En Galicia, unha serie de profesionais pioneiros capitanearon nos anos setenta e oitenta o labor no deseño comezado por Castelao, Camilo Díaz Baliño, Luis Seoane ou Isaac Díaz Pardo, para proxectar unha nova imaxe de Galicia acorde co momento de euforia institucional. Entre eles, destacouse Pepe Barro, que celebrou os seus cincuenta anos de profesión cunha exposición na Fundación DIDAC, onde amosou un total de 66 cadernos de traballo da súa traxectoria. Unha sorte de cartografía de Galicia que para o deseñador «son os lugares onde abrollan as ideas», acompañada por unha serie de proxeccións e de deseños nas paredes, que permitiron trazar un percorrido polos traballos do deseñador. Traballos que antes foron unhas liñas nun caderno.
Pepe Barro ten un traballo gráfico de grande interese xa nos anos setenta, pero será na construción de identidades onde fará un traballo excepcional, en moitos casos dentro do Grupo Revisión — composto canda el por Xosé Díaz, Lia Santana e Xosé Salgado.
Pepe Barro coñecía parte desa herdanza dos mestres, que aos poucos irá redescubrindo para consolidarse no investigador e divulgador principal do deseño en Galicia, unha historia moi descoñecida. Nos setenta, o mesmo sucedía coas tendencias internacionais de deseño, que non estaban ao alcance de moitos, pero en calquera caso era máis fácil coñecelas que saber que traballo previo se realizara en Galicia, unha información que permanecía oculta detrás do opaco muro de tantos anos de ditadura. Pepe Barro foi dos poucos profesionais que do deseño que herdan asumen o compromiso de creación dunha identidade propia que existía xa nos anos vinte e trinta do século xx e que se traslada alén do océano, ao exilio latinoamericano, ata a posta en acción do Laboratorio de Formas de Galicia. Curiosamente, esta conexión identitaria darase máis no deseño que na arte, se deixamos aparte casos individuais como Luis Seoane ou Reimundo Patiño.
Entre os pioneiros do Grupo Revisión
Pepe Barro ten un traballo gráfico de grande interese xa nos anos setenta, pero será na construción de identidades onde fará un traballo excepcional, en moitos casos dentro do Grupo Revisión —composto canda el por Xosé Díaz, Lia Santana e Xosé Salgado—. Nos oitenta ser deseñador gráfico implicaba entender e ocuparse de todas as partes do proceso de deseño, que conlevaba un desenvolvemento artesanal previo á impresión e na imprenta mesma. Máis tarde chegarían os computadores, circunstancia á que se tiveron que adaptar. É o deseño como oficio, que hoxe se estuda nas universidades, pero que ten un lado práctico que unicamente pode aprenderse no exercicio da profesión.
En Galicia, estes pioneiros destacaron ademais por ser conscientes do lugar e da súa historia, para conseguir converterse nun elo da cadea que constrúe iso que podemos chamar deseño galego. En certo xeito, poderiamos cualificalos de especialistas, pero máis que especialistas en deseño, érano en absorber a información do seu contexto e conseguir destilar as respectivas necesidades dos seus clientes —na súa maioría galegos— cunha sensibilidade propia e herdada dos logros do pasado. Profesionais que viviron varias transicións técnicas, así como as políticas, sociais e económicas comúns a calquera.
O Grupo Revisión foi, sen dúbida, o estudio de deseño gráfico máis paradigmático dos anos oitenta e noventa en Galicia e estudará desde o deseño a cultura galega e o seu imaxinario. Aínda que tamén ten logros fóra de Galicia como o Cuponazo da Once (1987), destacarán por crear identidades corporativas e logotipos como os de Edicions Xerais de Galicia (1989), Turgalicia (1993), Museo de Belas Artes da Coruña (1994), Asociación de Antiguos Alumnos y Alumnas de la USC (1997) ou Pazo de Vilane (1997), nas que parten sempre da tradición para traballala como concepto e devolvela en forma de signo ao popular, ás xentes, para o seu consumo. As premisas de estudar a cultura galega nos seus rexistros máis cultos, pero tamén nos máis populares é herdanza, sen dúbida, das propostas do Laboratorio de Formas de Galicia.
