

Da man do cine club e das Xornadas do Cine pasaron por aquel Ourense dos 70 historiadores (Román Gubern, Joaquím Romaguera, Miquel Porter Moix, Julio Pérez Perucha, José Manuel Requena, Ángel Pérez Gómez, Manolo González…), cineastas e críticos de prestixio (os das revistas especializadas da época: Triunfo, Reseña, Dirigido Por…) Sería alongar demasiado esta entrevista poñéndolles nome a todos. Pepe Paz tenos tamén na súa privilexiada memoria (e na súa completíssima biblioteca/videoteca persoal). Como ten a cantos desde que el deixou a secretaría do cine club en 1995 seguiron dándolle vida, calor e contidos de calidade. Por caso, os que hoxe conforman a directiva que está celebrando o cincuentenario, con Manuel Precedo de presidente e Manel Rodríguez de vicepresidente.


 

[td_block_7 f_header_font_transform=”uppercase” ajax_pagination=”next_prev” sort=”” category_id=”” custom_title=”Novidades”]