Martes 25, Xaneiro 2022
HomeCulturaPAROUSSIA

PAROUSSIA

POESÍA
Lixeiro. Ismael Ramos. Edicións Xerais, 2021. 60 páxinas

 

por Manuel Forcadela

Un presente continuado como forma de re-presentación. Unha enunciación que escasamente menciona o pasado e concibe o poema como paroussía, esa certeza de que o presente se presenta e o lugar ten lugar. O verso concibido como unha frase pequena que non se alonga en versículo senón en prosa, en prosa lixeira. E unha poesía en que a linguaxe primaria non é a verbal/escrita senón a da evocación e do imaxinario. Unha sorte de minimalismo conceptista. Porque ese presente que se presenta e ese lugar que ten lugar son suficientes para convocar a marabilla, o milagre, eses dous derivados do mirare latino que se distingue do videre pola súa inclusión dentro da historia e da cultura e, por tanto, do imaxinario.

De entrada parecería que se elimina a melancolía, que a evocación continuada do presente conduce a un exercicio de écfrase en que as condicións espazo-temporais da voz deste eu, en tanto que significante deste suxeito suxeitado pola enunciación, son o único necesario para a construción do poema, mais o certo é que do exercicio emerxe unha melancolía do presente, unha re-presentación en que o tempo actual, na súa distancia inefable, só pode ser vivido como inacadable e distante. Nostalgia del presente, chamáralle J. L. Borges.

Esta evidente economía de recursos dispón o autor como un espectro afastado do poético canónico. Non hai verso nin versificación, non hai épica nin idade dourada pola que chorar, non hai alardes da linguaxe nin asomos dun enxeño alucinado, non hai brillos de ouropel nin sombras flagrantes. Só esta certeza da marabilla de vivir e de facelo con plenitude de conciencia. E velaí que do experimento asome a poesía. E asome, tamén, o poético. E isto porque, en primeiro lugar, todo falar implica unha retórica e porque, como ben nos explicou no seu día Roland Barthes, non hai grao cero da escrita. E, como sinalou Lacan, a castración comeza na linguaxe, no Nome (Non) do Pai. E todo falante é xa unha representación, como dixemos, dese suxeito suxeitado pola enunciación.

O tempo gramatical, impregnado polo afecto, é, por tanto, un tempo bergsoniano, menos de Chronos que de Kairós, menos da ciencia que do suxeito, menos mensurable que continxente, menos de feitos, produto de vontades, que de acontecementos, produto do azar, e é na lingua onde se constitúe. A poesía é, por tanto, lugar en que a desorde da entropía litiga coa orde da linguaxe e, nese choque de titáns, só caben como

gañadores a palabra ou o silencio. Mais ambos, sempre, enchidos de sentido. Presentes que se tornan afectos e se enchen de sentido.

Namora, certamente, a forma en que esta voz se desprende da “potencia” para concentrarse no “acto”. As variacións da “actualidade” como forma e como recurso.

Velaí o percorrido deste Lixeiro, desprovisto en aparencia da retórica do poético, espido do baluarte de certos repertorios contemporáneos, froito dunha reflexión e dun traballo, abríndose camiño entre as néboas do presente, sempre a debuxaren na distancia os espectros do mundo.


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]