Cunha traxectoria de cincuenta anos de profesión, resumida na exposición A cociña de Barro na Fundación DIDAC, iniciouse no deseño coa realización do cartel gravado en linóleo Homenaxe a Castelao para a Asociación Cultural O Galo en 1973.
Neste sentido, un dos traballos máis destacados do Grupo Revisión foi a identidade da recentemente creada Universidade da Coruña, para a que deseñaron en 1990 un símbolo con referencias á luz do faro da Torre de Hércules, pero tamén á luz do saber que proporciona o estudo e a investigación universitaria, coa frase latina «hac luce» para transmitir unha tradición que non existía. Outros casos interesantes son o deseño do manual de identidade corporativa de La Voz de Galicia (1991), o redeseño do símbolo e a identidade visual da Real Academia Galega (2010), o deseño da marca de turismo de Camariñas (2008) ou a camiseta da selección galega de fútbol, azul e cunha liña diagonal en homenaxe á bandeira galega (2005).
Se algo compartían no equipo de Grupo Revisión era a comprensión de que detrás de cada deseño non podía faltar a súa dimensión social e cultural. E dentro dela hai que entender esa idea de recuperar as formas propias, como cando en 1993 deciden retomar a serea de Castelao —que protagoniza a portada do seu libro Sempre en Galiza— para configurar o logotipo do Consello da Cultura Galega, un deseño que aparece por primeira vez en 1937 na revista Nova Galiza editada en Barcelona, e que herda á súa vez o motivo da tradición heráldica dos pazos de Rianxo, terra natal de Castelao.
A pegada individual de Pepe Barro
Máis aló do seu labor dentro do Grupo Revisión, o antes e despois de Pepe Barro no deseño galego resulta fundamental, como tamén o é o seu labor de cronista e investigador das formas e a historia do deseño en Galicia, das que é, sen dúbida, o seu principal e máis apaixonado divulgador. Cunha traxectoria de cincuenta anos de profesión, resumida na exposición A cociña de Barro na Fundación DIDAC, iniciouse no deseño coa realización do cartel gravado en linóleo Homenaxe a Castelao para a Asociación Cultural O Galo en 1973, agrupación que contaba cun galo como símbolo realizado por quen será o seu primeiro mentor, o artista e deseñador Ventura Cores. Ese mesmo ano realiza o citado Carta do pai, unha sorte de cómic con texto de Darío Xohán Cabana.
Pepe Barro mantiña contacto con Reimundo Patiño e Xaquín Marín, e ese mesmo ano realiza o cartel para a exposición Cómic galego no Círculo Mercantil. Nesa mesma década deseña a cabeceira de A Nosa Terra (1977), así como carteis reivindicativos para o Día da Patria Galega (1978) ou contra o perigo de instalar unha central nuclear no Concello de Xove (1978). Xa nos oitenta, realiza o cartel de Percival (1983), para o Teatro Antroido de Roberto Vidal Bolaño e traballos como o logotipo da Aula de música da Universidade de Santiago de Compostela (1982) e o posmoderno cartel para Identidades: 24 horas de música, teatro e imaxe en Vigo, encargado pola Dirección Xeral de Cultura da Xunta (1984). Tamén deseñou esta mesma revista, Tempos Novos, na súa primeira época (1997).
Despois do seu paso polo Grupo Revisión, xa baixo o nome comercial de Barro Deseño, realizará o proxecto museolóxico e museográfico da Casa Rosalía (2017) e do Museo Ramón Cabanillas (2021), o deseño da exposición Con-fío en Galicia (2016), a cabeceira de Nós diario (2019), a imaxe da exposición Galicia Cen (2017), o novo logotipo de Culturgal (2017) ou toda unha gama de produtos para Adega Terra de Asorei (2018-2022). E sempre seguindo esa máxima que Luis Seoane di a Isaac Díaz Pardo no exilio arxentino: “nós temos que axudar a enriquecer ao mundo coa nosa diferenza”.